A CIG acolle esta fin de semana, na sede da central sindical na capital de Galiza, a xuntanza do comité executivo da UITBB, Unión Internacional e Sindicatos de Traballadores/as da Construción, Madeira e Materiais de Construción, da Federación Sindical Mundial (FSM).
A UITBB está composta polas federacións nacionais ou sindicatos de traballadores/as das industrias da construción, a madeira, os materiais de construción e actividades conexas. Agrupa no seu seo ás organizacións de traballadores/as desas industrias, sen discriminación de orixe, sexo, relixión, concepción política ou filosófica, nacionalidade ou sistema económico e social en que viven as e os traballadores.
O propio comité executivo salienta a importancia das xuntanzas dos órganos da UITBB xa que permiten adoptar decisións colectivas, fomentando a unidade das traballadoras e traballadores e a solidariedade internacional.
Encontro Europeo
Do mesmo xeito salienta a relevancia das xuntanzas rexionais, como a de Asia e Pacífico, a europea e a latinoamericana, “vitais para a solidariedade rexional, a cooperación e a promoción de preocupacións rexionais específicas”. De feito aproveitarase esta reunión do Comité Executivo para celebrar, ao seu remate, o Encontro Europeo.
Ao abordar os desafíos específicos de cada rexión, estas xuntanzas permiten á UITBB adaptar as súas estratexias, iniciativas e campañas para responder eficazmente ás necesidades das traballadoras e traballadores da construción nas distintas rexións do mundo.
O obxectivo desta xuntanza é analizar a situación do sector entre as e os participantes dos distintos países, establecer o Plan de Acción para o período 2023-2024, empoderar aos traballadores da construción de todo o mundo e promover os seus dereitos e o seu benestar.
Participantes
Entre os sindicatos da Construción que conforman a Executiva da UITBB atópanse organizacións dos distintos continentes e de países tan diversos como Chipre, Uruguai, Congo, Portugal, Vietnam, Palestina, Grecia, Brasil, Colombia, Líbano, Pakistán, Cuba, Bangladesh, Siria, India, Euskadi ou Gabón.