A cheminea das Pontes: unha proposta

Fermín Paz Lamigueiro - 13 Mar 2023

Merece a pena conservar a cheminea das Pontes ou darlle outro uso á devandita infraestrutura? Aposto por darlle outro uso

 Cada proceso industrial deixa unha pegada; por iso é interesante debater e dar resposta de primeiras á pregunta “Temos que apostar por conservar o patrimonio industrial ou é un gasto insostíbel?”.
  A produción de enerxía con base en Galiza tivo e terá moitas afectacións negativas e a maior parte dos beneficios serven maiormente aos de fóra. Sempre coexisten nesta valoración dúas perspectivas, a galega e a estatal. Pasou co carbón e pasará de novo coa invasión dos nosos montes e mares, coa eólica.
  50 anos de historia teñen unha importancia na xente dunha xeración e relativa ou máis cativa nun territorio. A industrialización das Pontes ten máis pegada histórica nas reservas de carbón que na térmica, aínda que pareza o contrario.
  O lago artificial permite seguir lembrando e explicando o que aconteceu nesta parte do territorio galego mais aló da chegada de Endesa. Outra cousa é o que están a facer e debería facerse no futuro. Sería conveniente establecer un plan urbanístico e un ordenamento integral e con máis perspectiva de futuro. Cando vexo as noticias de posíbeis investimentos industriais, tiro a conclusión seguinte, non hai ningunha previsión, estamos en tempo de rebaixas e liquidación.
  Neste contexto, merece a pena conservar a cheminea das Pontes ou darlle outro uso á devandita infraestrutura? Aposto por darlle outro uso. Non sei se é posíbel, cando pechen definitivamente a térmica, unha voadura controlada que deixe dispoñíbel unha infraestrutura como a dunha edificación de 40 ou 50 metros de altura cunha cuberta de bóveda circular, centro loxístico e museístico do novo polígono industrial das Pontes.
  A Xunta de Galicia e o Concello deberían negociar con Endesa un concurso de ideas e o financiamento de todo este espazo novo industrial dispoñíbel.
  Supoño que hoxe é posíbel tecnicamente proxectar un feixe de luz aos 356 metros para que, de cando en vez, a xente lembrase a altura da cheminea. A min, gustaríame que se chamase "efecto Muruzábal" polo que fixo este compañeiro no outono de 1975 e como lembranza da loita obreira, tanto nas Pontes como na nosa Terra.

[13 de marzo de 2023]