A bandeira da clase traballadora galega

Suso Seixo -

Cómpre que as clases traballadoras galegas sexan plenamente conscientes e que reparen no feito de que aqueles que lle piden que abracen a causa española, de defensa da unidade da patria española e a súa bandeira, fronte á proclamación da República catalá, son os mesmos que provocaron a crise económica…

Ao abeiro da declaración de independencia de Catalunya estamos asistindo a unha campaña de manipulación informativa sen precedentes, por parte da grande maioría dos medios de comunicación españois e galegos, así como a unha enorme confusión ideolóxica e política que busca implicar as clases populares das outras nacións do Estado Español no illamento e no confronto coa lexítima loita soberanista do pobo catalán.

No ano 1978, a través dos Pactos da Moncloa, aceptouse por parte da esquerda española, política e sindical, (PCE, PSOE, UGT e CCOO), mediante un pacto coas forzas do franquismo, proceder a unha reforma do réxime ditatorial que permitise implantar unha democracia burguesa de corte monárquico, que non só non esixise responsabilidades políticas aos poderes fácticos que sostiveran o franquismo, senón que mesmo lles permitise seguir conservando boa parte do seu poder político e económico e de control sobre o propio aparello do Estado. Dentro dese pacto estaba incluído o darlle unha saída ao principal problema da oligarquía española, a loita das forzas nacionalistas de Galiza, Euscadi e Catalunya polo recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e o dereito de autodeterminación das tres nacións. A saída que se lle deu foi o de inventarse o Estado das Autonomías, o que permitía á oligarquía española, mediante unha mera descentralización administrativa, seguir a controlar o aparello do Estado ao seu servizo e, ás direccións das forzas políticas e sindicais estatais, manter o control sobre as súas estruturas partidarias e o poder político, sindical e institucional, derivado diso. 

Se avaliamos cal está a ser hoxe o comportamento das forzas políticas e sindicais, da suposta esquerda española, diante da esixencia por parte das forzas políticas independentistas cataláns da celebración dun referendo sobre a independencia de Catalunya, e que terminou derivando na posterior proclamación da mesma por parte do Parlament, vemos que manteñen unha actitude de total rexeitamento desta, utilizando para iso os mesmos argumentos e aliándose cos sectores máis rancios e imperialistas da dereita española, fieis continuadores dos presupostos ideolóxicos do franquismo, o cal pon de manifesto como, corenta anos despois, seguen estando presentes as razóns ideolóxicas, políticas e económicas que motivaron os Pactos da Moncloa de 1978, entre elas a prioridade de manter intacto o Estado centralista español.

Polo que respecta á actitude do sindicalismo español maioritario, vese que pretenden, pola vía de aliárense coa oligarquía española fronte ao pobo catalán, garantir uns medios e un poder que non son capaces de conquistar a través dunha defensa coherente dos intereses da clase obreira do Estado español.

Resulta realmente patético que esta teórica esquerda española utilice o suposto carácter ilegal desta consulta e a defensa da “democracia” para lle negar ao pobo catalán un dereito fundamental como é o poder votar e decidir libremente o seu futuro, o poder exercer o dereito democrático de todas as nacións do mundo á súa autodeterminación. Se a Constitución española non recolle este dereito fundamental, o xusto e democrático sería proceder a modificar a devandita constitución para que o recolla, como así se fixo, pola vía de urxencia, cando lle interesou ao capital priorizar a devolución da débeda pública sobre o propio gasto social. Cando por lei non se contempla o exercicio dun dereito fundamental, o que cómpre é modificar a lei para que o contemple, en vez de utilizar esta para impedir o exercicio deste dereito. Neste caso estamos a falar dun déficit democrático da Constitución española que o nacionalismo levamos denunciando desde o momento en que foi sometida a referendo, no ano 1978.

Resulta paradoxal tamén que todas as forzas opositoras á independencia de Catalunya, tanto da extrema dereita como da esquerda, o fagan baixo a bandeira española monárquica, a mesma bandeira baixo a que se deu o Golpe de Estado fascista do 36 contra a República, que provocou unha guerra civil na que morreron centos de miles de cidadáns, e baixo a que foron asasinadas miles de persoas e se mantivo unha ditadura durante 35 anos, cunha brutal represión e privación de todos os dereitos ao pobo. Onde fica o republicanismo do PSOE, do PCE, de IU...? Que opinarán os miles de militantes destas forzas políticas que foron vítimas da represión franquista, feita baixo esa bandeira? Isto si que é un atentado á democracia e á memoria das numerosas vítimas da ditadura franquista.  

Cómpre que as clases traballadoras galegas sexan plenamente conscientes e que reparen no feito de que aqueles que lle piden que abracen a causa española, de defensa da unidade da patria española e a súa bandeira, fronte á proclamación da República catalá, son os mesmos que provocaron a crise económica; que promoven as reformas laborais, o recorte dos salarios, os despedimentos fáciles, a individualización das relacións laborais, a privatización dos servizos públicos ou o desmantelamento do ensino, da sanidade e do sistema público de protección social. Son os mesmos que están a impor un modelo de mercado laboral altamente precarizado, negador de dereitos, que sobreexplota e busca debilitar a clase traballadora e as súas organizacións sindicais, que defenden un sistema económico e social, inxusto, antidemocrático, xerador de desigualdades sociais e dun reparto desigual da riqueza, violento e opresor de pobos e de ideas.

Avaliando todo isto no seu conxunto, vemos que non é casual que as forzas políticas e sindicais españolas que se opoñen ao exercicio democrático do dereito de autodeterminación das nacións do Estado español, sexan as mesmas que xustifican os pactos sociais, que desmobilizan a clase traballadora e colaboran coa patronal nas súas políticas regresivas e que consideran que o actual sistema capitalista é o mellor dos sistemas posíbeis.

A nosa causa, a causa do pobo galego, das súas clases traballadoras e do nacionalismo galego, é a causa da democracia, da xustiza social e da nosa emancipación como clase e como pobo; polo tanto, a clase traballadora galega e as organizacións que loitamos no día a día por defender os seus dereitos, a mellora da calidade de vida do pobo ou o dereito a un posto de traballo digno na nosa Terra, nunca imos abrazar causas ou bandeiras que supoñan a negación de dereitos e liberdades para as xentes ou para os pobos, neste caso para a nación catalá.

Unha última reflexión, por certo pouco nova para aqueles que levamos moitos anos militando no nacionalismo galego e enfrontándonos no noso quefacer diario aos intentos de negación, illamento e boicot por parte do españolismo, o recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e o lexítimo exercicio do dereito de autodeterminación, non vai vir da man, nin por iniciativa, das forzas políticas de ámbito estatal, nin situándonos en posíbeis escenarios de gobernos españois da esquerda plural. Nuns casos porque non cren niso e noutros casos porque non forma parte das súas prioridades, porque lles pesa moito máis o interese electoral que poden ver perigar, porque atenta contra o seu propio poder como estruturas estatais, porque non é funcional aos intereses económicos que poidan ter detrás, porque os intereses de Estado sempre van estar por riba desa realidade, porque senón aceptan esa realidade no propio funcionamento dos seus partidos moito menos o van aceptar na configuración xurídico-política do Estado.

Neste mundo altamente globalizado, onde a nosa nación, Galiza, no contexto español e europeo ten cada vez máis asignado un papel marxinal e periférico, cómprenos moito ter capacidade para gobernármonos por nós mesmos e mesmas, se queremos facer políticas pensadas na lexítima defensa dos intereses das nosas clases populares. Cómpre pois que as clases traballadoras do noso país, que somos os obxectivamente máis interesados, asumamos esa responsabilidade, nos autoorganicemos, reforcemos as organizacións políticas e socias propias, e pelexemos pola defensa do noso sen agardar por ninguén, e moito menos poñéndonos de tras de bandeiras que o único que representan son opresión e condenarnos a seguir mantendo o noso estatus de nación colonizada.

A nosa única bandeira é a da liberdade e esa é branca, cunha franxa azul e unha estrela vermella no centro.

 

(Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017)

 _______________________________________________________________________________________

Suso Seixo é presidente da Fundación Moncho Reboiras.  

Volver