O mes de maio rematou con 112.293 persoas desempregadas en Galiza, un 2,6% menos que no mes anterior. Porén, aínda que os datos do paro rexistrado e da afiliación á Seguridade Social correspondentes ao mes de maio reflicten unha evolución positiva en termos cuantitativos, continúan evidenciando un mercado laboral fortemente condicionado pola estacionalidade e pola precariedade. Así o denuncia o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, quen considera que as cifras confirman a dependencia da economía galega dos sectores vinculados ao período estival e a incapacidade para xerar emprego estábel e de calidade.
No mes de maio a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 8.048 persoas (+0,7%), mentres que o número de persoas desempregadas inscritas no SEPE diminuíu en 2.938 (-2,6%). Para González Sío esta evolución responde ao comportamento habitual do mercado laboral nesta época do ano. Unha evolución que confirma que “a estacionalidade do emprego segue sendo o dato máis característico do modelo económico do Estado español e tamén de Galiza. É unha situación que leva asociada unha precariedade crónica baseada fundamentalmente na temporalidade e na parcialidade”, sinala.
O 90,9% no sector Servizos
A análise por sectores confirma esta realidade. O 90,9% da redución do desemprego rexistrouse nos servizos, onde o paro baixou en 2.714 persoas. Ao mesmo tempo, os maiores incrementos da afiliación producíronse na hostalaría (+1.739), na administración pública (+1.129), na educación (+849) e na sanidade e servizos sociais (+600).
Segundo explica o secretario confederal de Emprego, estes datos evidencian que o emprego que se crea continúa concentrándose nos sectores máis vinculados á actividade estacional. “Estamos a falar de ramas caracterizadas por unha elevada temporalidade e por condicións laborais e salariais máis precarias. Para nada estamos diante dun proceso de creación de emprego estábel e de calidade”, denuncia.
Máis persoas traballadoras pobres
Por iso, a CIG chama especialmente a atención sobre a calidade do emprego creado. Dos 7.616 novos afiliados e afiliadas ao Réxime Xeral rexistrados en maio, 5.601 corresponden a contratos temporais ou indefinidos fixos-descontinuos. En concreto, os contratos temporais a tempo completo incrementáronse en 2.348; os temporais a tempo parcial en 1.160 e os fixos descontinuos en 2.093, respecto do mes anterior. Isto significa que o 74% das novas altas se produciron mediante modalidades laborais marcadas pola inestabilidade.
Ante isto, González Sió advirte “que o 74% das novas altas na Seguridade Social correspondan a contratos temporais ou fixos-descontinuos significa que máis de 5.600 persoas non van ter garantido un salario durante todo o ano nin a certeza de cobrar todos os meses. Isto explica que, malia existiren cifras récord de emprego, cada vez haxa máis persoas traballadoras pobres”.
Os datos de contratación reforzan esta análise. Dos 58.815 contratos rexistrados en maio, só 18.012 foron indefinidos, apenas o 30,6% do total, mentres que case sete de cada dez contratos asinados foron temporais.
A CIG alerta tamén do forte incremento dos contratos por circunstancias da produción, que acadaron os 29.982 durante o mes. González Sío denuncia que moitos continúan utilizándose de forma fraudulenta para cubrir necesidades permanentes das empresas. “Seguimos vendo contratación temporal en postos que existen durante todo o ano e que deberían estar ocupados mediante contratos indefinidos”, critica.
Mudar o modelo produtivo
Para a CIG, os datos de maio demostran unha vez máis a necesidade de mudar o modelo produtivo e laboral. Neste sentido, González Sío reitera a demanda de derrogar as reformas laborais de 2010, 2012 e 2021 e apostar por políticas que impulsen a industria, reforcen os servizos públicos e favorezan actividades económicas capaces de xerar emprego estábel e con dereitos.
“Galiza necesita un modelo económico menos dependente do turismo e da estacionalidade e máis orientado a sectores que creen postos de traballo estábeis, cualificados e con condicións laborais dignas”, conclúe.