A avícola SADA despide unha traballadora en represalia por ir na candidatura da CIG

A central pedirá no xulgado a nulidade da decisión e enmárcaa no conflito do persoal falso autónomo
Lugo - 15 Xan 2020

Sada PA Castilla Galicia SA vén de despedir a unha traballadora que foi na candidatura da CIG nas eleccións celebradas nesta empresa o pasado 11 de decembro e no que a central nacionalista resultou a forza máis votada. Para a FGAMT-CIG, esta decisión carece de xustificación, constitúe unha clara represalia contra a traballadora e haina que enmarcar no conflito do falso persoal autónomo.

A factoría de Castro Ribeiras de Lea do Grupo Sada (da multinacional Nutreco) é o matadoiro de aves e coellos máis grande de Lugo, e conta cun censo total de 279 traballadores e traballadoras, logo da alta de oficio da Inspección de Traballo do persoal falso autónomo no Réxime Xeral da Seguridade Social, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López.

Despedida o día no que se incorporou das vacacións

A traballadora afectada foi despedida "sen ningún tipo de xustificación, o que alimenta as sospeitas de que claramente é unha represalia pola súa participación no procedemento electoral na candidatura da CIG", afirma López. A empresa, no seu despedimento disciplinario alegou incumprimentos no desenvolvemento da súa actividade, feitos completamente falsos, "cando a traballadora levaba algún tempo en situación de baixa médica, trala cal se lle aplica o goce das vacacións pendentes e o mesmo día da súa incorporación o posto de traballo é despedida".

Para a CIG este despido "é unha represalia sen ningún tipo de xustificación, unha ameaza ao conxunto do persoal, así como unha postura de forza diante da posición deste sindicato polos despedimentos inxustificados no intre en que se asumiu o persoal da falsa cooperativa Servicarne en 2019". Cómpre lembrar que Sada foi unha das últimas empresas en asumir a incorporación formal deste persoal e para isto simulou un falso proceso selectivo denunciado dende a CIG.

Elevados ritmos de traballo

Doutra banda, López Carmona destaca que neste sector existe unha situación crónica derivada dos altos ritmos de traballo e as repeticións, "o que supón a existencia de lesións con certa frecuencia, cuestións nas que as empresas pretenden actuar coa menor responsabilidade posíbel, resultado perfectas máquinas de degradación do persoal".

Dende a CIG xa se están a dar os pasos necesarios para reclamar en sede xudicial o despedimento nulo desta traballadora e, polo tanto, a súa readmisión, e valoraranse as oportunas actuacións que se poidan derivar deste conflito.