A Audiencia Nacional obriga a ABANCA a rexistrar a xornada efectiva do persoal e comunicarlle as horas extra que realice

A sentenza dálle a razón á CIG en todos os puntos demandados pola central
Compostela - 24 Feb 2016
A Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou unha demanda de conflito colectivo contra Abanca Corporación Bancaria a raíz da negativa da empresa a rexistrar a xornada efectiva do cadro de persoal e a recoñecer as horas extra. Hoxe coñeceuse a sentenza da Audiencia Nacional española que lle dá a razón á central nacionalista en todos os puntos demandados.

As  últimas Enquisas de Poboación Activa  (EPA) recoñecen que desde a reforma laboral do Partido Popular o número de horas extras non pagadas superan ás pagadas e, de feito, no ano 2015, un 56% das horas extras non foron pagadas. "Unha bolsa de fraude da que se benefician os empresarios, coma era o caso de Abanca", denuncia o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero.

Pero ademais no caso de Abanca, matiza Montero, "esta empresa continua destruíndo emprego (122 empregos no 2015) e mantendo aberto un Expediente de Despedimentos Colectivos, mentres o persoal realiza milleiros de horas extras non pagadas, nin cotizadas á Seguridade Social. Unhas horas extraordinarias que a empresa nega, recaendo sobre o persoal a carga de proba". 

O secretario nacional da CIG-Banca asegura que mesmo a día de hoxe "a empresa non atende as reclamacións de horas extraordinarias presentadas a nivel individual por afiliados/as da CIG".

Conflito colectivo

Ante esta situación a CIG presentou unha demanda de conflito colectivo na Audiencia Nacional, ao que se sumaron o resto de sindicatos con presenza na entidade.

A sentenza que vén de ditar o tribunal establece que as empresas teñen a obriga de rexistrar a xornada efectiva realizada polos traballadores e traballadoras ao abeiro do artigo 35.5 do Estatuto dos Traballadores, primeiro paso para poder probar a existencia das horas extraordinarias.Destaca ademais que mesmo o labor das Inspeccións de Traballo non sería posible sen a existencia dese rexistro.

Montero lembra que tamén se demandaba que se comunicara á representación sindical as horas extraordinarias realizadas, feito que tamén foi recoñecido pola sentenza.

Malia non se descartar a presentación de recurso por parte de Abanca, "esta sentenza é unha ferramenta sindical para facer fronte á extensión ilegal da xornada e, polo tanto, a bolsa de fraude empresarial", conclúe o secretario nacional da CIG-Banca.