A Atención Primaria, en pé por mellores condicións e unha asistencia de calidade
O persoal da Atención Primaria desenvolveu en novembro tres xornadas consecutivas de folga, convocadas pola CIG-Saúde, para reclamar un “cambio de rumbo” na xestión do Sergas tras anos de falta de planificación e de recortes na sanidade pública.
Malia os excesivos servizos mínimos impostos e os cálculos terxiversados publicados pola Consellaría, a folga rexistrou un importante seguimento, sobre todo entre o persoal de medicina de familia.
De xeito paralelo, numerosos centros de saúde acolleron concentracións para esixir melloras nas condicións de traballo, a negociación e aplicación inmediata do plan de ordenación dos recursos humanos e unha aposta política decidida en defensa da Atención Primaria, como ámbito fundamental da sanidade pública.
A CIG-Saúde xa advertiu de novas convocatorias se a Consellaría insiste en non achegar propostas que permitan solucionar a crise que atravesa este servizo e rexeita por insuficiente o acordo asinado polo resto de sindicatos da Mesa Sectorial, cunhas condicións que ademais entran en contradición con outros pactos acadados por Sanidade fóra deste ámbito de negociación.
Decembro de loita no ensino público galego
A CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino público galego, ten convocada folga para os días 16 e 17 de decembro e desenvolverá diversas actividades reivindicativas ao longo deste mes para visibilizar todos os dereitos roubados e os recortes do goberno da Xunta que levaron a que este sexa o curso máis conflitivo nos últimos 40 anos.
En paralelo, dará a coñecer nunha campaña informativa dirixida á sociedade galega cada unha das demandas da táboa reivindicativa deste conflito “que non é só laboral xa que afecta de cheo á calidade do servizo público que é a educación”.
Lembran que as principais demanda se refiren á baixada de ratios; á recuperación do horario lectivo de 21 horas en infantil e primaria e de 18 no resto de ensinanzas; á dotación de maior persoal para atender a diversidade e de profesionais de orientación; ou un plan real que permita reducir a burocracia innecesaria.
A CIG chama á colaboración das ANPA que desde comezos de curso veñen organizando mobilizacións para reclamar máis profesorado nos seus centros a que se sumen ás accións previstas a nivel comarcal para o día 16 (con marchas fúnebres entre centros educativos) e na manifestación nacional que o día 17 sairá ás 11:30 horas do Parlamento de Galiza.
Acordo salarial estatal: novo pacto de perdas
Persoal empregado público mobilizouse o pasado 2 de decembro na Delegación do Goberno na Coruña para rexeitar o acordo salarial acado a nivel estatal “que consolida perdas salariais, manipula as cifras e recicla promesas incumpridas dende hai anos”.
Para a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde), convocante da protesta, estamos ante “un novo pacto de perdas”, ao situar os incrementos por debaixo do IPC real e renunciar a recuperar o desfase coa inflación do 2,3% do anterior acordo, e estabelecer unha suba do 2,5% para 2025 e un ridículo 1,5% para 2026.
Denuncian que, unha vez máis, este pacto foi “cociñado” fóra das mesas legais de negociación, excluíndo deliberadamente a CIG e convertendo o chamado diálogo social “nun ritual baleiro no que só participan os sindicatos estatais para dar cobertura a decisións tomadas de antemán polo Goberno español”.
Fronte a isto, a CIG trasladara hai meses unha proposta ao Ministerio de Función Pública reclamando a introdución dunha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC e blindada por lei (con este obxectivo, a central presentou unha PNL que está en fase de recollida de sinaturas) e aplicar unha suba do 5% para os anos 2025 e 2026, con efectos reatroactivos desde xaneiro.