A asemblea de Pescanova ratifica suspender a folga indefinida durante as negociacións do convenio

O cadro de persoal da firma viguesa de alimentación tamén decidiu convocar novos paros se as conversas rematan sen acordo

Nacional -

A asemblea de traballadores/as de Pescanova celebrada hoxe en Chapela aprobou por unanimidade a proposta das centrais de suspender a folga indefinida prevista para o vindeiro día 4 mentres se celebran as xuntanzas fixadas pola mediación laboral para intentar chegar a un consenso sobre os novos convenios colectivos. Con todo, o cadro de persoal da firma de alimentación tamén decidiu que convocará novos paros se as conversas no caso de que as conversas rematen sen acordo.

Representantes da CIG, CUT, UGT e USO trasladáronlle aos máis de 200 empregados/as que participaron na asemblea que tivo lugar no multiusos de Chapela (Redondela) esta mañá o contido das reunión mantidas onte coa dirección de Pescanova por iniciativa da mediación laboral tras a intervención da Consellaría de Economía, Emprego e Industria no conflito.

Os responsábeis sindicais explicaron que a importancia do acordo acadado onte radica en que permitirá desbloquear as negociacións, iniciadas hai máis de 10 meses, xa que a empresa “desdebuxou as súas liñas vermellas” e retirou o ultimato polo que pasaría a aplicar o convenio de elaborados no caso de que non se chegase a un consenso nos próximos días.

Deste xeito, as centrais maioritarias (CIG, CUT, UGT e USO) están chamadas á mesa de negociación o vindeiro día 29 no hotel Ciudad de Vigo ás 16.00 horas, xuntanzas que terán continuidade -no caso de que non haxa acordo- dende as 9.00 horas dos días 30 e 31, coa posibilidade incluso de prolongalas tamén até o sábado 1 de abril. Pola súa banda, CCOO participará nunha mesa aparta despois do veto exercido polo resto de sindicatos “pola súa actitude desleal”.

Nestas conversas abordaranse as tres cuestións que até o de agora impediron un acordo sobre os convenios: incremento salarial, a flexibilidade e as novas categorías laborais de entrada na empresa. No caso de que os contactos rematen sen consenso, o persoal apostará por convocar novos paros e mobilizacións, tal e como se aprobou na asemblea de hoxe.

"Unidade e forza" do cadro de persoal

Ao remate do encontro, unha representación das catro centrais compareceu en rolda de prensa para informar sobre as decisións da asemblea. Os responsábeis sindicais incidiron en que o cambio de postura da dirección foi posíbel pola “forza e a unidade” do cadro de persoal, que durante a asemblea volveu dar mostras da súa intención de levar o conflito até as súas últimas consecuencias. “Somos conscientes de que vai ser unha loita moi longo, pero estamos preparados/as para resistir”, aseguraron.

Tamén incidiron en que este conflito laboral transcende a propia empresa, “xa que o significado simbólico desta loita vai máis alá e afecta ao conxunto do sector de elaborados, que ten os seus ollos postos en nós para ver o que somos quen de lograr”.

Finalmente, fixeron un chamamento ao conxunto dos traballadores/as da empresa a acudir ao pleno de Redondela o vindeiro xoves día 30 xa que está previsto que na sesión se debata unha moción de apoio ás reivindicación do persoal de Pescanova. Unha moción similar será levada unha semana despois ao pleno municipal do Porriño.

Volver