A Área Pública da CIG reclama o pago de todas as cantidades adebedadas polos recortes nas pagas extra

O conselleiro de Facenda e o director xeral de Función Pública confirman que só se devolverá un 25% da de 2012 en abril e outro 25% en setembro
Compostela - 16 Mar 2016
O Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, confirmou esta mañá, nunha xuntanza mantida coa Área Pública da CIG, que o vindeiro mes de abril só se devolverá o 25% das cantidades adebedadas da paga extra de 2012 e en setembro,  outro 25%. A Área Pública da CIG considera que se trata dun anuncio con fins puramente electoralistas e reclama, unha vez máis, o pagamento de todas as cantidades adebedadas polos recortes nas pagas extra de 2013, 2014, 2015 e 2016.

A Área Pública da CIG informa ademais de que, segundo se anunciou nesa reunión, en 2017 as empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza recuperarían os complementos na paga extra.

Fronte a isto, a Área Pública lembra que aínda que isto fose así, o certo é que seguen pendentes as cantidades substraídas por mor dos recortes efectuados polo Estado español.

A isto engade que o conselleiro non foi quen, sequera, de garantir o pagamento das cantidades devindicadas da paga extra de 2013, nas que a Xustiza xa deu a razón á CIG nas múltiples sentenzas emitidas.

A Área Pública solicitou ademais a derrogación dos sucesivos recortes aplicados ao persoal laboral e funcionario relativos a descontos por incapacidades laborais ou polo non pagamento de vacacións ao persoal substituto, entre outras cuestión.