A Alianza Rural Galega denuncia que a planta de biomasa de Ence pon en perigo o futuro do rural

Alerta nun comunicado das consecuencias da instalación da planta de xeración con biomasa
Nacional - 15 Mar 2017

Diante das presións que está a facer ENCE coa instalación dunha planta de biomasa forestal de 40MW e diante da propaganda coa que quere vender a súa instalación (73 millóns de euros, un feixe de postos de traballo…), a Alianza Rural Galega vén de emitir un comunicado no que alerta das consecuencias que tería para o medio natural e rural de Galiza.

A Alianza Rural Galega asegura que unha central de tal potencia non se pode manter só con biomasa forestal residual, senón que vai precisar de cultivos enerxéticos, nomeadamente eucaliptos, para cortalos en quendas de 5/8 anos. De feito aporta o dato de que a Universidade de Vigo ten calculado que para obter 50MW de electricidade con biomasa precisaríanse anualmente medio millón de toneladas de madeira, o que en superficie equivale a entre 7.000 e 10.000 hectáreas de cortas.

Advirte de que os cultivos enerxéticos, nomeadamente con plantacións de eucaliptos, perpetúan un modelo de explotación colonial, no que o medio ambiente, o territorio e as persoas que viven nel son secundarios. “O único que importa é producir o maior volume de recurso no menor tempo posíbel, á marxe da realidade ambiental e social, xa que aliás de degradar o medio e favorecer os lumes, só se poden manter grazas ao abandono das terras”, afirma.

Denuncia que a presión de ENCE xa logrou que o Partido Popular, “o seu principal valedor político”, derrogara recentemente o decreto de aproveitamento da biomasa forestal aprobado polo bipartito en 2008. Este decreto vetaba as grandes plantas de biomasa, xa que as centrais non podían exceder de 10MW de potencia, ordenando e limitando o número de instalacións a 10 para non criar un “efecto chamada”. “Derrogado este decreto, o lobby pasteiro-enerxético ten xa barra libre para instalar as incineradoras onde queira, como queira e cantas queiran (o neoliberalismo en estado puro)”, sinala.

A isto engade que para que o negocio sexa completo, as empresas enerxéticas, con ENCE á fronte, precisan terras para as inzar de cultivos enerxéticos. E esta superficie está, fundamentalmente, nos montes veciñais en man común e nas terras agrarias que se están a abandonar como consecuencia do peche de centos de explotacións cada ano por mor da crise dos prezos dos produtos agrarios e gandeiros.

Resistencia da veciñanza ao roubo de terras

“De aí que o Partido Popular estea elaborando toda unha lexislación para roubarlle as terras á veciñanza comuneira e entregarllas de balde ás empresas forestais. As ferramentas desta estratexia son a obriga de pagar as falsas e inxustas débedas dos consorcios e dos convenios, condonadas de ingresar nunha SOFOR (Sociedade de Fomento Forestal); ditar as comunidades de montes onde teñen que investir os seus ingresos...” En todo caso considera que como o “roubo” das terras comunitarias, debido en boa parte a resistencia da veciñanza, vai lento, “o que está a facer ENCE co sainete da localización da planta, e pedirlle aos seus amigos do PP que aceleren o proceso”.

Para a Alianza Rural Galega fica claro que a binomio megaplantas de xeración-cultivos enerxéticos, depara un futuro para o rural galego dominado pola forestación, en réxime de monocultivo, tanto dos nosos montes como das terras agrarias, onde imperará o círculo vicioso de plantar-cortar-abandono-lumes–degradación. “A multifuncionalidade e a sustentabilidade do monte e do territorio son elementos básicos para garantir o futuro dun mundo rural galego poboado e vivo e son inimigos do modelo que ENCE e o PP queren implantar na nosa terra”, conclúe.