A 30 anos da “Intifada das pedras”

María Landi -

Aínda que a maioría da poboación palestina ten menos de 30 anos, moitos lembran con saudade a primeira Intifada. O tema adoita aflorar nas conversas con calquera persoa maior de 40 anos, e todas teñen anécdotas para contar sobre esa resistencia popular e ben organizada, que se mantivo durante catro anos malia a brutal resposta represiva israelí

Este ano de aniversarios significativos para Palestina[1] péchase conmemorando os 30 anos da “mal chamada” Primeira Intifada[2]: o maior levantamento masivo do pobo palestino, que reinstalou a súa causa na axenda internacional e espertou unha vaga de simpatía popular en todo o mundo.

 O rebento iniciouse o 9 de decembro de 1987 nun checkpoint militar do campo de refuxiados de Yabaliya, en Gaza, cando un jeep israelí atropelou un camión que levaba traballadores palestinos, matando catro; e na protesta popular que seguiu o incidente, un soldado asasinou un adolescente de 17 anos. Porén, eses feitos violentos -e varios que os precederon- foron a pinga que rebordou o vaso dunha poboación sometida durante 20 anos[3] a un brutal réxime militar e colonial que, despois de arrebatarlles a súa terra para entregala a colonos xudeus chegados de Europa e de todo o mundo, lles negaba os máis elementais dereitos humanos, así como a súa historia e a súa identidade como pobo orixinario desa terra, castigando coa cadea e a deportación masivas calquera intento de resistencia. Neses 20 anos, 200.000 palestinos/as pasaran polos cárceres israelís, e 4.500 permanecían nelas en 1987.

 A Intifada tomou por sorpresa tanto ao réxime israelí como aos dirixentes da OLP exiliados en Tunisia, pois non foi responsabilidade de ningún partido. Unha xeración enteira que nacera e medrara baixo a ocupación ergueuse como protagonista e marcou un fito na longa historia de resistencia palestina: até ese momento a iniciativa estivera fóra dos territorios ocupados, nos líderes da OLP que conducían a loita armada desde Xordania, Líbano e Tunisia sucesivamente.

 Porén, en decembro de 1987 o pobo baixo ocupación dixo “Abonda!” e saíu ás rúas masivamente para enfrontar desarmado un dos exércitos máis poderosos do mundo. A imaxe icónica dos nenos botando pedras aos tanques converteuse en todo un símbolo do levantamento palestino, invertendo o mito de David e Goliat que Israel propagara eficazmente ao presentarse como vítima ameazada e agredida polo poderoso mundo árabe.

 Aínda que houbo accións armadas, o levantamento foi fundamentalmente unha insurrección civil[4]. A resistencia organizábase nas cidades, vilas, aldeas e campos de refuxiados a través de comités populares que garantían a subsistencia da poboación, así como as tarefas educativas e de saúde durante os bloqueos e toques de queda. A dirección estaba en mans dunha coalición plural, clandestina e ben organizada: o MNUI, que dirixía as accións de protesta. Alí estaban representados Fatah como principal partido e os marxistas FPLP, FDLP e PPP. Os partidos islamitas (Hamas e Yihad Islámica) fixeron a súa irrupción pública a pouco de se iniciar a Intifada, mais non integraron o MNUI, que se mantivo como un movemento secular.

 Aínda que a maioría da poboación palestina ten menos de 30 anos, moitos lembran con saudade a primeira Intifada. O tema adoita aflorar nas conversas con calquera persoa maior de 40 anos, e todas teñen anécdotas para contar sobre esa resistencia popular e ben organizada, que se mantivo durante catro anos malia a brutal resposta represiva israelí e do alto custo que pagaron as familias e comunidades. Abundan os relatos sobre as diversas formas que adoptou esa resistencia: desde a loita permanente nas rúas e as folgas prolongadas até o non pagamento de impostos e o boicoteo a institucións e produtos israelís -e o que implicaba en termos de organizar alternativas de subsistencia-. Unha eficaz rede subterránea permitía coordinar as diversas tarefas de resistencia; entre elas, cursos clandestinos para que os nenos e nenas e a mocidade puidesen continuar estudando. Cada acción implicaba, ademais, prepararse para enfrontar a reacción do inimigo e tentar minimizar os seus custos. Por exemplo, o non pagamento de impostos foi castigado coa invasión de fogares e a “confiscación” (eufemismo sionista para se referir ao roubo de terras e propiedades palestinas) dos bens particulares das familias.

 A Intifada xerou un sentimento de empoderamento colectivo, así como unha subversión das convencións sociais. Por exemplo, as mulleres saíron do espazo doméstico e asumiron novos roles produtivos e políticos, organizándose nos comités locais para asegurar a efectividade das tarefas de boicot e subsistencia a nivel comunitario, e tamén participaron activamente na mobilización popular.

 A reacción sionista foi, como sempre, brutal e desproporcionada: peche de escolas e universidades, toque de queda, cerco ás cidades, represión feroz das manifestacións, demolición de casas sen previo aviso, destrución de colleitas e oliveiras, desvío de fontes vitais de auga (provocando unha deliberada escaseza nas comunidades), deportación de activistas e despedimentos masivos de quen traballaba en Israel. O daquela Ministro de Defensa Isaac Rabin ordenou aos soldados “crebar os ósos” dos nenos que arrebolaban pedras. Entre 1987 e 1991 as forzas israelís asasinaron máis de 1.100 persoas (moitas delas menores de idade) e mancaron a decenas de miles. O Consello de Seguridade da ONU emitiu varias resolucións condenando a Israel polo alto número de mortes, deportacións masivas e destrución de vivendas, acusándoo de violar os Convenios de Xenebra. O levantamento tivo como saldo case 1.500 mortes palestinas (incluíndo 237 menores de 17 anos) e 185 israelís.

 Aínda que a dirección da Intifada estaba en mans do MNUI, os dirixentes da OLP intentaron dirixir o proceso “por control remoto” desde Tunisia. A unidade tamén se vía ameazada polo faccionalismo e a loita de poder entre dirixentes partidarios que tiñan unha marxe de actividade e visibilidade pública da que carecían os líderes clandestinos do MNUI. Estes factores, xunto co desgaste natural da sociedade civil ao ter que facer fronte a unha represión implacábel e cada vez máis dura, levaron a un debilitamento do proceso. Mentres a xente resistía nas rúas, nos barrios, aldeas e campos de refuxiados, e pagaba co seu sangue o prezo máis alto, o MNUI perdía independencia e a cúpula da OLP buscaba achegamento co inimigo para negociar un acordo[5]. Ao mesmo tempo, ao pobo palestino íalle quedando claro que non podería contar co apoio dos gobernos árabes -malia a simpatía dos seus pobos-. O comezo da guerra do Golfo en 1991 terminou de inclinar a balanza en contra da rebelión palestina.

 As manobras de Israel e Estados Unidos para neutralizar a Intifada cooptando a Arafat e a dirección da OLP (controlada por Fatah) deron o seu froito coa convocatoria da Conferencia de Paz de Madrid (1991). Esta puxo en marcha o falaz “proceso de paz” que culminaría no asinamento dos Acordos de Oslo I (1993) e Oslo II (1995). Esa viraxe significou o certificado de defunción da Intifada popular, e o inicio dun proceso que converteu a loita de liberación nacional nun arremedo de “autonomía”, e os líderes desa loita nunha elite ocupada (en todos os sentidos da palabra) na “administración” de insignificantes parcelas do territorio controlado por Israel. Á flamante ANP outorgóuselle moito menos poder do que posuían os caciques fantoches dos bantustáns durante o apartheid surafricano, aínda que a súa funcionalidade política era moi similar.

 Oslo significou tamén a fragmentación territorial, a atomización social e política, o maior esganamento da economía palestina e a introdución de políticas neoliberais para converter a poboación ocupada en consumidora e dependente de hipotecas e empréstitos financeiros, ou dos salarios da ANP. Este perverso sistema de control despregouse en paralelo co avance implacábel da colonización israelí, que en 20 anos de “proceso de paz” triplicou o número de colonos vivindo no territorio ocupado.

A frustración da xente ante a trampa de Oslo, así como as políticas represivas e belicosas de Ariel Sharon levaron en 2000 ao xurdimento da “Segunda Intifada”, que tivo un carácter completamente distinto pola preeminencia dos movementos islamitas e as súas cruentas accións armadas, en menoscabo da participación popular, até tal punto que moita xente (nomeadamente, as feministas) non a considera unha verdadeira Intifada popular. A súa derrota significou o profundamento da dominación israelí a niveis até daquela descoñecidos, en particular coa construción do Muro e o sistema asociado de permisos e checkpoints para garantir aínda máis a fragmentación do territorio, o control da poboación ocupada e a supresión total da súa liberdade de movemento. A corrupción e degradación da ANP e a súa rede clientelar, a súa imperdoábel colaboración con Israel, a súa renuncia a loitar por Xerusalén e pola poboación refuxiada, levaron ao ascenso de Hamas en 2006. O seu enfrontamento con Fatah en 2007, e a capitalización que Israel soubo facer desa endémica loita fratricida, acentuaron o illamento da bloqueada Franxa de Gaza do resto do territorio palestino, e a dificultade para reconstruír un proxecto de liberación nacional.

 Porén, a pesar do estancamento provocado polo proceso de Oslo e o faccionalismo político, a mellor expresión da sociedade civil palestina semella comezar a rescatar o espírito rebelde, plural e unitario daquela Intifada no vigoroso movemento BDS, que non deixa de medrar dentro e fóra de Palestina, malia os inxentes esforzos de Israel por criminalizalo e destruílo. O seu potencial é enorme, se consideramos que os territorios ocupados son o terceiro mercado da economía israelí, e que é unha batalla que se pode librar desde o interior de cada fogar e de cada conciencia, nunha variante de resistencia clandestina máis difícil de reprimir.

 Trinta anos logo da Intifada, as e os palestinos teñen razóns dabondo para lembrar con saudade aquela época na que loitaban porque “non tiñamos nada que perder”, e porque había un programa de resistencia común e un liderado unido para dirixilo. Mais o movemento BDS posúe ambos, e unha crecente plataforma de apoio e lexitimidade internacional. Os sionistas sábeno, e por iso o BDS quítalles o sono.

____________________________________________________________________________

Glosario:

OLP: Organización para a Liberación de Palestina (1964)

FPLP: Fronte Popular para a Liberación de Palestina (1967)

FDLP: Fronte Democrática para a Liberación de Palestina (1969)

PPP: Partido do Pobo Palestino ou Comunista (1982)

MNUI: Mando Nacional Unificado da Intifada (1987)

ANP: Autoridade Nacional Palestina (1994)

BDS: Movemento de Boicoteo, Desinvestimento e Sancións a Israel (2005)

____________________________________________________________________________

Notas:

[1] 100 anos da Declaración Balfour que deu luz verde á colonización sionista, 50 da ocupación da totalidade de Palestina, 10 anos do bloqueo á Franxa de Gaza, e o que lembra esta columna.

[2] Intifada é unha palabra árabe que significa literalmente “sacudida” e designa un alzamento popular. A verdade é que ao longo do século XX o pobo palestino se ergueu moitas veces contra a dominación británica e a colonización sionista (por exemplo en 1929, 1936-39, 1976, 1979-80).

[3] Os 20 anos cóntanse desde a ocupación de Gaza, Cisxordania e Xerusalén Leste en 1967, sen esquecer que a maior limpeza étnica de Palestina se iniciou en 1948 no territorio que hoxe ocupa o Estado de Israel.

[4] Malia a brutal represión israelí, a dirección da Intifada mostrouse contraria a usar armas nas protestas. As cifras indican que só un cinco por cento das accións palestinas incluíron armas de fogo ou explosivos.

[5] En 1988 a OLP no exilio declarou a independencia de Palestina, recoñecendo o Estado de Israel a cambio da ilusión de crear un futuro mini Estado palestino no 22 por cento do seu territorio histórico.

____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Desinformémonos, do 3 de decembro de 2017]

Volver