8 de Marzo: Mulleres traballando en precario para outras mulleres precarizadas

A CIG realizou concentracións nas sete cidades para denunciar o deterioro das condicións laborais das mulleres, o incremento das desigualdades e os recortes sociais
A Coruña - 08 Mar 2016
Máis de cen anos despois de que a marxista e histórica feminista Clara Zetkin, proclamara o 8 de marzo como o Día internacional da Muller Traballadora en homenaxe a varias revoltas de mulleres reclamando melloras salariais, redución da xornada e condiciones laborais dignas, non é banal que o lema escollido pola CIG neste 2015 sexa “Precarias”. Porque a precariedade é a mellor definición da situación sociolaboral que atravesan as galegas, con contratos temporais, traxectorias laborais inestábeis, con moita rotación laboral e con salarios, en moitos casos, por baixo da liña da pobreza.

Galería de imaxes

“As galegas ou ben somos traballadoras por conta propia que sobrevivimos en actividades e negocios que non nos dan para vivir, pero que mantemos abertos ante a falta de alternativas. Ou somos traballadoras asalariadas, mais precarias, que a pesar de traballarmos cada día, facémolo en condicións de precariedade, e non conseguimos deixar de ser pobres”, alertaba a Secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, durante unha das sete concentracións convocadas pola central sindical, con motivo do 8 de Marzo.

Recuperando a orixe da conmemoración

En palabras de Margarida Corral, “aínda compartindo o desexo de moitas feministas de facer desta data unha xornada de denuncia da desigualdade e inxustizas que padecemos as mulleres no mundo, outras consideramos máis necesario ca nunca manter o termo traballadora, porque foron demasiados os intentos de baleirar de contido  a orixe da conmemoración. Mais cando desde xa demasiadas institucións e do propio capitalismo se pretende facer unha comercialización ou descafeinización dun día que ten que ser de loita”.

Neste senso, engadiu que o propio lema de Día internacional das mulleres non leva implícito ningunha reivindicación en si. Pode ser usado como tal para calquera campaña de márketing. “Mais traballadoras somos todas as mulleres. As que temos emprego e as que non o temos. O 8 de marzo non debe desvincularse da súa orixe. É unha data de lembranza das manifestacións de obreiras contra os abusos patronais en varios países do mundo. É a data de referencia para o feminismo de clase”, aseverou.

Por iso, Corral insistiu en que esta é “unha reivindicación que segue a estar vixente. Hai datas recoñecidas a nivel mundial para esixir os nosos dereitos sexuais e reprodutivos, para loitar contra o feminicidio, alén das reivindicacións concretas que fagamos no noso día a día, para nós segue a ser importante reivindicar o noso espazo e os nosos dereitos como traballadoras, o noso contributo á loita obreira”.

Traballadoras en precario que traballan para outras mulleres precarizadas

Por este motivo, a xornada de loita que todos os 8 de marzo convoca a CIG, centrouse este ano nas tendas do grupo Inditex. Unha escolla “que non é casual”, xa que a meirande parte do seu persoal “son mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, con grande rotación, salarios baixos, ás cales se lles dificulta a conciliación, mentres as empresas conseguen millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras”.

Nesta situación situou Margarida Corral tamén ás traballadoras de venda, ás que denunciou que se lles exixe ter boa presenza e sofren discriminacións por razón de idade, xa que, afirmou, “a media de idade é de 28 anos e agochan ás de máis de 40 nos almacéns, ou prexubilan ás de máis de 50.

Corral non esqueceu tampouco ás traballadoras dos centros loxísticos, que “teñen que facer horas extra para poder sacar nunha xornada de traballo a cantidade de prendas marcadas polos ritmos de robotización”; nin ás que son explotadas por estas mesmas empresas nos países pobres, nas fábricas de confección de roupa.

Unha explotación que non só sucede no país ou no resto de países onde o grupo ten as súas tendas, senón nas fábricas de confección da roupa, deslocalizadas nos países máis pobres. Estas empresas abandonaron hai xa moitos anos o uso de cooperativas instaladas en Galiza, para facer uso de provedores externos que subcontratan a produción a talleres que en moitos casos incumpren a lexislación do país no que están situados, tal e como versan multitude de denuncias sobre explotación das traballadoras, en réxime de semiescravitude, e mesmo de explotación infantil (en Marrocos traballaban 65 horas de costura á semana por un salario de 178 euros ao mes).

Nesta liña, afirmou que “estamos ante o que se lle chama a moda de usar e tirar. Un modelo de negocio non sostíbel baseado na venda e consumo de roupa con menor tempo de vida útil, producións máis curtas e prazos de entrega tamén máis pequenos. Isto significa para as consumidoras roupa de peor calidade que hai que renovar cada temporada e para as persoas que as confeccionan salarios de miseria, xornadas interminábeis, precariedade, medo e enfermidades. E para o medio ambiente produtos químicos sen control. Velaí o paradoxo: traballadoras en precario traballan para outras mulleres precarizadas”.

Por iso, concluíu, “concentrámonos hoxe nas sete cidades; para denunciar un modelo de contratación e de relacións laborais de baixo custe para as empresas (aforro dos custes da contratación, salarios baixos, custes en formación case inexistentes, aforro nos custes de despedimento), mais cun elevado custe sobre as traballadoras, que ven como a súa carreira laboral vai ser curta, parcial e dificulta ou mesmo imposibilita conciliar traballo e vida privada”.