Documento


Guía Económica

Guía económica

1.- Introdución

Podemos definir a economía como o estudo e a maneira en que as persoas e as organizacións que estas conforman (empresas, familias, Estado...) utilizan uns recursos produtivos «escasos» para obteren distintos bens e servizos, e distribuílos para o consumo entre as diversas persoas e grupos que compoñen a sociedade.

O problema económico xorde porque as necesidades humanas son ilimitadas e os recursos económicos son limitados, e, polo tanto, tamén os bens económicos. Inicialmente, as persoas tratamos de cubrir as necesidades biolóxicas ou primarias como a alimentación, a vivenda e o vestir. De igual maneira, necesítanse certos servizos básicos: asistencia médica, educación, transporte... Unha vez cubertas as anteriores necesidades, as persoas ocúpanse daqueloutras que fan máis pracenteira a vida, e estas xa dependen máis do poder adquisitivo de cada individuo en particular. Polo xeral, as necesidades mesmo tenden a acrecentarase nas novas sociedades, o que contrarresta o incremento da capacidade produtiva asociada co desenvolvemento, e, en definitiva, fai que a loita contra a escaseza sexa unha constante.

Factores produtivos ou factores de produción

As ferramentas que utilizamos para producir os bens e servizos é o que chamamos factores produtivos ou factores de produción. A clasificación tradicional de factores produtivos considera tres categorías:

- Recursos naturais

- Traballo

- Capital

Os recursos naturais. Son aqueles que non necesitan a man do ser humano para a súa existencia. Inclúen a terra, minerais como o ferro e o cobre, recursos enerxéticos, a auga...

Enténdese por traballo o tempo e o esforzo que as persoas dedican ás actividades produtivas. En economía moitas veces ao referirse ao factor traballo, faise como capital humano. Neste caso enténdese a educación e a formación profesional que incrementan o rendemento do traballo.

O capital fórmano os bens duradeiros de calquera economía. Son aqueles bens que non se dedican ao consumo senón que se dedican a producir outros bens. Dentro destes están incluídas as máquinas, ferramentas, ordenadores, edificios, camións que sería capital físico; e o diñeiro que, neste caso, recibe o nome de capital financeiro.

Sectores económicos

As persoas mediante o traballo son as organizadoras e executoras da produción dos distintos bens e servizos; isto coñécese co nome de actividade económica. As actividades económicas encádranse en tres sectores:

Sector primario ou agropecuario.- abrangue as actividades que se fan próximas aos recursos naturais: as agrícolas, pesqueiras, gandeiras e extractivas.

Sector secundario ou industrial.- recolle as actividades industriais, mediante as cales os bens son transformados. A enerxía tamén se encadra dentro do sector secundario. Estaría encadrado nestes sector, toda a industria manufactureira, enerxía e construción.

Sector terciario ou de servizos.- actividades destinadas a satisfacer servizos produtivos que non se plasmen en algo tanxíbel. Incluiría desde sanidade, educación, hostalaría, comercio, transporte…

Nos países considerados desenvolvidos, o sector de maior peso é o terciario; no caso de Galiza acolle o 70% do emprego e o máis do 60% do PIB.

Ao mesmo tempo que as actividades se poden clasificar en sectores, os bens e servizos que se producen tamén se poden clasificar. Por unha banda, bens e servizos de consumo, se o seu destino é satisfacer as necesidades humanas; e bens de capital, se se utilizan en procesos de produción para mellorar a eficiencia do traballo. Por outra banda, os bens intermedios son os que teñen que sufrir novas transformacións para seren consumidos ou utilizados, e os bens finais son os que xa pasaron todas as transformacións.

Así mesmo, os bens poden clasificarse en públicos, privados e libres. Bens públicos son aqueles que se utilizan conxuntamente por un colectivo de xente, como, por exemplo, un parque público, unha piscina pública... Os bens privados son os consumidos e producidos privadamente, como, por exemplo, a televisión, os alimentos... E os bens libres son os que non necesitan nin o traballo nin o capital para existiren e poderen ser consumidos, como, por exemplo, a auga, o aire...

axentes económicos

As distintas individualidades que interveñen na produción, consumo, administración, distribución... dos distintos bens económicos son chamadas axentes económicos. En teoría económica fálase de tres tipos de axentes económicos: a familia, a empresa e o Estado; os dous primeiros son os axentes privados e o Estado é o axente público. (En termos de negociación colectiva pode falarse de axentes sociais para referirse aos sindicatos e de axentes económicos para referirse á patronal. Cando aquí se fala de axentes económicos aludimos á primeira definición.).

As economías domésticas ou familias teñen como funcións principais, por unha banda, consumir bens e servizos, e pola outra, ofrecer o seu traballo no mercado de factores. Dentro do que se entende por economías domésticas están incluídas non só os individuos e as familias senón tamén as asociacións culturais, deportivas, benéficas..., quer dicir, aquelas que non se coordinan con outros suxeitos con intención empresarial.

As empresas levan a cabo dúas funcións fundamentalmente: elaborar e transformar e distribuír bens e recursos, e comprar recursos no mercado de factores de produción, quer dicir, mercan materias primas, ferramentas e contratan traballadores/as para con isto producir bens ou servizos e vendelos. Esta compra e esta venda fanse co obxectivo último de obter beneficios.

O Estado ou sector público, considerado nos seus tres niveis de goberno (administracións locais, autonómicas e central), ten unhas funcións múltiples e variadas: como empresa, coordina e regula o mercado á vez que estabelece unha política económica, estabelece impostos, redistribúe a renda...

O máis salientábel do comportamento dos tres axentes económicos é a interdependencia. As decisións de produción e consumo feitas tanto polas economías domésticas ou familias como polas empresas ou polo Estado determinan conxuntamente a evolución da actividade económica, en función do nivel de transaccións de produtos que teñen lugar nos mercados e os prezos a que estas se fan.

A interdependencia dos tres axentes económicos apréciase no coñecido como circuíto económico.

 

Os ingresos das familias estará composto polos soldos e salarios, prestacións... que reciben das empresas e do Estado. Os gastos das “familias” serán os pagamentos que fan ás empresas polos produtos que compra e os impostos que pagan aos estados a través dos gobernos.

As empresas obteñen os ingresos dos pagamentos polos bens e servizos que lles venden ás familias e estados; e os gastos polo pagamento de impostos aos gobernos e os salarios ás familias.

Os estados obteñen os ingresos dos impostos ás familias e empresas, e gastan tanto na compra de bens e servizos ás empresas, como no pagamento de salarios e outras prestacións a familias.

A análise económica prodúcese baixo dous enfoques: o microeconómico e o macroeconómico.

A análise macroeconómica estuda o comportamento individual das persoas consumidoras, das empresas e dos mercados e os prezos relativos. A macroeconómica, o comportamento global de todo o sistema económico como se fose un só ben (inflación, crecemento, déficit público, desequilibrio exterior...).

Un exemplo: cando estudamos o prezo do leite, trátase dunha análise microeconómica; cando analizamos o IPC, trátase dunha análise macro, xa que falamos dos prezos dos bens e servizos consumidos por unha economía.

Outro exemplo, cando analizamos a produción de Sargadelos SL é unha análise micro, xa que falamos dunha empresa en concreto; mais cando estudamos o PIB, é unha análise macro, pois falamos de toda a produción galega.

Pasamos a afondar un pouco máis nestes conceptos.

 

2.- Microeconomía

Como dixemos, a microeconomía estuda o comportamento individual das persoas consumidoras e das empresas, e o seu obxectivo básico é a determinación dos prezos que se forman no mercado. Enténdese por mercado o lugar onde se leva a cabo o intercambio e onde se difunde a información relativa aos prezos.

Para saber como se determinan os prezos, utilizamos a análise baseada na oferta e na demanda.

Demanda: son as cantidades que as persoas consumidoras desexan adquirir de cada ben por unidade de tempo. Existen unha serie de factores que inflúen nesta cantidade demandada, entre outros: as preferencias ou gustos das persoas consumidoras, as rendas ou ingresos de que dispoñen, os prezos doutros bens que poidan ser substitutivos e por suposto o prezo do propio ben.

Supoñendo que na decisión das persoas consumidoras de comprar un determinado ben só influíse o prezo do ben que se desexa mercar, canto maior sexa este prezo menos cantidade deste se demandará, e viceversa. Isto en economía chámase táboa da demanda.

Oferta: é a cantidade de produtos que unha empresa está disposta a vender nun período de tempo. Ao igual que na demanda, nisto inflúen varios factores: a tecnoloxía, o prezo dos factores produtivos (terra, traballo e capital)... e, por suposto, o prezo do ben.

Facendo o mesmo que para a demanda, tendo en conta só o prezo, canto maior sexa o prezo do ben maior será a cantidade que os produtores están dispostos a vender, e viceversa. Isto é o que se coñece como a táboa da oferta.

Mentres a táboa da demanda mostra o comportamento das persoas consumidores, a táboa da oferta mostra o das persoas produtoras. Cando se poñen en contacto as persoas consumidoras e as produtoras cos seus plans de consumo e produción no mercado, é cando se determina o prezo. Nunha análise moi sinxela, sen influencia doutros factores, pódese deducir que cando se desexa incrementar as compras dun ben (demanda) o prezo debe diminuír, mentres que, se queremos incrementar a oferta, o prezo debe aumentar.

Este intercambio entre persoas produtoras e consumidoras lévase a cabo no mercado. Se nun mercado existen varias persoas compradoras e varias vendedoras, é un mercado de competencia perfecta; se existen poucas persoas vendedoras ou compradoras, estamos ante un de competencia imperfecta.

Competencia perfecta

Para que un mercado sexa de competencia perfecta deben cumprirse as seguintes condicións:

- Que exista un elevado número de persoas compradoras e vendedoras, para que a cantidade que cada unha delas de forma individual poida demandar ou ofrecer non inflúa no prezo do ben.

- Que tanto as persoas compradoras como as vendedoras sexan indiferentes ao que se merque ou venda, que os produtos sexan iguais.

- Que tanto as persoas compradoras como as vendedoras teñan un coñecemento pleno das condicións xerais do mercado.

- Que exista libre mobilidade de recursos produtivos, de xeito que as empresas teñan liberdade de entrada e saída do mercado.

As condicións que esixe o mercado de competencia perfecta fan que na práctica apenas exista. Si se poden asemellar algúns mercados agropecuarios e de títulos valores. Na práctica non todas as empresas teñen a mesma información; é difícil que grupos de empresas non se unan para influír no prezo, que non existan marcas que diferencien os produtos...

Se os mercados de competencia perfecta existisen como tales, a longo prazo non existirían beneficios nin perdas, xa que de existiren beneficios entrarían outras empresas na industria e os prezos baixarían, e ao baixaren os prezos poderíase chegar a non cubrir custos, polo que sairían empresas e volverían subir os prezos, quer dicir, sería o mercado o que había regular completamente os prezos.

A competencia perfecta representa o caso en que a empresa individual, ao ser moi grande o número de competidores, non pode exercer ningunha influencia sobre os prezos para mellorar a posición individual; de aí que as empresas prefiran a competencia imperfecta.

Competencia imperfecta

Un mercado é de competencia imperfecta cando as empresas que ofrecen os produtos inflúen individualmente nos prezos. Lembremos que no caso da competencia perfecta era o mercado o que asignaba os prezos. Isto non implica que unha única empresa teña un control absoluto sobre o prezo do produto, senón que abonda con que teña un certo poder á hora de asignalo.

Para que non se incorporen a unha industria un número elevado de empresas, adoitan influír fundamentalmente dous factores: os custos de produción e as barreiras á entrada. Xeralmente, as empresas grandes producen a uns custos máis baixos que as pequenas e, polo tanto, inflúen máis no mercado. No que atinxe ás barreiras á entrada, son de varios tipos: legais (patentes, etc.), diferenzas de produtos, marcas...

En función do número, grao de concentración das empresas oferentes, homoxeneidade do produto..., créanse seguintes tipos de mercados imperfectos:

Monopolio

Oligopolio

Competencia monopolística

Monopolio

É o caso extremo da competencia imperfecta. Só existe un único oferente ou demandante de produtos. O caso de monopolio máis frecuente é polo lado da oferta.

Son varias as causas que poden levar á existencia dun monopolio. Entre elas:

- O control dun factor produtivo por parte dunha empresa; por exemplo, unha materia prima que sexa imprescindíbel para producir un produto.

- Patentes.- prímase a innovación concedendo un certo poder monopolista.

- Monopolios legais.- concedidos polos propios poderes gobernamentais: correos, telégrafos... Son monopolios estatais ou contratados publicamente. Moitos destes responden ás necesidades de cubrir certas demandas que non son rendíbeis para as empresas privadas. Neste caso o prezo seria inferior ao custo do produto; por exemplo, o servizo de correos en certas zonas poucos poboadas e coa poboación moi dispersa. Noutros casos non é así, e o prezo é superior ao custo, co cal é un ingreso para os Orzamentos Xerais do Estado. Exemplos típicos deste segundo caso son os chamados monopolios fiscais: vendas de gasolinas, carburantes e tabaco.

Aínda que, no caso do monopolio, o prezo márcao a propia empresa, a cal tamén se ve afectada pola demanda do mercado. Se esta sobe moito o prezo, baixaría a demanda e non lle compensaría, co cal tería que o volver baixar, e na maioría dos casos os prezos están regulados polos gobernos.

Oligopolio

Un mercado dise que é oligopolístico cando existen poucos oferentes do mesmo produto, aínda que entre os produtos pode haber algunha diferenza de marca, característica exterior... Unha das características destes mercados é a posibilidade de influíren as empresas produtoras sobre as decisións das súas competidoras e de seren influídas; mostra típica destes mercados é a guerra de prezos. Como exemplo serviría o sector bancario.

Dentro do oligopolio existen varios modelos. Se cadra, entre eles o máis coñecido sexa o cártel, que se dá cando as empresas do mercado oligopolístico se poñen de acordo e actúan como un monopolio fronte á demanda do mercado. Dentro dos cártel, o exemplo máis coñecido é o da OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo), que fixan conxuntamente o prezo de venda do petróleo.

Aínda que non existan acordos tipo cártel nos mercados oligopolísticos, o prezo adoita ser estábel durante períodos de tempo bastante grande, xa que, se unha empresa sobe os prezos unilateralmente e as outras non a seguen, perde mercado e tería que volver baixalos; e se pola contra os baixa, o resto das empresas farían o mesmo para non perderen mercado.

Competencia monopolística

Denomínanse mercados de competencia monopolística aqueles en que, malia existiren moitas empresas produtoras, cada empresa produtora diferenza a súa da das demais competidoras, de forma que actúa como monopolista, por exemplo, dunha marca determinada. Nestes casos ten un papel fundamental a publicidade. Exemplos destes mercados son as empresas de licores, as de electrodomésticos...

Neste caso, aínda que cada empresa produtora marca un prezo, a competencia que supoñen o resto das competidoras, ao seren as mercadorías substitutivas, fai que se vexa influído polo mercado.

Aínda que o mercado, a través da oferta e da demanda, xoga un papel importante á hora de fixar o prezo dos produtos, os poderes gobernamentais tamén inflúen nos prezos tanto nos de produción interna como nos dos importados. Dentro destes últimos existen varias formas de control; se cadra as máis coñecidas son as que resumimos a continuación:

 

Aranceis

Un arancel é un imposto que o goberno esixe aos produtos estranxeiros co fin de elevar o seu prezo de venda no mercado interior e así protexer os produtos nacionais para que non sufran a competencia de bens máis baratos.

 

Continxentes

Os continxentes son restricións cuantitativas que os gobernos impoñen á importación de determinados produtos estranxeiros, quer dicir, limítase a cantidade que se pode importar de certos bens, calquera que sexa o seu prezo.

Ademais dos aranceis e dos continxentes, hai outras formas máis sutís de poñer atrancos ao libre comercio: estabelecemento de procedementos aduaneiros complexos e custosos, normas de calidade e sanidade moi estritas...

Até aquí vimos que é o mercado, coa intervención dos poderes gobernamentais nalgúns casos, o que determina os prezos. Hai que aclarar que isto ocorre cando falamos dun sistema de economía de mercado. Non é o mesmo se se trata dunha economía de planificación central ou socialista; neste caso sería a axencia de planificación a que os determinase.

Sistemas económicos

Un sistema económico é o conxunto de relacións básicas, técnicas e institucionais que caracterizan a organización económica dunha sociedade. Estas relacións condicionan as decisións fundamentais que se toman en cada sociedade: Que producir?, como producir?, e para quen producir?

As decisións tomadas para dar resposta a estas preguntas teñen un claro compoñente político, e configuran o sistema económico dunha sociedade, non é indiferente, por exemplo, dedicar os recursos a fabricar armas ou producir alimentos, a bens privados ou a servizos públicos…

En canto a como producir, aínda que en parte é unha decisión técnica, tamén o é política; pode producirse respectando o medio natural ou non, explotando os traballadores e traballadoras ou non…

Por último, a decisión de quen vai gozar dos bens e servizos producidos volve ser política; pode repartirse igualitariamente entre toda a sociedade, ou só entre as persoas que traballaron, ou entre quen pode pagar un prezo, ser de balde para toda a xente…

O Estado pode asumir diferente roles con respecto á asignación dos recursos, o que determina diferentes tipos de sistemas económicos: economía de mercado libre ou capitalista, economía planificada ou socialista e mixto.

 

Sistema de libre mercado ou capitalista

No sistema de libre mercado ou capitalista, os medio de produción son privados; as decisións de que, como e para quen producir tómana, así mesmo, as empresas co obxectivo de acadaren o máximo beneficio; o mecanismo de toma de decisións é o mercado onde se atopan as persoas consumidoras e as produtoras e establécense os prezos.

Neste sistema, o sector público non intervén directamente na vida económica, pero establece as leis e institucións que permiten o libre funcionamento dos mercados, entre elas a existencia da propiedade privada dos medios de produción, sen a cal non podería existir este sistema económico.

 

Sistemas de planificación central ou socialistas

Nos sistemas de planificación central ou socialistas, as decisións fundamentais tómaas o Estado, que establece os prezos dos factores produtivos e dos bens e servizos, dirixe o funcionamento da economía e controla o poder económico.

É o Estado quen fixa os obxectivos a acadar e reparte as tarefas entre os centros de produción que son de propiedade estatal. Os bens e servizos obtidos repártense entre todos os membros da sociedade.

 

Sistema mixto

Os dous sistemas anteriores son opostos; no capitalista o protagonismo principal téñeno as persoas consumidoras e as empresas a través do sistema de prezos que fixa o mercado; no socialista, é o Estado o principal protagonista.

Na realidade non existen sistemas puros; nos sistemas capitalistas existen sectores onde o Estado cumpre unha función como regulador e asume algunhas actividades económicas; de igual maneira, nos sistemas socialistas déixanse parcelas ao mercado.

O que máis abunda, sobre todo en occidente, son os sistemas mixtos que se acercan máis ou menos aos sistemas expostos. Por exemplo EUA acércase máis a un sistema de mercado e nos países europeos o Estado ten un protagonismo maior.

3.- Macroeconomía

A macroeconomía, como xa dixemos, estuda o comportamento global de todo o sistema económico e utiliza como instrumento de estudo, ao igual que a microeconomía, a oferta e a demanda. Neste caso a oferta e demanda agregada, quer dicir, non a dun ben, senón a do conxunto de todos os bens e servizos dunha economía. Así, a política macroeconómica está integrada polo conxunto de medidas gobernamentais destinadas a influír sobre o comportamento global dunha economía no seu conxunto: inflación, desemprego, crecemento, déficit público, desequilibrio exterior e tipos de cambio.

A macroeconomía como ciencia nace nos anos 30 do século XX co economista inglés J. M. Keynes, que logo da Gran Depresión de 1929, defendeu que o Estado debía de intervir activamente na economía para solucionar os desequilibrios económicos; até daquela, os economistas clásicos entendían que o Estado non debía intervir no sistema económico, xa que o mercado por si só se autorregulaba.

3.1.- Inflación

Pódese definir a inflación como un aumento substancial e sostido no nivel xeral de prezos. Para que haxa inflación o aumento debe ser substancial, sostido e xeral:

- Xeral: que a variación nos prezos afecte aos distintos bens e servizos dunha economía, non só a uns poucos produtos en concreto.

- Substancial: que a elevación no nivel de prezos sexa significativa con respecto a períodos anteriores, ou ben, en relación ao nivel de prezos doutros países cos que se manteñen intercambios comerciais.

- Sostido: non abonda con que os prezos se incrementen dunha soa vez para que se poida falar de inflación. O aumento destes ten que se producir dunha forma sostida no tempo.

 

Sobre a inflación existen diversas teorías segundo a escola económica de que se trate:

- Hai quen di que a inflación se debe ao incremento do gasto total dunha economía, tanto público como privado.

- Quen, que se debe a un aumento no nivel de salarios que fai que se incremente a demanda coa conseguinte medra dos prezos.

- Quen, que se debe á escaseza dalgún ben necesario.

- Tamén existe unha teoría que afirma que a inflación se debe a un exceso do crecemento da oferta monetaria.

De todos os xeitos, é moi raro que unha destas causas se dea por separado. Calquera delas pode iniciar o proceso e logo coexistiren todas xuntas.

O nivel xeral de prezos exprésase a través de índices de prezos. Dado que un índice de prezos non pode comprender todos os bens e servizos existentes nunha economía, elíxese un conxunto que se considera representativo do total.

Dos índices que adoitan utilizarse para representar o nivel xeral de prezos, os máis utilizados son o IPC (Índice de Prezos ao Consumo) ou o do deflector do PIB (Produto Interior Bruto).

 

Índice de Prezos ao Consumo (IPC)

O IPC é o máis utilizado. Publícao mensualmente o INE (Instituto Nacional de Estatística) e elabórase a partir dun conxunto de bens e servizos que se consideran representativos das compras dunha familia media.

Debido o cambio de hábitos das persoas consumidoras, cada certo tempo modifícase tanto o número de artigos como o tipo de artigos que forman parte da cesta do IPC; na actualidade o número total de artigos que compoñen a cesta da compra é de 479.

No cadro seguinte, aparecen as ponderacións ou peso das principais categorías de bens que interveñen nesta cesta:

Número de artigos IPC base 2016

Grupo Ponderación

Alimentación, bebidas non alcohólicas                                  19,7

Bebidas alcohólicas e tabacos                                                3

Vestido e calzado                                                                    6,7

Vivenda                                                                                 13,3

Cousas da casa                                                                      5,8

Medicina                                                                                  3,9

Transporte                                                                             14,6

Comunicacións                                                                        3,5

Lecer e cultura                                                                         8,5

Ensino                                                                                      1,6

Hoteis, cafés e restaurantes                                                   12,1

Outros gastos de consumo                                                       6,7

TOTAL                                                                                    100

 

O cadro anterior é o vixente neste momento, xa que, debido ao cambio de hábito das persoas consumidoras, no ano 2016 fíxose unha modificación das contribucións de cada grupo á cesta da compra. Na base anterior, 2011, a alimentación, por exemplo, tiña menos peso, ao igual que os gastos en medicina; porén, os gastos en transporte tiñan máis peso... é dicir, trátase de se ir adaptando aos cambios na cesta da compra. O primeiro IPC publicado foi no ano 1936; só había 5 grupos de gasto e a alimentación representaba o 60% do gasto total. Hoxe, a cesta da compra está dividida en 12 grupos, e a alimentación supón un 19,7%.

Para calcular o IPC dun determinado ano, divídese o valor da cesta do devandito ano polo valor da cesta do ano base, todo multiplicado por 100.

A inflación medida a través do IPC é a taxa de variación porcentual que experimenta este índice nun período de tempo considerado.

Exemplo:

 

Ano IPC Inflación

2011 = 100 (Variación porcentual anual do IPC)

2017                         103,18                         1,1

2016                         102,04                         1,6

2015                         100,47                        -0,2

2014                         100,45                        -1,0

2013                         101,25                         0,5

 

IPC 2017 - IPC 2016 103,18 – 102,04

Inflación 2017 = x 100 = = 1,11

IPC 2016 102,04

 

Deflactor do PIB

Un dos usos máis frecuentes dos índices de prezos é a comparación de agregados de cantidades valorados en distintos momentos do tempo. Así, para saber se os salarios perderon poder adquisitivo temos que ter en conta dúas variábeis:

- Variación dos salarios monetarios.

- Variación dun agregado de prezos.

Se sabemos, por exemplo, que en 2016 facían falta 1,08 € para mercar os mesmos bens e servizos que en 2015 se mercaban por 1 €, para calcular o poder adquisitivo dos salarios, teríamos que dividir os salarios monetarios de 2016 por 1,08. Desta forma obtemos o valor reais dos salarios, isto é, os salarios non en unidades monetarias, senón en termos de bens e servizos que se poden mercar con esa cantidade.

En xeral:

variábel nominal

Variábel real = x 100

índice de prezos

 

Cando calculamos o valor real dun agregado expresado en termos monetarios, dise que deflactamos ese agregado.

O deflector do PIB é o cociente entre o PIB nominal e o PIB real expresado en forma de índice; é o índice de prezos co cal se converte unha cantidade nominal noutra real. A distinción entre nominal e real é se se teñen en conta ou non os prezos; nos nominais defláctanse, separando a variación debida ao crecemento dos prezos da atribuída ao aumento dos factores reais.

 

PIB nominal

Deflactor de PIB = x 100

PIB real

 

A partir de aquí, para obter a inflación, por exemplo, entre 2016 e 2015 a partir do deflactor do PIB:

 

Deflactor 2016 - Deflactor 2015

Taxa de inflación en 2016 = x 100

Deflactor 2015

 

Exemplo:

Ano PIB nominal PIB real Deflactor PIB Taxa de inflación

2014                          50.074,1                         38.980,5                          128,5 7,4

2015                          54.775,2                          39.903,1                          137,3 6,9

2016                          58.911,6                          40.378,1                          145,9 6,3

 

54.775,2

Deflactor 2015 = x 100 = 137, 27

39.903,1

 

137,3 - 128,5

Inflación 2015 = x 100 = 6,84

128,5

 

Ocorre o mesmo que para o IPC, ou sexa, cando os decimais son maiores de 0’5, tomamos o valor seguinte. Neste caso, 6’9.

Ademais do IPC, o deflactor do PIB é o índice de prezos que máis se utiliza para medir a inflación. As diferenzas entre ambos son as seguintes:

- O IPC calcúlase mensualmente, mentres que o deflactor do PIB ten unha periodicidade anual.

- Os bens e servizos que inclúe o IPC é a media ponderada dunha cesta de 479 bens e servizos de consumo mentres que o deflactor do PIB recolle os prezos de todos os bens e servizos finais.

3.2.- Mercado de traballo

A economía considera traballo soamente o esforzo proporcionado a cambio dunha remuneración, o aspecto produtivo. Se unha persoa fai un traballo sen remuneración, como o caso do traballo doméstico ou o voluntariado, para a economía é unha persoa inactiva, non pertence ao mercado laboral.

O traballo é o factor produtivo fundamental da actividade económica, o único capaz de crear valor e polo tanto xerar beneficios.

No caso do factor traballo, quen ofrece o traballo son os traballadores e traballadoras -ao contrario que nos outros factores, que son as empresas-, e quen demanda o traballo son as empresas; en calquera caso temos os dous compoñentes básicos do mercado: oferta e demanda; a interacción entre elas dá lugar ao prezo e a cantidade intercambiada; nesta caso, o salario e o número de persoas traballadoras contratadas.

A relación laboral establécese mediante un contrato ou acordo polo cal o traballador ou traballadora está obrigado a realizar unha tarefa, baixo a supervisión da empresa, a cambio dun salario e unhas condicións laborais que deben enmarcarse dentro da legalidade.

O problema da relación laboral é que as forzas están descompensadas a favor da empresa. Este é o motivo polo que xurdiron o movemento obreiro e os sindicatos, co fin de compensar na medida do posíbel o poder da empresa. A presión sindical conseguiu, aos pouco, a regulación do mercado: salario mínimo, xornada laboral máxima, seguridade social, condición de seguridade e hixiene…

En relación ao salario -o prezo que cobra o traballador ou traballadora a cambio do seu traballo-, hai que distinguir entre valor bruto e valor neto, que é a cantidade que ao final se ingresa.

A diferenza está en que ao valor bruto hai que deducirlle as cotas á seguridade social e a retención do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que é unha porcentaxe progresiva a medida que aumenta o salario.

 

Salario Bruto - Cota seguridade social - Retención IRPF = SALARIO NETO

 

A macroeconomía estuda o comportamento global deste mercado e para iso utiliza varias fontes estatísticas; no caso do Estado español son 3 as máis usadas:

Afiliacións á seguridade social.

Rexistro de persoas paradas.

Enquisas sobre o mercado de traballo.

 

Afiliación á seguridade social

Toda persoa que este realizando unha actividade laboral ten que estar dada de alta no Sistema de Seguridade Social (SS).

Os datos de afiliación á SS só proporcionan información das persoas que están ocupadas, segundo réxime, sexo ou actividade económica; pero non ofrece información doutras variábeis do mercado de traballo.

 

Rexistro de persoas paradas

No Estado español o rexistro de persoas paradas corre a cargo do SEPE (Servizo Español de Emprego Público). Os persoas paradas rexistradas son aquelas que declaran que non teñen un posto de traballo e que estarían dispostas a aceptar o primeiro emprego dispoñíbel. Este rexistro é principalmente un medio para instrumentar a política de protección ao desemprego.

 

Enquisa de Poboación Activa

É a única estatística existente no Estado español que cuantifica todas as magnitudes relacionadas coa posición das persoas en idade de traballar no mercado de traballo, actividade, inactividade emprego e paro.

Elabóraa trimestralmente o INE (Instituto Nacional de Estatística) e toma como referencia a semana anterior á de elaboración da enquisa para clasificar as persoas. As definicións están baseadas nas recomendacións da OIT (Organización Internacional do Traballo) e diferéncianse as seguintes categorías:

 

Poboación menor de 16 anos: non está en idade legal para traballar.

Poboación maior de 16 anos:

- Persoas activas: son aquelas persoas que durante a semana de referencia están traballando ou están dispoñíbeis para facelo. Segundo estean nunha situación ou noutra temos:

· Persoas ocupadas: son aquelas persoas que durante a semana de referencia teñen un traballo por conta allea (asalariadas), ou exercen unha actividade por conta propia, podendo estar nesa semana traballando polo menos unha hora a cambio dun salario, beneficio empresarial ou ganancia familiar, ou ausentados do traballo pero mantendo un forte vínculo con el: de vacacións, doentes...

· Persoas paradas: Son aquelas persoas que durante a semana de referencia estean sen traballo, en busca de traballo e dispoñíbeis para facelo.

- Persoas inactivas. Comprende as seguintes categorías: as persoas que se ocupan do seu fogar, vulgarmente coñecidas como os seus labores, os e as estudantes, as persoas xubiladas ou retiradas, persoas que perciben unha pensión distinta da de xubilación e outras situacións.

Dunha forma máis resumida témolo no seguinte cadro:

O paro é un dos problemas sociais máis importantes dunha economía. Segundo clasificación da poboación que fixemos no apartado anterior, as persoas desempregadas son a parte da poboación activa que non atopa traballo a pesar de querelo e buscalo; por iso a taxa de paro é un dos indicadores máis estudados.

Os dados que nos facilita a EPA, permítennos calcular as taxas de actividade e paro:

Taxa de actividade: é o cociente entre o número total de activos e o total da poboación en idade de traballar:

Persoas activas

Taxa de actividade: *100

Poboación > de 16 anos

 

Taxa de paro: é o cociente entre o número de persoas paradas e o de activas.

Persoas paradas

Taxa de paro: *100

Persoas activas

 

Na análise das taxas é interesante coñecer, non só o valor, senón tamén como evoluciona ao longo do tempo.

Se queremos calcular estas taxas para un grupo de idade determinado ou un sexo específico, collemos os valores dese grupo. Exemplo, se queremos calcular a taxa de paro entre a poboación de 19 a 24 anos, dividimos o número de persoas paradas nese intervalo entre o número de persoas activas dese mesmo intervalo.

3.3.- Crecemento económico

A macroeconomía estuda as causas do crecemento- ou decrecemento- da produción. A taxa de crecemento é a taxa porcentual do aumento do conxunto total de bens e servizos producidos por unha economía –isto é, do PNB (Produto Nacional Bruto)– ao longo dun período de tempo determinado, normalmente un ano.

A medición da actividade económica é posíbel mercé á Contabilidade Nacional. Dos distintos agregados que recolle a contabilidade nacional o máis significativo é o Produto ou Renda Nacional.

O PN (Produto Nacional) é o valor a prezos de mercado dos bens e servizos finais producidos por unha economía durante un período de tempo determinado, normalmente un ano.

A RN (Renda Nacional) é a suma das rendas (salarios, beneficios, alugueiros, xuros...) percibidas polos suxeitos da comunidade con motivo da súa participación no proceso produtivo, durante o mesmo período de tempo.

O PN e a RN son dúas magnitudes moi similares, xa que o valor da produción dos bens e servizos percibidos polas empresas ao venderen a produción repártese por parte destas en forma de salarios, beneficios empresariais... (RN), entre os distintos membros da sociedade.

Para medir o produto nacional, aínda que o método que parece máis doado e apropiado é o de sumar a produción de todas as empresas existentes nun país, isto non é posíbel xa que na produción final dunha empresa se utilizan bens intermedios que foron producidos por outras empresas, co cal estariamos contabilizándoos dúas veces; por iso o que se fai é incluír só o valor engadido que xera cada empresa. O valor engadido é a diferenza entre os ingresos que se obteñen pola venda da produción e as cantidades que se pagan polos bens intermedios e as materias primas.

Exemplo:

 

Etapa da produción (1) Valor das vendas (2) Custo dos produtos (3) Valor engadido
intermedios (1) - (2) = (3)

Bens intermedios

Trigo 5 0 5

Fariña 15 5 10

Pan por xunto 25 15 10

Ben final

Pan polo miúdo 36 25 11

TOTAL 36

No cadro anterior temos un proceso de produción sinxelo, que é a produción dunha barra de pan. A primeira fase é cando o agricultor lle vende o trigo ao muiñeiro por 5 céntimos. A segunda consiste en moer o trigo para o converter en fariña; o valor da fariña pasa a ser de 15 céntimos, o que supón que o valor que se engade nesta segunda fase (3) é de 10 céntimos. Na terceira a fariña convértese en pan e o valor pasa a ser de 25 céntimos, o que supón un valor engadido nesta fase doutras 10 céntimos. Xa na última fase, que é a venda polo miúdo, cóbrase pola barra de pan 36 céntimos, co cal o valor engadido que se xera aquí é de 11 céntimos.

Como vemos, o valor final do prezo do pan é igual á suma dos valores engadidos nas distintas fases. Isto é o único que cómpre ter en conta para o cálculo do PN, xa que, como vemos no cadro, se sumamos o valor das vendas da cada produtor (columna 1), temos un valor de 81 céntimos, pois que estariamos a contabilizar algún produto varias veces.

 

Produto Nacional Bruto - Produto Nacional Neto

Pódense distinguir dous tipos de bens finais segundo quen os merque. Por unha banda, os que compran as persoas consumidoras, chamados bens de consumo; e pola outra, os que compran as produtoras, chamados bens de equipo ou bens de investimento. O gasto feito polas persoas consumidoras chámase consumo (C); o feito polas produtoras é o investimento (I). Do investimento unha parte vai para repoñer o capital desgastado na produción do período, o que chamaremos amortizacións ou depreciación (D). O resto é investimento neto ou de nova creación.

Desta forma falaremos de Produto Nacional Bruto ou Neto segundo teñamos en conta ou non a depreciación ou amortización:

PNN = PNB - D

 

O máis aconsellábel é utilizar o Produto Nacional Neto, pois ten en conta o desgaste das máquinas e dos equipos de produción que houbo no período, aínda que é moito máis difícil de cuantificar.

Seguindo co cálculo do Produto Nacional, podemos utilizar dúas vías: a prezos de mercado ou a custo de factores:

- prezo de mercado (p.m.).- calcúlase multiplicando as cantidades producidas polos prezos de venda.

- custo de factores (c.f.).- recolle o valor dos bens e servizos, o seu custo de produción, quer dicir,
sumando o custo dos distintos factores que interveñen no proceso produtivo.

Como vemos, a diferenza entre PNN a custo de factores e prezos de mercado está na inclusión ou non dos impostos ligados á produción e á importación e ás subvencións á produción:

PNN cf = PNN pm - Impostos indirectos + Subvencións

 

O PNN c.f. é igual á Renda Nacional. O que custa o produto, restándolle os impostos indirectos e sumándolle as subvencións que se poden recibir á produción. Distribúese entre os suxeitos en forma de renda.

PNN c.f. = RN

 

Aínda que coñecemos a renda nacional, non toda vai ser distribuída entre os suxeitos; e ao mesmo tempo hai rendas que chegan aos suxeitos e que non forman parte da renda nacional. Así, se á RN lle restamos os beneficios non distribuídos polas empresas, as cotizacións que pagan as empresas á seguridade social e lle sumamos transferencias en forma de subsidio de desemprego, pensións, etc., calculamos a renda persoal.

Renda dispoñíbel = Renda persoal - Imposto sobre a renda das persoas físicas

 

A continuación resumimos nun cadro a relación entre as principais macromagnitudes que acabamos de comentar:

Produto Nacional Bruto - Produto Interior Bruto

O Produto Interior Bruto é un agregado de cantidades moi similar ao Produto Nacional Bruto. As diferenzas xorden ao ter en conta o sector exterior, que nos permite distinguir entre “nacional” e “interior”. O Produto Nacional fai referencia á nacionalidade; é o valor da produción obtida polos factores produtivos nacionais situados no país ou no estranxeiro, mentres que o Produto Interior fai referencia á actividade produtiva situada dentro das fronteiras dun país, con independencia da nacionalidade dos propietarios dos recursos produtivos. Quer dicir, un ten en conta a nacionalidade dos factores e outro a territorialidade.

Polo tanto a relación é a seguinte:

PNB = PIB + Valor dos bens e servizos finais producidos por empresas ou persoas nacionais no estranxeiro - Valor dos bens e servizos finais producidos por empresas ou persoas estranxeiras residentes na nación.

Exemplo: o PNB galego inclúe o valor da produción que Inditex ten en México, xa que a nacionalidade de Inditex é galega, e non inclúe o valor da produción de Citroën en Vigo, xa que esta empresa ten nacionalidade francesa. No que respecta ao PIB é á inversa, isto é, non inclúe a produción de Inditex en México, pois que se dá fóra do territorio galego, e en cambio inclúe a de Citroën, por estar en Galiza.

Aínda que as dúas formas de calcular o crecemento son importantes, normalmente utilízase o PIB, xa que na creación de emprego, distribución da renda a través dos salarios..., inflúe o PIB. Porén, a nacionalidade das empresas é importante á hora do reparto dos dividendos, toma de decisións, etc.

A través da evolución do PIB medimos a tendencia a longo prazo da produción dun país, quer dicir, o crecemento económico. Pero para avaliar o crecemento económico temos que ter en conta outros elementos, como o da poboación, para saber se a produción ou renda por habitante aumenta ou non. Ademais é importante eliminar a influencia dos prezos, deflactar, como xa comentamos en apartados anteriores.

Así, as dúas magnitudes que adoitan empregarase para medir o crecemento son:

Taxa de crecemento do PIB en termos reais.

PIB por habitante.

No crecemento económico inflúen outros factores, entre os que destacamos pola importancia que ten a produtividade.

A produtividade é unha medida económica que calcula cantos bens ou servizos produce cada factor utilizado (traballo, capital..) durante un período de tempo determinado. Por exemplo, canto produce nunha hora un traballador/a ou canto produce unha máquina.

O obxectivo da produtividade é medir a eficiencia da produción de cada factor ou recurso utilizado. Entendendo por eficiencia o feito de obter o mellor ou máximo rendemento utilizando un mínimo de recursos. É dicir, cantos menos recursos sexan necesarios para producir unha mesma cantidade maior será a produtividade, e polo tanto maior será a eficiencia.

Cando un traballador/a medio produce máis nunha hora, ou o que é igual aumenta a produtividade media do traballo, medra a produción total dunha economía.

Así, enténdese por produtividade do traballo:

Produción total

Produtividade media do traballo =

Horas de traballo

 

Segundo o aumento da produtividade se vexa reflectido nuns maiores salarios ou pola contra nun maior beneficio empresarial, varia a participación dos traballadores e traballadoras na Renda Nacional.

O PIB por habitante ou per capita mide a relación existente entre o nivel de renda dun país e a súa poboación; para isto divídese o PIB dun país entre o número de habitantes.

PIB

PIB pc =

Poboación

 

O obxectivo do PIB per capita é ter un dato que mostre, dalgún xeito, o nivel de riqueza ou benestar dun territorio; con frecuencia utilízase como medida de comparación entre diferentes países; loxicamente non é o mesmo un país cun PIB de 100 millóns de euros e 1 millón de habitantes; que un de 100 millóns pero con 100 millóns de habitantes; o PIB é o mesmo nos dous países, pero no primeiro, se o reparto fora xusto, corresponderíalle 100 euros a cada habitante, e non segundo 1 euro.

É un indicador máis xusto que o PIB “a secas”, pero non tampouco achega información suficiente, por exemplo sobre as desigualdades, xa que agrupa o total da poboación sen ter en conta as diferenzas de renda entre ela.

Outro problema que xera o uso deste indicador é que, nalgúns casos, como no de Galiza, ao perder poboación, aínda que a produción se manteña o indicador mellora.

 

Como medimos o PIB

O crecemento económico mídese como dixemos anteriormente a través da Contabilidade Nacional, o cal pode facerse tanto polo lado da oferta, como polo da demanda, ou a través da suma das rendas.

No cadro seguinte amósase o Produto Interior Bruto do Estado español dos anos 2014 e 2015, calculado polas tres vías que comentamos anteriormente.

 

Produto Interior bruto e as súas compoñentes (prezos correntes)

2014 2015

DEMANDA

Gasto en consumo final 46.161.917 46.757.536

Gasto en consumo final dos fogares 33.838.849 34.169.783

Gasto en consumo final das AAPP 11.746.770 11.996.478

Individual 7.269.253 7.454.642

Colectivo 4.477.517 4.541.836

Gasto en consumo final das ISFLSF 576.298 591.275

Formación bruta de capital 9.106.807 9.307.342

Formación bruta de capital fixo 8.856.741 8.837.377

Variación de existencias 250.066 469.965

Exportacións de bens e servizos 28.999.809 29.487.191

Importacións de bens e servizos 28.992.780 28.721.150

PRODUTO INTERIOR BRUTO A PREZOS DE MERCADO 55.275.753 56.830.919

OFERTA

Agricultura, gandaría, silvicultura e pesca 2.715.969 2.756.099

Industrias extractivas; industria manufactureira; subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado;
subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación 9.589.607 9.472.405

Industria manufactureira 6.801.648 7.046.478

Construción 3.371.119 3.481.883

Servizos 34.478.080 35.821.871

Comercio; reparación de vehículos de motor e motocicletas; transporte e almacenamento; hostalaría 11.964.576 12.750.869

Información e comunicacións 1.105.796 1.080.718

Actividades financeiras e de seguros 1.777.453 1.820.707

Actividades inmobiliarios 5.189.001 5.117.922

Actividades profesionais, científicas e técnicas; actividades administrativas e servizos auxiliares 2.745.744 2.980.121

Admón. pública e defensa; seg. social obrigatoria; educación; actividades sanitarias e de servizos sociais 9.703.158 9.945.204

Actividades artísticas, recreativas e de lecer; reparación de artigos de uso doméstico e outros servizos 1.992.352 2.126.330

Impostos netos sobre os produtos 5.120.978 5.298.661

PRODUTO INTERIOR BRUTO A PREZOS DE MERCADO

55.275.753 56.830.919

RENDAS

Remuneración de persoas asalariadas 24.326.490 24.805.670

Soldos e salarios 18.557.719 19.069.176

Cotizacións sociais 5.768.771 5.736.494

Excedente bruto de explotación / Renda mixta bruta 25.489.905 26.334.517

Impostos netos sobre a produción e as importacións 5.459.358 5.690.732

PRODUTO INTERIOR BRUTO A PREZOS DE MERCADO 55.275.753 56.830.919

Fonte: Instituto Nacional de Estatística

 

Alén da forma de medición utilizada, os resultados son os mesmos. Pódense medir desde tres enfoques:

Como fluxo de gasto: é dicir, cal foi o destino dos distintos bens e servizos producidos durante un exercicio. Se se destinaron ao consumos, se se investiron, exportaron,etc., sería do lado da demanda.

Como valor dos produtos producidos: é dicir o valor engadido dos distintos bens e servizos producidos, etc., sería do lado da oferta.

Como fluxo de rendas: como se distribúen as rendas que se xeraron durante a produción de bens e servizos.

Os tres enfoques coinciden; a saber, todo proceso produtivo ten un resultado (elaboración de bens ou prestación de servizos) que ten un valor de mercado. Pero no proceso xéranse unhas rendas que a empresa ten que pagar (salarios, alugueiros, xuros…). A diferenza entre o valor do producido e estas rendas é o beneficio, que é a renda que percibe a persoa ou persoas propietarias da empresa.

Polo tanto a suma de todas as rendas ten que ser igual ao valor da produción.

Cando os distintos gobernos queren intervir nunha economía, teñen distintas formas de facelo en función de quen sexa o que tire da economía nese momento, e segundo de que signo sexa os gobernantes que estean no poder formularán políticas encamiñadas a activar a oferta ou demanda…

Actuar sobre a oferta, consiste en estimular a produción de bens e servizos; actuar sobre a demanda, consiste en estimular o consumo de bens e servizos. Dentro das políticas de oferta serían, por exemplo, as destinadas a reducir os custos laborais, como as cotizacións sociais, co argumento de que as empresas contratarían máis traballadores e traballadoras; subvencionar a contratación de traballadores e traballadoras; rebaixar impostos, subvencionar inversións… En resumo, abaratar o custo de produción para que esta aumente e se contrate máis traballadores e traballadoras.

Serían políticas de demanda incrementar o gasto público, baixar os tipos de xuro, incrementar o salarios dos traballadores e traballadoras (salario mínimo)… En resumo, as destinadas a incrementar o consumo, o que levaría a que as empresas producisen máis, e ao produciren máis, contratasen máis traballadores.

 

3.4.- Déficit público

O déficit público ou déficit orzamentario aparece cando os gastos de Estado son superiores aos ingresos, quer dicir, cando o Estado gasta máis do que ingresa.

Os ingresos do Estado proceden maioritariamente dos tributos (impostos, taxas e cotizacións sociais). Polo lado dos gastos, destacan entre outros: os gastos de persoal, investimentos (en infraestruturas, empresas…), transferencias aos distintos axentes económicos (prestacións ou axudas as persoas ou empresas)... As decisións de gastos e ingresos do Estado plásmanse nos orzamentos.

Como é lóxico, non é o mesmo recadar a custa duns impostos que doutros; tampouco son os mesmos efectos sobre a sociedade que un menor ou maior gasto afecte ás prestacións por desemprego, sanidade ou construción de estradas… Dos efectos que estas decisións teñen sobre a renda nacional, o emprego ou o nivel xeral de prezos, ocúpase a política fiscal.

Así, en certa medida, a política fiscal actúa como estabilizadora da actividade económica. Pensemos por exemplo nun exercicio económico onde aumenta a produción nacional, o que implica que aumenta a recadación por impostos, mentres que parte dos gastos públicos, especialmente transferencias vía prestacións por desemprego, diminúen; daquela, o orzamento do déficit público tenderá ao superávit. O contrario ocorrerá no caso de recesión económica. Á vista do anterior, se o sector público actúa expansivamente (gastando máis), nas recesións e contractivamente (gastando menos), nas expansións amortece as oscilacións do funcionamento da economía.

Normalmente os tributos non chegan para cubrir todas as transferencias e as compras de bens e servizos feitas polo Estado, o que explica que incorra en déficit. Aínda que existen varias vías para financiar este déficit, ímonos centrar aquí nas máis comunmente utilizadas:

1. Estabelecemento de novos tributos ou subir os existentes.

2. Creación de diñeiro.

3. Emisión de débeda pública.

1.- O estabelecemento de novos tributos, ou a suba dos existentes, normalmente presenta problemas, xa que é moi impopular; case ninguén quere pagar máis a facenda.

2.- Creación de diñeiro. Posibilidade que non existe no Estado español desde a pertenza á Unión Europea, xa que é o Banco central Europeo o encargado de emitir a moeda.

Dada a dificultade de aplicar calquera das medidas anteriores, os gobernos maioritariamente acoden á terceira vía; emitir débeda pública.

3.- A emisión de débeda pública. O Estado recada diñeiro a través da venda duns títulos polos cales paga uns xuros. Da emisión de débeda pública está encargado o Banco de España. Neste momento no Estado español existen diversos títulos ou activos con diferentes características fiscais e cunha ampla gama de prazos. O título físico é substituído na actualidade por unha anotación en conta; pódense mercar estes activos en calquera das entidades financeiras facultadas para o mesmo polo Banco de España. Os principais títulos emitidos neste momento polo Tesouro Público podémolos resumir nos seguintes:

Letras do Tesouro.- son títulos que se emiten a 3 meses, 6 meses, 9 meses e 1 ano. Non teñen retención fiscal, pero o Banco de España ten a obriga de avisar a facenda pública das operacións feitas.

As letras emítense mediante poxa; o importe mínimo de cada letra é de 1.000 euros.

Bonos do Estado.- Son emisións a medio prazo; na actualidade entre 3 e 5 anos. A pesar de que se emiten unha vez ao ano, na actualidade existe un mercado de bens e diario.

Obrigas do Estado.- Con características similares ás dos bonos do Estado, salvo que o seu prazo é a 10 anos, 15 ou 30 anos.

3.5.- O desequilibrio exterior

Os desequilibrios nas transaccións co resto do mundo é outra das variábeis chave de política macroeconómica. As relacións económicas entre países xustifícanse porque permiten incrementar o consumo por riba do que cada país, illadamente, produce.

En calquera caso, para poder consumir bens do estranxeiro, hai que vender produtos nacionais ou endebedarse.

As contas dunha nación co exterior son parecidas ás dunha familia ou empresa. Efectúanse cobros e pagamentos; segundo sexan maiores uns ou outros, incórrese nun déficit ou superávit. A diferenza principal é que estes intercambios fanse en distintas moedas. O rexistro deste tipo de transaccións lévase a cabo nun documento contábel coñecido co nome de Balanza de Pagamentos.

Esta balanza está integrada por:

Balanza por conta corrente, que á súa vez se divide en:

· Balanza comercial

· Balanza de servizos

· Balanza de transferencias

· Balanza por conta de capital

Balanza por conta corrente: Inclúe as importacións e exportacións de bens e servizos, e por outro lado as transferencias unilaterais correntes, quer dicir, as destinadas ao gasto, xa sexan privadas ou públicas.

Como xa expuxemos anteriormente, esta balanza divídese en tres sub-balanzas:

Balanza comercial ou de mercadorías: Todo país intercambia produtos con outro país. O que se compra ao exterior coñécese co nome de importacións; o que vende a outros países denomínase exportacións.

A balanza comercial ou de mercadorías recolle os pagamentos e ingresos xerados por estes movementos de mercadorías. Son ingresos as exportacións e son pagamentos as importacións. Se as importacións son maiores que as exportacións, a balanza comercial é deficitaria, se é á inversa, a balanza presenta superávit.

Balanza de servizos: Recolle transporte, seguros, turismo, rendas de investimento tecnolóxico... Normalmente, a evolución desta balanza está moi ligada á evolución do turismo.

As actividades que levan consigo un pagamento como contraprestación a un servizo son as importacións; o ingreso son as exportacións.

Balanza de transferencias: Todos os tipos de relación económicas descritas até o de agora son operacións en que se reciben uns recursos reais a cambio doutros. Na chamada balanza de transferencias, teñen lugar entregas a título gratuíto, sen contrapartida; como partidas máis representativas deste tipo de transferencias están as remesas das persoas emigrantes e as doazóns gobernamentais.

A balanza de transferencias está integrada polas transferencias netas ao estranxeiro menos as transferencias feitas por estranxeiros ás persoas residentes no país.

 

Así, a balanza por conta corrente mide o valor dos ingresos netos ou gastos netos dun país derivado das transaccións internacionais, con ou sen contrapartida, e o seu saldo vén dado por:

Saldo da balanza por conta corrente = Ingresos derivados da exportación de bens e servizos - Gastos en importación de bens e servizos +/- Transferencias correntes netas do estranxeiro.

 

A balanza por conta corrente rexistra un déficit cando os gastos derivados das importacións de bens e servizos e das transferencias superan os ingresos. Pola contra, rexistra un superávit cando recebe máis pola venda de bens e servizos e por transferencias do que paga pola compra de bens e servizos ou por transferencias ao exterior.

 

Balanza por conta de capital

Todas as transaccións incluídas na balanza por conta corrente se liquidan e iso non ten ningún tipo de implicación posterior. Isto non acontece nas transaccións rexistradas na balanza por conta de capital xa que as operacións que rexistra teñen características distintas. Supoñamos por exemplo o investimento que unha empresa fai nun país estranxeiro; ese investimento supón para ese país un ingreso de divisas (moeda estranxeira); a partir de aquí ese país quedaría endebedado e tería que pagar cada ano cando menos os xuros polo capital investido. Por poñer outro exemplo, un banco que concede un crédito a unha empresa estranxeira; a cantidade recibida considérase un ingreso nese ano, pero será tamén unha débeda do país para anos sucesivos, que obriga ao pagamento de xuros e á amortización do principal (reembolso da débeda).

Así, a balanza de capital recolle:

- Transferencias unilaterais de capital.- Investimentos directos tales como a compra dun terreo ou unha casa por un estranxeiro.

- Investimentos en carteira, quer dicir, cando o que se vende é a propiedade dunha empresa a través de accións ou capital.

- Créditos a longo ou curto prazo recibidos ou concedidos ao exterior, e a devolución de créditos concedidos ou recibidos.

- Variacións das reservas centrais dun país (as reservas son posesións de divisas ou outros activos que ten un país, que poden utilizarse para satisfacer as demandas).

 

Así, o saldo da balanza por conta de capital consiste:

Saldo da balanza de capital = Ingresos procedentes das vendas de activos no estranxeiro - Gastos nas compras de activos no estranxeiro

 

A balanza de capital tamén podemos dividila entre curto e longo prazo, segundo os investimentos, créditos... sexan inferiores ou superiores a un ano. Xeralmente, os investimentos a longo prazo son produtivos (compra dunha empresa, toma de accións, etc.), mentres que os especulativos, que normalmente aproveitan situacións transitorios dos mercados financeiros, son a curto prazo. En calquera caso, os rendementos dos investimentos tanto produtivos como especulativos recóllense na conta de servizos.

A conta de capital rexistra un “superávit” cando se obteñen máis ingresos pola venda de activos ao resto do mundo dos que se gastan mercando activos no exterior. Pola contra, cando hai “déficit”, mércanse máis activos ao estranxeiro dos que os estranxeiros nos compran, polo que se produce unha saída de capital.

 

Con todo isto podemos considerar o saldo da balanza de pagamentos globalmente visto como:

Saldo da Balanza de Pagamentos = Saldo da Balanza por conta corrente + Saldo da balanza por conta de capital (sen variación de reservas) = A variación de reservas.

 

A variación de reservas é o saldo da Balanza de Pagamentos, xa que un saldo positivo na balanza significa que o resto do mundo está en conxunto endebedado co país en cuestión, co cal as reservas de ouro ou divisas aumentan. No caso contrario, só existe déficit na Balanza de Pagamentos, quer dicir, se mercamos ou investimos máis no exterior do que o resto do mundo o fai aquí, as reservas diminúen, xa que as utilizamos nesas compras ou investimentos.

 

1 As exportación de bens son créditos e as de capital son débedas. Pola exportación dun ben conséguense divisas e na exportación de ***, e viceversa; polo tanto, os efectos sobre a balanza de pagamentos son opostos.

3.6.- Tipo de cambio

O Banco Central non só compra ou vende divisas para equilibrar a Balanza de Pagamentos, senón tamén co fin de influír sobre a cotización ou tipo de cambio da moeda.

No mercado de divisas no Estado español, as familias compran moeda estranxeira para iren de viaxe, financiaren estudos fóra do país, etc. As empresas compran divisas para faceren fronte á compra de bens e servizos (importación) no exterior. Pola contra, as familias que veñen pasar o verán aquí ou as empresas que compran produtos de aquí poñen a súa moeda en venda e mercan os euros que necesitan.

Este tipo de transaccións determinan o prezo ou tipo de cambio do euro fronte a moedas estranxeiras.

O tipo de cambio é o prezo dunha moeda en relación a outra. Por exemplo, se o tipo de cambio do euro fronte ao dólar é 100, significa que necesitamos 100 euros para obter un dólar.

Cando se eleva o valor dunha moeda en comparación con outra, dicimos que se apreciou; o contrario é a depreciación. Por exemplo, se pasamos de 80 euros dólar a 100 euros dólar dicimos que o euro se depreciou, xa que necesitamos máis euros para conseguir o mesmo dólar; no caso contrario prodúcese unha apreciación.

Dados os prezos dunha e doutra moeda, a variación do tipo de cambio altera os prezos relativos e polo tanto a competitividade internacional. Unha depreciación da moeda significa que os nosos produtos son máis baratos no estranxeiro e os estranxeiros máis caros no mercado nacional, co cal se poden incrementar as exportacións. O caso contrario acontece cando se produce unha apreciación da moeda. Supoñamos, por exemplo, un intercambio comercial entre Galiza e Estados Unidos. Galiza véndelle conservas de peixe a EUA, e este, ordenadores; fixamos o prezo das conservas en 100 euros e o dos ordenadores en 2.000 dólares. Co tipo de cambio 100 euros = 1 dólar, para mercar unha lata de conservas necesitamos 1 dólar e para mercar un ordenador necesitamos 200.000 euros.

Se se produce unha apreciación do euros de, por exemplo, 1 dólar = 80 euros, a lata de conservas pásalles a custar aos estadounidenses 1,25 dólares, mentres que aquí mercamos o ordenador por 160.000 euros.

O contrario ocorre no caso dunha depreciación do euros de, por exemplo, 1 dólar = 125 euros; para a mesma compra anterior, os estadounidenses necesitan 0,8 dólares e nós necesitamos 250.000 euros para mercar o ordenador. Isto necesariamente inflúe á hora de lle mercar ou vender a un país ou outro.

 

 


Arquivos:


Volver