Documento


Eleccións sindicais

Eleccións sindicais

 

 

Normativa:

Artigos 69 a 76 do Estatuto dos Traballadores

Regulamento de eleccións a órganos de representación (RD 1844/1994, do 9 de setembro)

Artigos 39 e seguintes do Estatuto básico do empregado público (para o persoal funcionario)

Artigos 127 a 132 da Lei da xurisdición social (sobre a impugnación xudicial dos laudos)

 

O proceso electoral realízase cada catro anos e por medio del elíxense os/as representantes dos traballadores e traballadoras nas empresas e mídese a representatividade global dos sindicatos conforme ao número de delegados/as de persoal, membros de comités de empresa e os membros das xuntas de persoal das administracións públicas.

1 Centro de traballo

A representación constitúese a partir da elección de determinados traballadores e traballadoras como delegados/as de persoal ou membros do comité de empresa, polos/as seus/súas propios/as compañeiros/as do centro de traballo.

Enténdese como centro de traballo a unidade produtiva con organización específica, que sexa dada de alta como tal ante a autoridade laboral.

Nas Administracións Públicas considérase un único centro de traballo a totalidade de estabelecementos dependentes do departamento ou organismo de que se trate, que radique no ámbito de aplicación dun mesmo convenio colectivo.

2 Circunscrición electoral e atribución de representantes

O tipo de representación determínase en función do número de traballadores e traballadoras integrados/as en cada circunscrición ou unidade electoral.

A circunscrición determínase nos seguintes ámbitos:

• A empresa, cando só exista un centro de traballo.

• O centro de traballo, cando a mesma empresa teña varios centros.

• O agrupación de centros de traballo, cando concorran as seguintes circunstancias:

- Constitúese un só comité conxunto, cando unha empresa, dentro da mesma provincia ou municipio limítrofe, teña dous ou máis centros de traballo que non acaden, cada un illadamente considerado, o número suficiente de traballadores e traballadoras para elixir comité, pero si a suma de todos e todas eles/as.

- Constitúense diferentes comités se na mesma provincia coexisten centros de máis de 50 traballadores e traballadoras, con outros que non chegan a esta cifra, porque cos primeiros se constitúe un comité e coa suma dos centros que non acaden os 50 traballadores e traballadoras debe formarse outro.

2.1 Censo electoral

O censo electoral está composto pola relación de traballadores e traballadoras con dereito ao voto. Elabórase a partir do censo laboral facilitado polo empresario/a, de acordo cos seguintes criterios:

• Debe conter os datos persoais e profesionais dos traballadores e traballadoras.

• Nas empresas ou centros de traballo con 50 ou máis traballadores e traballadoras distribúese nun colexio de técnicos/as e administrativos/as e outro de especialistas e non cualificados/as.

• Os/as traballadores e traballadoras fixos/as descontinuos/as e os/as vinculados/as por un contrato de duración superior a un ano inclúense dentro da relación de traballadores e traballadoras fixos/as.

• A relación dos/as traballadores e traballadoras contratados/as por prazo de até un ano faise en modelo á parte, facendo constar, ademais dos datos de identificación persoais, a duración do contrato pactado e o número de días traballados até a data da convocatoria da elección.

En canto aos prazos en que o/a empresario/a debe entregar o censo laboral, unha vez os/as promotores/as comunicasen o propósito de celebrar eleccións, entendemos que o ET e o RD 1844/1944 manteñen unha postura diferente:

• Para o RD 1844/1994 nas eleccións para delegados/as de persoal e membros do Comité de empresa, no prazo de 7 días, dá traslado da comunicación aos traballadores e traballadoras que deben constituír a Mesa, remitíndolles no mesmo prazo o censo laboral.

• Para o ET o prazo único de 7 días para trasladar a comunicación de celebración de eleccións aos compoñentes da mesa e a entrega do censo laboral estabelécese no caso dos/as delegados/as de persoal, mentres que, para a elección de Comité de empresa, o censo pídello á empresa a Mesa, unha vez constituída.

2.2 Número de representantes a elixir

É competencia da mesa electoral concretar o número de representantes a elixir en función do número de traballadores e traballadoras da empresa ou centro de traballo.

• Elíxense delegados/as de persoal naqueles centros onde haxa máis de dez traballadores ou traballadoras e non máis de corenta e nove.

• A representación articúlase a través do comité de empresa naqueles centros que conten con máis de 50 traballadores e traballadoras.

Representación unitaria

Nº de traballadores ou traballadoras Nº de delegados/as / Comité de Empresa

6 a 30                        1

31 a 49                      3

20 a 100                    5

101 a 250                  9

251 a 500                13

501 a 750                17

751 a 1.000             21

De 1.001 en diante, 2 ou máis por cada 1.000 traballadores e traballadoras ou fracción cun máx. de 75

• Os/as traballadores e traballadoras fixos/as descontinuos/as e os/as vinculados/as por contrato de duración determinada están representados/as polos/as delegados/as de persoal ou o comité de empresa conxuntamente cos/as traballadores e traballadoras fixos/as do cadro de persoal. Para efectos de determinar o número de representantes debe terse en conta o seguinte:

- Os/as traballadores e traballadoras fixos/as descontinuos/as e os/as vinculados/as por contrato de duración determinada superior a un ano compútanse como traballadores e traballadoras fixos/as de cadro de persoal.

- Os/as contratados/as por prazo de até un ano computaranse segundo o número de días traballados no período dun ano anterior á convocatoria da elección.

Cada 200 días traballados ou fracción compútase como un traballador ou unha traballadora máis.

Pode ser necesario adecuar a representatividade pola que variase o cadro de persoal.

• Se aumenta o cadro de persoal, a adecuación pódese promover elección parcial para cubrir os postos vacantes derivados da nova situación.

• Se diminúe o cadro de persoal, a adecuación da representación pode facerse segundo o previsto no convenio colectivo e, no seu defecto, por acordo entre a empresa e os/as representantes dos traballadores e traballadoras.

2.3 Colexios electorais

No caso de eleccións a delegados/as de persoal, o censo non distingue entre colexios electorais.

Nas eleccións a membros do comité de empresa, cando se trate de empresas ou centros de traballo con 50 ou máis traballadores e traballadoras, estes débense adscribir aos seus respectivos colexios, en función da clasificación profesional. Tales colexios son o de técnicos/as e administrativos/as e o de especialistas e non cualificados/as.

A distribución por colexios faise en proporción ao número de traballadores e traballadoras existentes en cada un dos grupos profesionais.

2.4 Mariña mercante e frota pesqueira

Dadas as características da actividade laboral no mar e para os únicos efectos de elección para a constitución dos órganos de representación dos traballadores e traballadores na empresa, considérase a frota como a única unidade electoral, con independencia do número de buques e o seu rexistro de matrícula salvo que a empresa contase con buques de 50 ou máis traballadores ou traballadoras, caso no que, nestes últimos, se elixirá o seu propio Comité de Buque. Co resto dos buques constitúese unha soa unidade electoral.

3 Proceso electoral

3.1 Promotores/as

Poden promover eleccións a delegados/as de persoal e membros de Comité de Empresa:

• As organizacións sindicais máis representativas.

• As que conten cun mínimo dun 10% de representantes na empresa.

• Os traballadores e traballadoras do centro de traballo por acordo maioritario.

• A celebración de eleccións de maneira xeneralizada nun ou varios ámbitos funcionais ou territoriais pode promoverse soamente previo acordo maioritario entre os sindicatos máis representativos ou representativos que deben comunicarse para o seu depósito e publicidade á oficina pública de rexistro.

3.2 Convocatoria

As situacións nas que se poden celebrar eleccións son as seguintes:

• Con ocasión da finalización do mandato dos membros do comité de empresa ou delegados/as de persoal que xa estivesen elixidos/as.

• Cando se declare a nulidade do proceso electoral previo, sexa polo procedemento arbitral ou polo órgano xurisdicional.

• No caso de que se revogue o mandato electoral de todos/as os membros do Comité de empresa ou delegados/as de persoal dunha empresa ou centro de traballo.

• Unha vez transcorridos seis meses do inicio da actividade dun centro.

• Cando se pretenda cubrir novos postos para adecuar a representación como consecuencia do aumento do cadro de persoal dun centro.

• Cando se trate de facer eleccións de carácter parcial para a cobertura daqueles postos vacantes producidos por calquera causa e non se puidesen cubrir de xeito automático.

3.3 Iniciación do proceso

Os/as promotores/as deben comunicarlle á empresa e á oficina pública de rexistro o seu propósito de celebrar eleccións cun prazo mínimo de, polo menos, un mes de antelación ao inicio do proceso electoral.

O proceso electoral propiamente dito iníciase no momento da constitución da mesa electoral, que se determinará polos/as promotores/as na súa comunicación do preaviso de eleccións. En todo caso, non pode comezar antes dun mes nin máis aló de tres meses contabilizados a partir do rexistro da comunicación na oficina pública dependente da autoridade laboral.

3.4 Mesa electoral

Correspóndelles ás Mesas vixiar o proceso electoral, presidir a votación, realizar o escrutinio, atribuír os resultados e resolver as reclamacións que se presenten.

Recibido o preaviso, a empresa, no prazo de 7 días, debe dar traslado deste:

• Aos traballadores e traballadoras que deban constituír a Mesa.

• Aos/as representantes dos traballadores e traballadoras.

Así mesmo, debe poñelo en coñecemento dos/as promotores/as.

Composición:

As mesas electorais compóñense dos/as seguintes membros:

- O traballador ou a traballadora máis antigo/a, que actúa de presidente/a.

- O/a elector/a de maior idade, que actúa como vogal.

- O/a de menor idade, como secretario/a.

• Constitución:

A Mesa electoral debe constituírse formalmente mediante acta outorgada para o efecto, na data fixada polos/as promotores/as na súa comunicación do propósito de celebrar eleccións, que será a data de iniciación do proceso electoral. Debe formarse unha mesa electoral nos centros de traballo con menos de 50 traballadores e traballadoras e colexio único. Nos demais centros, unha en cada colexio por cada 250 traballadores e traballadoras ou fracción.

• Competencia e prazos:

A Mesa debe cumprir as seguintes funcións:

- Facer público entre os traballadores e traballadoras o censo laboral con indicación de quen son os/as electores/as.

- Fixar o número de representantes e a data tope para a presentación das candidaturas.

- Recibir e proclamar as candidaturas que se presenten.

- Sinalar a data da votación.

- Redactar a acta de escrutinio nun prazo non superior a tres días naturais.

• Adopción de acordos:

A mesa electoral debe adoptar os seus acordos por maioría de votos.

3.5 Electores/as

Reúnen a condición de electores/as os traballadores e traballadoras maiores de 16 anos cunha antigüidade na empresa de polo menos un mes.

3.6 Presentación e proclamación de candidaturas: elixíbeis

Son elixíbeis os traballadores e traballadoras que teñan 18 anos cumpridos e unha antigüidade na empresa de polo menos 6 meses.

Nas sociedades cooperativas, só os traballadores e traballadoras asalariados/as nos que non concorra a calidade de socio/a cooperativista están lexitimados/a para ser elixíbeis.

Tamén son elixíbeis os traballadores e traballadoras estranxeiros/as que reúnan os requisitos comúns ao resto do cadro de persoal.

Poden ser candidatos/as:

• Os sindicatos legalmente constituídos ou as coalicións formadas por dous ou máis deles, que deben ter unha denominación concreta.

• Os traballadores e traballadoras que avalen a súa candidatura cun número de sinaturas de electores/as do seu mesmo centro e colexio, se é o caso, equivalente polo menos a tres veces o número de postos a cubrir.

Votación, escrutinio e atribución de resultados

A data da votación fíxase pola mesa electoral, a cal tamén preside o acto da votación, no centro ou lugar de traballo e dentro da xornada laboral ordinaria.

Inmediatamente despois de celebrada a votación, as mesas comezan publicamente o reconto de votos, que o/a Presidente/a debe facer en voz alta.

Segundo o órgano para o que se estea realizando a votación, atribúense os resultados dunha ou outra forma.

• Nas eleccións para delegados/as de persoal, ao tratarse de listas abertas outórganse os postos a aqueles/as candidatos/as que obtivesen o maior número de votos válidos.

• Nas eleccións a comité de empresa, en primeiro lugar, descártanse aquelas candidaturas que non obtivesen, polo menos, o 5% de votos válidos. En segundo lugar, outórgase a cada candidatura o número de representantes que obtivese, dividindo o número de votos válidos polo total de postos a cubrir.

Do resultado do escrutinio redáctase acta segundo modelo oficial, na que deben incluírse as incidencias e protestas que houber, se é o caso.

3.7. Reclamacións electorais

As impugnacións en materia electoral tramítanse conforme ao procedemento arbitral. Exclúense as denegacións de rexistro de eleccións, xa que as reclamacións deben formularse directamente nos Xulgados do Social.

Pódese impugnar o proceso electoral e as decisións que adopte a mesa ao longo do proceso electoral. A impugnación pode basearse nas causas seguintes:

• Existencia de vicios graves que poidan afectar ás garantías do proceso electoral e que alteren o seu resultado.

• Falta de capacidade ou lexitimidade dos/as candidatos/as elixidos/as.

• Discordancia entre a acta e o desenvolvemento do proceso electoral.

• Falta de correlación entre o número de traballadores e traballadoras que figuran na acta de eleccións e o número de representantes elixidos/as.

Están lexitimados para impugnar todos/as os/as que teñan interese lexítimo, incluída a empresa.


Arquivos:


Volver