Documento


A norma internacional

A norma internacional

 

Normativa:

Convenios 87 e 98 da OIT

TUE, Maastricht, 7 de febreiro de 1992

SSTC 38/1981, 78/1982, 84/1989

 

O Estado español incorpora á súa lexislación os tratados internacionais validamente celebrados, que será necesario publicalos oficialmente para que poidan formar parte das normas propias.

A norma internacional posúe unha función constitucional de extrema importancia para o sistema de dereitos e liberdades do Estado español, na medida que contribúe a determinar o alcance de determinados dereitos. Así as normas relativas aos dereitos fundamentais e ás liberdades que o ordenamento constitucional recoñece “interpretaranse de conformidade coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos e os tratados e acordos internacionais sobre as mesmas materias ratificados polo Estado español”. Unha norma que foi utilizada en non poucas ocasións pola xurisprudencia constitucional (tamén, pola ordinaria); en particular a propósito dos Convenios 87 e 98 da OIT, sobre liberdade sindical (SSTC 38/1981, 78/1982, 84/1989).

O proceso de internacionalización do dereito do traballo encontra na súa orixe a propia internacionalización dos presupostos socioeconómicos da prestación do traballo por conta allea. A lexislación obreira de cada estado non sería eficaz até que non conseguise unha dimensión verdadeiramente internacional. Non en balde por iso o movemento obreiro asumía, xa desde o primeiro momento, as teses do “internacionalismo proletario”, ao considerar “que a emancipación dos traballadores e traballadoras non é un problema unicamente local ou nacional, senón que, pola contra, este problema interesa a todas as nacións civilizadas” (preámbulo dos

Estatutos da Primeira Internacional de Traballadores e Traballadoras, congreso de Xenebra, 1866).

A OIT. Convenios e recomendacións

A “Parte XII” do Tratado de Versalles (arts. 378 a 427) decide no 1919 a creación da Organización Internacional do Traballo (OIT), coa misión de mellorar as condicións de traballo que, “polo grao de inxustiza, miseria e privacións que entrañan para gran número de persoas”, constitúen “unha ameaza para a paz e a harmonía universais”, formaba parte nas súas orixes da Sociedade de Nacións e hoxe é un organismo especializado das Nacións Unidas (ONU).

A composición da OIT é tripartita e polo tanto nela están representados os estados, con representacións dos gobernos, das organizacións sindicais máis representativas e das asociacións empresariais. Os seus órganos de goberno son: a Conferencia que se reúne con periodicidade anual, o Consello de Administración composto por 28 representantes dos gobernos, 14 das organizacións sindicais e 14 das organizacións empresariais. E por último a Oficina Internacional do Traballo, á fronte da cal está o/a Director/a Xeral da OIT.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) está consagrada á promoción de oportunidades de traballo decente e produtivo para mulleres e homes, en condicións de liberdade, igualdade, seguridade e dignidade humana. Os seus obxectivos principais son:

  1. a) Promover os dereitos laborais.
  2. b) Fomentar oportunidades de emprego dignas.
  3. c) Mellorar a protección social.
  4. d) Fortalecer o diálogo abordando temas relacionados co traballo.

A OIT leva a cabo catro funcións principais:

  • De asistencia técnica.
  • De organización de conferencias ou reunións internacionais.
  • De recompilación e difusión de información.
  • Función normativa ou de elaboración e aprobación de convenios e recomendacións.

Convenios, recomendacións e resolucións

  • Os convenios.

Son tratados internacionais de carácter multilateral elaborados e adoptados pola OIT en materias propias da súa competencia. Os convenios requiren a aprobación da Conferencia por maioría de dous terzos de votos emitidos polos/as delegados/ as presentes. Os convenios para que teñan eficacia deberán ser ratificados posteriormente por cada estado integrante da OIT.

  • Recomendacións.

Son simple propostas aos estados; estes están obrigados a someter as recomendacións aos órganos estatais competentes e a informar o/a Director/a Xeral da Organización sobre a súa aplicación e a lexislación estatal afectada.

  • Resolucións.

Expresan simplemente a opinión ou criterio da Organización sobre determinadas materias. Carecen por iso de obrigatoriedade e adoitan ser simples anticipacións de futuros convenios ou recomendacións.

Algúns exemplos de convenios e recomendacións

 Convenio 135 da OIT. Convenio relativo á protección e facilidades que deben outorgarse ás persoas representantes dos traballadores e traballadoras na empresa.

Aprobado pola Conferencia Xeral convocada en Xenebra o 2 de xuño de 1971.

Ratificado polo Estado español o 8 de novembro de 1972 e publicado no BOE do 4 de xullo de 1974.

  • Recomendación 143 da OIT. Recomendación sobre a protección e facilidades que deben outorgarse ás persoas representantes dos traballadores e traballadoras na empresa. Aprobado pola Conferencia Xeral en Xenebra o 23 de xuño de 1971.
  • Convenio 158 da OIT. Convenio sobre o remate da relación do traballo por iniciativa da persoa empregadora. Aprobado pola Conferencia Xeral da OIT do 22 de xuño de 1982.
  • Convenio 98 da OIT. Convenio relativo á aplicación dos principios do dereito de sindicación e de negociación colectiva. Aprobado pola Conferencia Xeral da OIT do 1 de xullo de 1949.
  • Convenio 87 da OIT. Convenio relativo á liberdade sindical e á protección do dereito de sindicación. Aprobado pola Conferencia Xeral da OIT celebrada en Xenebra o 9 de xullo de 1948.

O Dereito da Unión Europea

A partir do Tratado da Unión Europea (TUE, Maastricht, 7 de febreiro de 1992) consolídase o modelo de Unión Europea que se asenta fundamentalmente no neoliberalismo e monetarismo, con escasos avances nos mecanismos democráticos de decisión e nulas melloras nos aspectos sociais. Prodúcese unha reforma do Tratado de Roma e a Acta Única con importantes contributos.

As institucións e órganos de goberno da Unión Europea son basicamente seis

  • O Consello Europeo.
  • O Parlamento Europeo.
  • O Consello de Ministros/as.
  • A Comisión.
  • O Tribunal de Xustiza.
  • O Tribunal de Contas.

O Consello e a Comisión están asistidos por un Comité Económico e Social e por un Comité das Rexións, con funcións consultivas. Como instrumentos da Unión Económica e Monetaria existen, ademais, un Banco Central Europeo e un Banco Europeo de Investimentos.

O Consello Europeo é o máximo órgano político da comunidade, e está integrado polos/as Xefes/as de Estado ou de Goberno dos estados membros, así como polo/a Presidente/a da Comisión, asistidos polos/as Ministros/as de Asuntos Exteriores dos estados e por un membro da propia Comisión.

O Consello de Ministros/as representa basicamente os intereses dos estados membros dentro da Comunidade, coa función esencial de exercer o poder lexislativo ou normativo desta, modificando ou rexeitando as propostas que presente a Comisión para o desenvolvemento dos seus obxectivos.

A Comisión dispón de iniciativa lexislativa no conxunto das políticas comunitarias e de xestión e execución do orzamento. Está composta por dezasete comisarios/as responsábeis de áreas específicas, designados polos estados membros para un mandato de catro anos renovábeis, de entre os que o Consello nomea un/unha presidente/a.

O Comité Económico e Social desempeña unha función de carácter consultivo, por propia iniciativa ou a instancia de parte, preceptiva ou facultativamente, segundo os casos. Está integrado por representantes dos diferentes sectores da vida económica e social da Comunidade (empresarios/as, traballadores e traballadoras, agricultores/as, transportistas, comerciantes, artesáns e profesionais liberais). Os 189 membros do Comité son nomeados por acordo unánime do Consello, para un período de catro anos, renovábeis.

 

O Dereito comunitario: regulamentos, directivas e decisións

  • O Regulamento, que terá un “alcance xeral”, “será obrigatorio en todos os seus elementos e directamente aplicábel en cada Estado membro”.
  • A Directiva, que “obrigará o Estado membro destinatario en canto ao resultado que debe acadarse”, deixando, porén, ás autoridades estatais “a elección do xeito e dos medios”.
  • A Decisión é, en tanto que acto normativo de carácter particular, “obrigatoria en todos os seus elementos para todos/as os/as seus/súas destinatarios/as”.
  • Outros instrumentos xurídicos de actuación comunitaria previstos no artigo 189 TCE (recomendacións e ditames), en fin, “non serán vinculantes”, carecendo por iso de carácter normativo.

Corresponde realmente aos órganos xudiciais dos estados membros da Comunidade, isto é, os/as propios/as xuíces estatais, convertidos/as para tal fin en verdadeiros/as xuíces comunitarios, a aplicación directa do Dereito comunitario conforme aos principios examinados, sen prexuízo das competencias xurisdicionais que neste punto ten atribuídas o Tribunal de xustiza da Comunidade Europea; en concreto o recurso por incumprimento e a decisión prexudicial.

O Dereito social comunitario

Por Dereito social comunitario temos que entender a rama do ordenamento da Comunidade Europea destinada a formalizar xuridicamente a política social comunitaria (relacións laborais e de protección social en xeral) aínda que de momento non tivo un desenvolvemento en temas importantes das relacións de traballo. Até o de agora limítase a normas relacionadas cunha dobre temática:

  • A política de emprego (libre circulación de traballadores e traballadoras, seguridade social dos traballadores e traballadoras migrantes e Fondo social europeo).
  • A harmonización das lexislacións sociais dos estados membros en diferentes ámbitos das relacións de traballo.

Catro son os aspectos fundamentais que se acaban de regular na liña da harmonización das lexislacións sociais dos estados membros, a través fundamentalmente de Directivas:

- Igualdade de trato e non discriminación por razón de sexo. A partir do “principio de igualdade de retribución entre os traballadores e traballadoras para un mesmo traballo” concretáronse até o de agora as seguintes cinco directivas:

  • Directiva do Consello 75/117/CEE, do 10 de febreiro de 1975, relativa á aplicación do principio de igualdade de retribución entre os traballadores/as.
  • Directiva do Consello 76/207/CEE, do 9 de febreiro de 1976, relativa á aplicación do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres no que se refire ao acceso ao emprego, á formación e á promoción profesional, e ás condicións de traballo.
  • Directiva do Consello 79/7/CEE, do 19 de decembro de 1978, relativa á aplicación progresiva do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres en materia de seguridade social.
  • Directiva do Consello 86/378/CEE, do 24 de xullo de 1986, relativa á aplicación do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres nos réximes profesionais de seguridade social.
  • Directiva do Consello 86/613/CEE, do 11 de decembro de 1986, relativa á aplicación do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres que exerzan unha actividade autónoma, incluídas as actividades agrícolas, así como sobre a protección da maternidade.

- Crise e reestruturación de empresas. A protección dos dereitos dos traballadores e traballadoras en situacións de crise da empresa maniféstase, pola súa parte, dentro da política de harmonización de lexislacións nas seguintes Directivas:

  • Directiva do Consello 75/1 29/CEE, do 17 de febreiro de 1975, referente aos despedimentos colectivos (modificada pola Directiva 92/56/CEE, do 24 de xuño de 1992).
  • Directiva do Consello 77/129/CEE, do 14 de febreiro de 1987, sobre o mantemento dos dereitos dos traballadores e traballadoras en casos de traspasos de empresas, de centros de actividade ou de partes de centros de actividade.
  • Directiva do Consello 80/987/CEE, do 20 de outubro de 1980, relativa á protección dos traballadores e traballadoras asalariados/as no caso de insolvencia da empresa.

- Seguridade e saúde no traballo. O Tratado da Comunidade Europea estabelece que os estados membros procurarán promover a mellora, en particular, do medio de traballo, para protexer a seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, e fixarán como obxectivo a harmonización, dentro do progreso, das condicións existentes nese ámbito; para tal fin, o Consello deberá adoptar por maioría cualificada, mediante Directivas, “as disposicións mínimas que se aplicarán progresivamente, tendo en conta as condicións e regulacións técnicas existentes en cada un dos Estados membros”.

Deste xeito, apróbase a Directiva do Consello 89/391/CEE, do 12 de xuño de 1989, sobre aplicación de medidas para promover a mellora da seguridade dos traballadores e traballadoras no traballo, verdadeira Directiva marco na materia.

Desta derívanse as seguintes Directivas específicas:

  • Os lugares de traballo (Directiva do Consello 89/654/CEE, do 30 de novembro de 1989).
  • A utilización polos traballadores e traballadoras dos equipos de traballo (Directiva do Consello 89/655/CEE, do 30 de novembro de 1989).
  • A utilización polos traballadores e traballadoras dos equipos de protección individual (Directiva do Consello 89/656/CEE, do 30 de novembro).
  • Manipulación manual de cargas que entrañen riscos, en particular dorsolumbares, para os traballadores e traballadoras (Directiva do Consello 90/269/CEE, do 29 de maio de 1990).
  • O traballo con equipos que inclúen pantallas de visualización (Directiva do Consello 90/270/CEE, do 29 de maio de 1990).
  • A protección dos traballadores e traballadoras contra os riscos relacionados coa exposición a axentes carcinóxenos durante o traballo (Directiva do Consello 90/ 394/CEE, do 28 de xuño de 1990).
  • A protección dos traballadores e traballadoras contra os riscos relacionados coa exposición a axentes biolóxicos durante o traballo (Directiva do Consello 90/679/ CEE, do 26 de novembro de 1990).
  • A seguridade e saúde nas obras de construción temporais ou móbeis (Directiva do Consello 92/57/CEE, do 24 de xuño de 1992).
  • A mellora da seguridade e da saúde no traballo da traballadora grávida, que dese a luz ou no período de lactación (Directiva do Consello (92/85/ CEE, do 19 de outubro de 1992).
  • A mellora da protección en materia de seguridade e de saúde dos traballadores e traballadoras da industrias extractivas por sondaxes (Directiva do Consello 92/91/ CEE, do 3 de novembro de 1992).

- Dereitos de información dos traballadores e traballadoras. Nos termos contidos na Directiva do Consello 91/533/CEE, do 14 de outubro, a empresa estará obrigada a pór en coñecemento do traballador ou traballadora os “elementos esenciais” do contrato de traballo ou da relación laboral (polo menos, a identidade das partes, o lugar de traballo, a denominación, o grao, a calidade ou a categoría do posto de traballo, a duración do contrato, a duración das vacacións pagadas e dos prazos de preaviso en caso de remate do contrato, a retribución e a periodicidade do pagamento, a xornada de traballo e, se é o caso, a mención dos convenios colectivos que regulen as condicións laborais). Esta información poderá derivarse da entrega ao traballador ou traballadora, no prazo máximo de dous meses tras o comezo do seu traballo, dun contrato de traballo escrito, dunha carta de contratación ou dun ou máis documentos escritos que inclúan a maior parte dos elementos indicados.

 

 


Arquivos:


Volver