Documento


A manifestación

A manifestación

 Regulación

Lei orgánica 9/1983, do 15 de xullo, reguladora do dereito de reunión.

 O dereito fundamental a manifestarse publicamente

  • O dereito de manifestación regúlase xunto cos dereitos de reunión, refírese ao seu exercicio, pacífico e sen armas, en lugares de tránsito público. Xeralmente, a reunión refírese a estar parados nun lugar de tránsito público (“parada”). A manifestación desenvólvese facendo un desprazamento por eses lugares; hai un itinerario dun lugar a outro, ambos fixados.
  • O dereito de manifestación está recollido no actual ordenamento constitucional español como un dereito fundamental. (Sección 1ª, capítulo 2º do Título I).
  • Conseguintemente ao seu exercicio, só pode regularse mediante Lei Orgánica. E así acontece, que está regulado pola Lei Orgánica 9/1983, do 15 de xullo, en diante LORM (BOE Nº 170 do 18 de xullo).
  • Por ser un dereito fundamental, non se precisa “autorización” previa para exercelo. Non precisa de “permiso” ningún. É un dereito que dá a Constitución por riba dos poderes públicos e autoridades. Estas teñen que protexer ese dereito, ao tempo que os dereitos das persoas non manifestantes, de aí que haxa que comunicarlle á autoridade gobernativa que se vai facer unha manifestación, como logo indicamos.
  • Igualmente, e pola mesma razón, o exercicio deste dereito goza de amparo constitucional. Isto é, os actos da Administración (p.ex. Delegados/as do Goberno), ou dos particulares, que sexan ou se estimen contrarios ao seu exercicio, ou inxustificadamente limitativos, poden recorrerse en amparo diante do Tribunal Constitucional, a máxima instancia estabelecida para a garantía e tutela dos dereitos fundamentais.
  • Antes do recurso de amparo, contra os actos contrarios ou limitativos do exercicio deste dereito, pódese e débese recorrer ante os tribunais ordinarios (Audiencia), a través do proceso especialísimo e urxente estabelecido pola Lei de Protección Xurisdicional dos Dereitos Fundamentais.
  • Por ser un dereito fundamental, non é un dereito típico ou exclusivo dos traballadores e traballadoras, é un dereito da e do cidadán, das persoas físicas (individuos) e xurídicas (por exemplo, sindicatos, partidos políticos, asociacións, etc.). Así se explica que non teña merecido unha regulación específica no ordenamento laboral: nin no Estatuto, nin na LOLS.

É patente que este dereito é utilizado con frecuencia polos traballadores e traballadoras, e consiste en manifestarse publicamente (en lugares públicos) a favor ou en contra de algo: contra a promulgación de medidas que faciliten o despedimento libre ou que minoren a prestación por desemprego. A favor dunha política de construción de vivendas sociais, de espazos verdes na cidade, etc., e tamén contra a decisión de privados, por exemplo, contra a clausura ou peche dunha empresa.

  • Así pois, hai que ter en conta que a manifestación non xustifica a ausencia en horas de traballo, polo que a hai que facer fóra da xornada laboral, a non ser que se realice estando xa en tempo de folga, coincidindo con ela ou en uso por parte dos/as delegados/as das horas sindicais.
  1. Trámites para exercer o dereito
  • Convocantes.

Toda manifestación vai precedida dunha convocatoria. Pode convocala calquera persoa física ou xurídica que estea en pleno exercicio dos seus dereitos civís, isto é, que non os teña limitados por unha resolución xudicial ou administrativa firme.

  • Comunicación á autoridade.

Pero para poder realizar a manifestación cómpre comunicarllo por escrito á autoridade gobernativa (Delegados/as do Goberno na Comunidade Autónoma ou subdelegados/as en cada provincia). No escrito hai que facer constar os extremos que relatamos a continuación (art. 9 da Lei Orgánica). Agrupámolos en tres grupos, porque responden a distintos fins e aclaran o contido deste dereito.

- Nome, apelidos, domicilio e DNI (ou pasaporte) da persoa ou colectivo que asina o escrito. Estes son os datos imprescindíbeis que deben constar cando convoca e organiza un traballador ou traballadora, ou grupo de traballadores ou traballadoras, ou os/as delegados/as de persoal, etc.

- Nome, natureza e domicilio da persoa xurídica que convoca e organiza, cando se trata dun sindicato, Comité de Empresa, Comité Intercentros, asociación, partido, etc. Neste caso, a organización convocante ten que facer a comunicación por medio da súa persoa representante, que será unha persoa individual (presidente/a, secretario/a, apoderado/a, etc.), que asinará o escrito e ten que facer constar o seu nome, domicilio e DNI.

A exixencia destes requisitos responde a que as persoas organizadoras son as responsábeis da “boa orde da manifestación”(art.4.2.LO), isto é, de que non se causen danos indebidos a bens ou dereitos alleos. Por iso cómpre ficar identificadas.

Agora ben, esta responsabilidade, por danos que as persoas participantes causen a outras, só procede no caso de que omitisen a dilixencia “razoabelmente exixíbel” para prevelos. Trátase de responsabilidade civil, consistente no resarcimento do dano causado, nunca de responsabilidade penal (delitiva), que corresponde exclusivamente a quen cometese o delito.

- Lugar (localidade), data, hora e duración prevista.

- Itinerario proxectado; indícanse rúa ou praza para o seu inicio, para o seu paso e para o seu remate.

- Medidas de seguridade previstas e efectivizadas polas persoas organizadoras. Así, debe facerse constar cantos formarán o servizo de orde, o distintivo que levarán, se se disporá de radioteléfonos, etc.

- Medidas que as persoas organizadoras solicitan da autoridade gobernativa; por exemplo, pódense pedir medidas de protección, no caso de que sospeiten que poden ser agredidas, ou padecer impedimentos de calquera tipo. Estes datos requírense polos seguintes motivos:

  • Porque é deber e responsabilidade gobernativa protexer a manifestación fronte a aquelas persoas que tratan de impedila, ou de perturbala, ou de molestar as persoas manifestantes, así como adoptar medidas concretas para conseguir a realización pacífica.
  • Porque a autoridade gobernativa ten que garantir tamén os bens e dereitos fundamentais das persoas non manifestantes.

Neste senso, a LORM prescribe que a autoridade “só poderá prohibir as manifestacións cando existan razóns fundadas de alteración da orde pública con perigo para as persoas ou bens”.

  • Obxecto da manifestación: hai que indicar, sinteticamente, a favor ou en contra de que se fai a manifestación.

Cómpre salientar que os Tribunais van exixir que “o obxecto sexa lícito”. Pero isto non quere dicir que non se poida convocar e facer manifestación contra algo que estea estabelecido por Lei, ou a favor de algo que non está recoñecido na Lei.

E así, sería lícita unha manifestación a favor da reforma da Constitución, ou da Lei Electoral, ou do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, etc.

A licitude do obxecto vén dada polas exixencias necesarias dunha sociedade democrática; non sería lícito, pois, promover unha manifestación a favor da discriminación racial, relixiosa, etc., ou en contra dos dereitos humanos. Unha convocatoria con este contido sería lexitimamente prohibida.

A manifestación, no fondo, expresa unha opinión e o estado de ánimo das persoas manifestantes acerca desa opinión. Así pois, vén sendo unha forma máis do dereito de libre expresión. Feita colectivamente, con asociación transitoria, en lugares de tránsito público.

Conseguintemente, en canto á licitude dos seus obxectivos, ten límite semellante ao dereito de libre expresión.

  • Presentación.

- O escrito debe presentarse por duplicado. Un dos exemplares debe ser devolto á persoa asinante, selado e datado polo/a funcionario/a do rexistro correspondente.

 - Hai que presentalo cunha antelación mínima de dez días e máxima de trinta días; trátase de días naturais, o que quere dicir que contan os días laborais, domingos e festivos.

 - Excepcionalmente, pode reducirse a antelación a un mínimo de vinte e catro horas; iso é posíbel “cando existan causas extraordinarias e graves que xustifiquen a urxencia da convocatoria e da manifestación”. De aí que nestes casos é recomendábel facer constar no escrito, brevemente, a razón da urxencia.

  • Prohibición ou proposta de modificación pola autoridade gobernativa.

Como xa dixemos, a simple comunicación á autoridade gobernativa é suficiente para realizar a manifestación e obter a protección obrigada dos poderes públicos. Estes non teñen que contestar.

Agora ben, a lei faculta a autoridade gobernativa a resolver, en casos excepcionais, prohibindo a manifestación, ou propoñendo modificación nas condicións do seu desenvolvemento (lugar, hora, itinerario, etc.); para iso teñen que satisfacerse varios requisitos:

- Que existan razóns fundadas de que poden producirse alteracións da orde pública con perigo para persoas ou bens.

- Que a resolución da autoridade sexa motivada, facendo constar no seu escrito, de xeito expreso e preciso, as razóns de feito e dereito en que se fundamenta.

- Que comunique esta resolución ás persoas promotoras ou organizadoras no prazo de corenta e oito horas, contadas a partir do momento en que a convocatoria lle fose comunicada.

  • Recurso

Se se produce a resolución administrativa, e as persoas convocantes non están de acordo, poden acudir, no prazo doutras corenta e oito horas, ao procedemento especial e sumario da Lei de Protección Xurisdicional dos dereitos fundamentais (Lei 62/1978).

  • Rango ou importancia

Ademais do carácter de dereito fundamental da persoa, que o ordenamento legal lle atribúe ao dereito de manifestación, o mesmo rango está recoñecido nos seguintes textos normativos:

  • Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, asinado en Nova York o 19 de decembro de 1966, e ratificado polo Estado español co Instrumento do 13 de abril de 1977.
  • Convenio Europeo para Protección dos Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais de Roma, 4 de novembro de 1950.
  • Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
  1. Dereito de manifestación e “Lei Mordaza”

A entrada en vigor da Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá (coñecida popularmente como “Lei Mordaza”), converteuse nunha seria ameaza para o exercicio do dereito fundamental de manifestación. Isto foi advertido no propio ano de aprobación da Lei polo grupo de persoas expertas en dereitos humanos de Nacións Unidas, que considerou que a lei “vulnera a propia esencia do dereito de manifestación pacífica pois penaliza unha ampla gama de actos e condutas esenciais para o exercicio deste dereito fundamental, limitando marcadamente o seu exercicio”.

Actualmente, tramítanse no Congreso dos Deputados dúas proposicións de lei para a súa modificación, que no mellor dos casos finalizará cunha reforma parcial e non coa derrogación da lei.

A lei aumenta as multas por manifestarse sen permisos, pola negativa para disolver unha concentración ou provocar altercados, e as sancións poden ir desde os 600 até os 600.000 euros, se a protesta se desenvolve preto de institucións como o Parlamento de Galiza, o Congreso ou o Senado e perturba o seu funcionamento. Chamar en Twitter, Facebook ou Instagram a iniciar unha manifestación sen seguir o procedemento de comunicación formal que explicamos antes tamén pode ser sancionado.

A norma permite castigar, ademais, con multas desde 600 e ata 30.000 euros a persoas que impidan un desafiuzamento.

A lei aprobada polo Partido Popular castiga “o uso non autorizado de imaxes ou datos persoais ou profesionais de autoridades ou membros das Forzas e Corpos de Seguridade que poida poñer en perigo a seguridade persoal ou familiar dos axentes, das instalacións protexidas ou en risco o éxito dunha operación, con respecto ao dereito fundamental á información”. As multas por gravar a axentes da seguridade poden chegar ata os 600.000 euros.


Arquivos: