A empresa de ambulancias Lucus Logística atrasa o pago das nóminas por segundo mes consecutivo

Lugo - 06 Mai 2024

A FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña denuncia que Lucus Logística SL aínda non abonou os salarios correspondentes ao mes de abril. Este é o segundo mes consecutivo que a empresa -que xestiona as bases de ambulancias do transporte urxente 061 Navia de Suarna, Palas de Rei, Guitiriz, Sarria, Becerreá e Pedrafita do Cebreiro- se atrasa no pago dos soldos ao seus 50 traballadores e traballadoras.

Para a FGAMT-CIG esta situación é preocupante polo incumprimento contractual co seu persoal, pola reiteración na demora do pago dos salarios máis tamén polas consecuencias que pode ter na continuidade do servizo, xa que por que se produce no marco do actual proceso de adxudicación do servizo de transporte urxente.

A CIG, aínda que non ten representación entre o persoal, insta a que se garanta o cumprimento do pagamento dos salarios de xeito periódico e puntual, segundo se recolle no convenio sectorial. E, de igual maneira, insta a Xunta de Galiza "para que se interese no seguimento desta situación no que pode ser un claro síntoma de precariedade que se poida repercutir ao servizo que deben recibir as persoas usuarias do SERGAS".

A este respecto, o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López, subliña que o persoal non pode ser quen padeza as 'vendetas' pola evolución nos concursos para o transporte sanitario urxente nin "que se permita que empresarios desta categoría sigan á fronte de empresas que sistematicamente se encamiñen a procedementos concursais ou de liquidación".