
O persoal de Veolia, un exemplo de loita contra a precarización nas contratas do xigante téxtil

Os traballadores de Veolia, contrata que realiza parte do servizo de mantemento das instalacións de Inditex en Sabón e A Laracha, sostiveron durante 20 días unha dura folga para esixir a readmisión dun compañeiro arbitrariamente despedido, o recoñecemento do dereito á subrogación e melloras retributivas das que xa goza o persoal doutras auxiliares.
Todo un exemplo de loita contra os abusos do grupo Inditex que, no marco do proceso de dixitalización, pretende precarizar as condicións de traballo nas súas contratas e así poder utilizalas como auténticas ETT das que coller persoal barato cando o precisa. A folga, explica o secretario da CIG-Industria da Coruña, Eduardo Caamaño, foi suspendida tras lograrse a recolocación do compañeiro e iniciarse unha mesa de negociación con Veolia, que a día de hoxe segue aberta.
Porén, Caamaño advirte que a loita non rematou, xa que fica pendente acadar o recoñecemento do complemento de centro de traballo (decisión que depende de Inditex), así como comprobar que os acordos se materializan de maneira positiva.
Ofensiva contra os dereitos
As manobras de Inditex, coa conivencia das súas contratas, para evitar que o persoal consolide dereitos ou se organice na defensa dunhas condicións dignas danse en todas as empresas e fixéronse notar especialmente durante a pandemia, cando Inditex atrasou o máximo posíbel a reincorporación do persoal en ERTE (como pasou en Vero Juncal, que fai o mantemento mecánico), ordenou a rotación do persoal entre outros servizos como en SARPEL, ou directamente se executaron despedimentos pola retirada de carga de traballo, como na lavandería industrial Top Wash.
Coincide que, en todas estas auxiliares, o persoal está organizado e loitou para conseguir melloras que agora Inditex non quere consolidar, para ter cadros de persoal nas contratas submisos, sen dereitos e na inseguridade permanente sobre a continuidade dos empregos.
O retail, en conflito polos despidos e a incerteza no emprego
O sector auxiliar que dá servizo ao grupo Inditex –construción das tendas, mobiliario, escaparatismo, estruturas metálicas, impresión gráfica etc– tamén está sufrindo unha profunda transformación, produto, entre outras cuestións, da dixitalización. “O problema que teñen agora moitas destas empresas é que traballan practicamente en exclusiva para Inditex, algo que foi promovido pola propia multinacional, que durante anos buscou concentrar o sector para telo á súa disposición cando, onde e como quería”, explica o secretario da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.
Unha destas compañías é KIMAK (antiga Grupo Caamaño) que xa se desfixo de todo o persoal eventual durante a pandemia ao non incorporalo aos ERTE, para a continuación comezar cos despedimentos de persoal indefinido, 23 traballadores/as até o momento. “E isto pasa cando este proceso de transformación do retail está en fase inicial”, advirte.
Unhas agresións que provocaron as primeiras mobilizacións na historia da empresa. Pois non hai que perder de vista que non existía representación sindical e só foi a partir dos ERTE por covid “cando o persoal entendeu que tiña que organizarse para defender os seus dereitos e demandar un plan industrial para a diversificación de negocio que permita manter os postos de traballo”, sinala Filgueira.
Grupo Cándido Hermida
No Grupo Cándido Hermida tamén se vive unha elevada conflitividade. Á empresa non lle tremeu o pulso para despedir 24 operarios/as alegando presuntas causas económicas. “Non é máis que unha escusa, Cándido Hermida ten tanta carga de traballo que para afrontar os pedidos está subcontratando actividade”, denuncia o secretario da FCM-CIG de Ferrol, Marcos Sánchez. Entende que, atrás desta decisión, a empresa busca desfacerse do persoal máis combativo e amedrentar os traballadores/as para así impor sen contestación os recortes laborais que xa tentou aplicar antes do comezo da pandemia e tamén durante os ERTE por covid.
Sánchez sinala que estes movementos no sector auxiliar “non pasan por casualidade. En case todas as empresas que traballan para Inditex está habendo despedimentos e modificacións das condicións laborais”, unhas medidas que considera buscan avanzar na terceirización da actividade.