Terceira xornada de mobilizacións por un convenio digno nas axencias marítimas

Ferrol - 16 Xun 2021

Traballadores e traballadoras das axencias marítimas da provincia da Coruña realizaron, por terceiro mércores consecutivo,  mobilizacións para esixir un convenio que contemple melloras reais e remate con nove anos de conxelación das condicións de traballo. A FGAMT-CIG denuncia que a patronal quere liquidar a negociación cunha miserente suba económica, pero sen tocar ningún outro aspecto do convenio como a conciliación laboral, a xornada, o sistema retributivo, as licencias e permisos retribuídos ou a prevención de riscos laborais.

Malia existir unha plataforma conxunta da parte social, na mesa de negociación tanto CCOO como UGT están asumindo a tese patronal de limitarse a negociar un mínimo incremento retributivo, esquecendo o resto de reivindicacións sociais.

O vindeiro luns está prevista unha nova xuntanza da mesa e dependendo do que alí aconteza abordarase co persoal a posibilidade de levar adiante un novo calendario de mobilizacións.