
Seguir na loita para recuperar dereitos

O Consello Confederal da CIG, reunido o pasado día 3 de decembro, acordou a estratexia de traballo e o calendario de mobilizacións para 2019 tras analizar a situación política e o contexto sociolaboral.
En representación do organismo, o secretario xeral, Paulo Carril, avaliou a incerteza política sobre a continuidade do Goberno español, condicionado polo debate en torno aos orzamentos do Estado, pactados con Podemos, e polo efecto propagandístico dos anuncios que se van facendo ás pingas. Así valorou que o que se pretende é desarmar “a loita social e a loita obreira”. Unha situación que considerou que “non podemos alimentar” e pola que chamou a “manter viva” a mobilización en dous aspectos fundamentais: na resposta á política xeral e na negociación colectiva.
Respecto da emerxencia da ultradereita nas eleccións andaluzas, responsabilizou ás posicións da esquerda española que, “coa súa dialéctica vinculada coa unidade de España e a negación da realidade plurinacional no Estado, xunto coa axenda timorata ou colaboradora coas políticas neoliberais, non se preocupa por derrogar as políticas do capital creando o caldo de cultivo” para iso.
Lamentou que nin o Goberno español ten intención de cambiar realmente as políticas, nin a Xunta de Galiza, por moito que agora faga “un papel de oposición aparencial”. Mais tamén lamentou “a vontade inequívoca de CCOO e UGT de non apostar pola mobilización” para botar abaixo as reformas laborais, senón a de “ser cómplices dunha prolongación de todas esas reformas e de todo o que ten que ver coa negociación colectiva”.
O Consello fixou como obxectivos a exixencia da inmediata derrogación das reformas laborais e das pensións; consolidar a posición da CIG como primeira forza nas eleccións sindicais; incrementar a afiliación como garante de maior introdución nos centros de traballo e onde reside a forza da central sindical e reclamar na negociación colectiva a recuperación dos salarios ligada a salario mínimo de convenio, incrementos sobre o IPC real e cláusula de revisión salarial e o combate á precariedade e a pobreza laboral.
Mobilizacións
26 de xaneiro
Manifestación nacional en defensa do sistema público de pensións, con saída da Alameda compostelá ás 12:00 horas.
8 de Marzo
Folga xeral de mulleres.
10 de Marzo
Mobilizacións en todas as comarcas con motivo do Día da Clase Obreira Galega.
Campañas
-ILP pola recuperación dos saltos hidráulicos
Recollida de sinaturas nos vindeiros meses para que estes saltos volvan ser públicos, combater a pobreza enerxética e rachar co oligopolio do sector enerxético.
-Indulto de Carlos e Serafín
Reforzar a mobilización en demanda do indulto de Carlos e Serafín pasando das mobilizacións de carácter local a darlle transcendencia nacional.
-Traballadores/as transfronteirizos/as
Manter a loita contra a súa explotación laboral.
-Sanidade
Seguir a defender o sistema público ante os recortes da Xunta.