
Reaxen contra o ERE salvaxe que quere aplicar o BBVA a pesar de ter beneficios millonarios

O BBVA obtivo no 1º trimestre do ano uns beneficios de 1200 millóns de euros e vén de subir de maneira escandalosa os salarios da alta cúpula directiva. Porén, estase aproveitando das facilidades da reforma laboral do PP (que o goberno de coalición segue sen derrogar) para tentar impor un ERE extintivo, unha modificación das condicións laborais e un expediente de mobilidade xeográfica que afectará a máis de 3000 empregadas/os e suporá o peche, só en Galiza, de 26 oficinas.
A entidade xustifícase nunha baixada dos beneficios (non ten perdas económicas) e nun suposto cambio de hábitos da clientela que, como explica o secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, “foi forzado polo propio banco, pechando sucursais, eliminando e/ou reducindo servizos e recortando os horarios das caixas para expulsar a clientela das oficinas e dirixila á banca electrónica ou ao caixeiro”.
Os postos de traballo deféndense loitando
Esta dixitalización forzada, que afonda na exclusión financeira das zonas rurais e de amplos sectores sociais, é utilizada agora como escusa para despedir salvaxemente e empeorar as condicións laborais. Mais o persoal do BBVA está dando cumprida resposta a esta agresión, participando nas mobilizacións e secundando de xeito maioritario as xornadas de folga convocadas pola CIG, xunto con outras centrais sindicais.
“Os postos de traballo deféndense loitando, ese é o camiño que temos que seguir para impedir que o BBVA execute o seus plans e para evitar que se chegue a algún acordo no que se acepte, como mal menor, boa parte dos despedimentos ou un recorte das nosas condicións de traballo”, asevera Fernández.