
Por unhas pensións e unha atención á dependencia dignas

O colectivo de Xubilados/as e Pensionistas ten previsto convocar mobilizacións en todas as comarcas para os días 31 de outubro e 28 de novembro en demanda da derrogación das reformas das pensións, das reformas laborais e da negociación colectiva, para que se garanta emprego en condicións dignas e políticas que reforcen o sistema público de pensións. O colectivo exixe que se aplique o incremento das pensións conforme o IPC e que as mínimas se igualen ao SMI.
Este calendario de mobilizacións iniciarase unha vez entregadas, o vindeiro 16 de outubro, as sinaturas da campaña pola dependencia, que o colectivo leva todo este ano desenvolvendo.
Unha campaña coa que se demanda que nos orzamentos para o 2020 se incrementen as partidas dos programas de atención á dependencia e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantila a través dunha rede pública de recursos cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.
Así “non terán que ser as mulleres, unha vez máis, as que asuman en exclusividade esas tarefas de coidado”.