
Por unha saída galega e xusta da crise

A crise sanitaria da Covid-19 converteuse xa nunha profunda crise económica e social, cando o pobo galego viña dunha grave recesión que aínda non estaba superada. Mais os efectos da pandemia non son os mesmos nin para todas as clases sociais, nin para todos os pobos e nacións.
Nestes meses evidenciáronse as eivas, fracasos e inxustizas do capitalismo, que priorizou o vigor da economía deixando na máis absoluta desprotección social e sanitaria a cada vez máis sectores das clases populares. Puxo ademais ás claras as consecuencias da globalización baseada na deslocalización dos procesos produtivos dos bens e servizos e a dependencia que os estados teñen das empresas privadas para acceder a produtos esenciais.
Por iso a CIG vén de elaborar unha batería de propostas para a recuperación económica e industrial e a creación de emprego digno na nosa terra, con políticas que non supoñan, máis unha vez, saquear a clase traballadora. Un intenso calendario a desenvolver nos próximos meses, no marco da campaña coa que se darán a coñecer estas propostas recollidas nun documento que será trasladado ao Goberno español, á Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares para a súa toma en consideración.
Está en xogo o noso futuro porque en Galiza estabamos de cheo xa nunha crise social, industrial e demográfica –empeorada pola incesante emigración– que agora se ve agravada por esta nova realidade.
Unha situación á que contribuíu a Xunta de Galiza coa súa inacción e con políticas suicidas de desenvolvemento económico consistentes, case en exclusiva, na eucaliptización do país a favor da industria pasteira e no fomento insostíbel do sector servizos, nomeadamente do turismo e do Camiño de Santiago, mentres se desmantelan actividades estratéxicas e perdemos sectores produtivos completos.
Unha desfeita acelerada polo proceso de dixitalización e descarbonización da economía que en Galiza está sendo, en realidade, unha auténtico proceso de reconversión con consecuencias dramáticas para comarcas enteiras e sen que haxa políticas de reindustrialización para o asentamento de novos sectores, nin para pechar os ciclos produtivos.
Galega e xusta
Precisamos dunha saída galega e xusta da crise superando as políticas neoliberais; defendendo un desenvolvemento galego propio; asegurando financiamento público; abordando unha profunda reforma fiscal, que grave as grandes fortunas e as grandes empresas, así como a intervención pública de sectores estratéxicos da economía, hoxe en mans privadas (banca, eléctricas, etc).
E precisamos comezar por recuperar o autogoberno para sermos quen de levar adiante todo un sistemático e completo paquete de políticas públicas que concentren todos os recursos a favor das maiorías sociais, única maneira real de garantir unha protección social plena, sen exclusións, o dereito ao emprego, salarios e ingresos digno para toda a clase traballadora. Por iso, hoxe máis ca nunca, cómpre reivindicar o dereito a decidir do pobo galego é vital para facer fronte eficazmente á crise.
Unha saída á crise pasa tamén pola loita, o combate e a mobilización, porque os dereitos conquístanse, non os regalan nin se mercan. Nin se mercadea con eles nese invento do “diálogo social” que pretende suplantar o protagonismo da clase traballadora impoñendo antidemocraticamente medidas de recorte e facilitando solucións que favorecen o capital.
A loita é agora por saír desta crise creando as bases para un cambio de sistema no camiño de avanzar cara a unha Galiza ceibe e sen explotación.