
Polo rescate do hospital Povisa de Vigo para a sanidade pública

A federación de Saúde da CIG e o comité de empresa de Povisa están a opoñerse frontalmente -con mobilizacións e xestións institucionais- á operación de venda do hospital vigués a un fondo voitre estadounidense por 24 millóns de euros, unha cantidade irrisoria tendo en conta que o Sergas destina anualmente 90 millóns polo convenio asinado coa Xunta para dar prestación a máis de 137.000 persoas da área sanitaria.
En base a isto, demandan a adquisición pública do centro, como se fixo co hospital de Alzira, na Comunitat Valenciana, tras denunciarse numerosas irregularidades nas que estaba implicada Ribera Salud, filial da estadounidense Centene Corporation.
A empresa que vai mercar Povisa foi denunciada, entre outras cuestións, por non presentar as súas contas anuais dende 2008, adebedarlle cartos á Generalitat Valenciana, acumular milleiros e milleiros de euros en facturas sen pagar e por sobrecustos na facturación de Urxencias de até 2,6 millóns de euros.
“Mesmo se investigou se cobraba comisións por próteses pagadas con cartos públicos, ademais de estar implicada no caso das ‘mordidas’ tras constatarse que triplicara os seus beneficios, e até foi auditada por Facenda. Toda unha serie de irregularidades que levaron finalmente a que se recuperara para o sector público na Comunitat Valenciana, mais á que agora se lle abre a porta ao negocio da saúde en Galiza”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.