
Persoal de Atunlo O Grove mobilízase diante do Concello pola readmisión dos despedidos/as

O cadro de persoal de Atunlo O Grove continúa coas mobilizacións para reclamar a readmisión dos 14 compañeiros/as despedidos/as. Onte desenvolveu unha concentración diante do consistorio, onde mantivo unha xuntanza coa corporación municipal para solicitarlle o apoio á súa loita.

Dende a representación da CIG que acompañou a delegación que se reuniu coa corporación grovense explicaron que “trasladámoslle o noso malestar e preocupación por esta nova perda de emprego estábel nas industrias manufactureiras da localidade”. Xa que despois do longo conflito da empresa Thenaisie Provote “agora atopámonos con estes despidos inxustificados en Atunlo O Grove”.
Por iso lle solicitaron -como sindicato maioritario no comité de empresa- ao conxunto da corporación municipal o seu apoio ás reivindicacións do persoal afectado. “Despois da xuntanza os representantes de todas as formacións políticas con representación no Concello trasladáronnos que levarán ao seguinte pleno, que terá lugar o 6 de xuño, unha proposta que recolle o seu apoio unánime”.