
Paulo Carril: “Hai que derrogar todas as reformas antiobreiras xa, sen transición”

Enfrontámonos a unha dobre situación crítica: dunha banda, á crise industrial que percorre Galiza de norte a sur; doutra, á extensión constante da precariedade, da pobreza laboral e dos baixos salarios, consecuencia directa das reformas laboral, da negociación colectiva e das pensións.
Cada día que pasa son máis urxentes e necesarias as derrogacións íntegras desas reformas e de todas as políticas de recortes nos servizos públicos que se aplicaron durante estes anos, porque a profunda desigualdade e inxustiza social que están a causar non pode ter como solución simples revisións ou derrogacións parciais como ten anunciado en recentes declaracións a ministra de Traballo.
Así o asegura o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen denuncia que as reformas laborais e sociais “supuxeron un auténtico golpe de Estado aos dereitos laborais” e afirma que “non hai tregua posíbel, non hai transición posíbel, ten que haber derrogación total, ruptura democrática para recuperar os dereitos arrebatados”.
Emerxencia social
A situación en Galiza é insostíbel. O atraso continuado e inxustificado da aprobación do estatuto para a industria electrointensiva pon en risco os postos de traballo e sitúanos na máis absoluta indefensión ante a decisión de peche do complexo de San Cibrao, que está exclusivamente nas mans da dirección de Alcoa.
A crise industrial esténdese desde o sector naval de Ferrol ao naval de Vigo, pasando pola deslocalización e destrución de emprego no sector das telecomunicacións. Impónsenos un nivel de exixencia tan alto de cumprimento da redución das emisións de CO2, levando por diante, dun golpe, as centrais térmicas das Pontes, como se fósemos unha sociedade industrializada soberana, con capacidade de decidir, ao nivel de Alemaña ou Francia, cando, en verdade, somos vítimas dun tecido económico e industrial deseñado polo gran capital español e internacional, resultado de anos dunha industria de enclave que veu espoliar as nosas materias primas, que non pecha os ciclos produtivos no propio país e que ten sido altamente contaminante.
Nova reconversión
Agora as grandes eléctricas vólvense ‘ecoloxistas’ pero non asumen ningunha responsabilidade social do dano causado, nin están dispostas a ceder a súa posición de oligopolio que acumula cada día máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen.
Por iso a mobilización é máis necesaria que nunca. Temos que exixir unha transición xusta, que dea unha alternativa de futuro, de emprego e de industrialización ao noso país, para que poidamos utilizar a riqueza que xera a produción de enerxía para o desenvolvemento económico e social de Galiza e que teñamos unha tarifa eléctrica galega.
A verdadeira transición ecolóxica, para que sexa tal, e sexa xusta, ten que pasar porque se nos recoñeza o dereito e a capacidade de decidir sobre os nosos recursos e sobre o noso desenvolvemento económico e social.
Doutro xeito, advirte Paulo Carril, “será unha nova versión, actualizada, das reconversións brutais como a que vivimos coa entrada ao Mercado Común Europeo, hoxe UE, que foi a ruína para o pobo galego”.
Este cadro complétase co intenso e permanente proceso de expulsión da poboación do rural. Temos os salarios e as pensións máis baixas do Estado, a poboación máis avellentada, os maiores índices de emigración e non nos deixan producir para poder vivir.
Mobilizacións
A CIG non se resigna a este proxecto de país deseñado por un Partido Popular instalado nunhas posturas ultraespañolistas e negadoras de Galiza, como diariamente demostra un Feixoo “entregado aos fondos de investimentos, indolente e pasivo, pero que, cando actúa faino para colaborar na destrución dos nosos sectores produtivos e industriais estratéxicos, mentres se abraza a unha política suicida para a sociedade galega e que non crea emprego digno consistente no macroturismo, no Camiño de Santiago a gran escala, na eucaliptización do país a favor das grandes corporacións e que afondan na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e ambientas”, denuncia Carril.
A CIG ten claro que coa mobilización social faremos recuar estas políticas, como se conseguiu frear a pretensión de Feixóo de pechar o paritorio de Verín, impedir proxectos como o da mina de Touro ou como se freou no seu día o da mina de Corcoesto.