
Paros de catro horas e manifestación para esixir a readmisión dos despedidos no CETEC

Os tres delegados de persoal (da CIG) no CETEC, centro tecnolóxico do grupo vigués de automoción Copo, convocan paros de catro horas por quenda de traballo e unha manifestación este luns 28 para reclamar a readmisión de dous compañeiros despedidos. Dende a central denuncian que mediante estas rescisións de contrato a compañía estase a desfacer de persoal con antigüidade para substituílo por traballadores/as en peores condicións laborais.
Segundo explican dende a representación sindical, a dirección do CETEC alude a supostas causas obxectivas para xustificar os despedimentos, “cando a empresa non só non ten perdas senón que no pasado exercicio superou as súas expectativas económicas”. Consideran que se trata dunha decisión totalmente inxustificada, polo que chaman o cadro de persoal a participar non paros e na manifestación que sairá dende a sede de Copo en Mos ás 11:00 horas.
Dende a CIG denuncian que detrás destes despidos agóchase unha estratexia da dirección para precarizar as condicións laborais mediante a contratación de persoal en peores condicións. “O actual xerente chegou hai dous anos coa clara intención de reestruturar a empresa co obxectivo de abaratar os salarios e precarizar o emprego”, sinalan.
Diante disto, amósanse convencidos/as de que o conflito laboral non tardará en estenderse ás distintas empresa do Grupo Copo, “tendo en conta a nova política de persoal que están a aplicar”. Tamén consideran que cos despidos o CETEC pretende coaccionar os traballadores/as de cara á negociación do convenio colectivo que terá lugar este ano.