Pacto de “perdas” para o persoal do sector público

Nacional - 11 Nov 2022

A Área Pública da CIG rexeita rotundamente o “pacto de perdas” acordado entre o Goberno español e os sindicatos CCOO e UGT, que suporá para o persoal empregado público a perda de arredor dun 10% do seu poder adquisitivo nos próximos tres anos. Unha porcentaxe que se eleva ao 33% coa perda acumulada desde o ano 2010.

A Área Pública da CIG rexeita ademais a forma na que se chegou ao acordo, negociando cos sindicatos CSIF, CCOO e UGT por detrás, burlando a Mesa Xeral das Administracións Públicas e excluíndo a nosa central sindical, sindicato máis representativo e maioritario no sector en Galiza. 

A CIG foi excluída da negociación malía ser o sindicato máis representativo e maioritario en Galiza

Para este ano acordouse un incremento do 1,5%, que se percibirá nun único pagamento en decembro e que se sumará ao 2% aplicado a primeiros de ano, chegando así ao 3,5%, cando o IPC de setembro acadou case o 9%. Para o ano próximo, o incremento será do 2,5%, ao que se lle pode sumar un 0,5% máis en outubro, en función de se o IPC harmonizado 2022-23 suma máis do 6% e outro 0,5% se o PIB nominal do 23 supera a previsión do Goberno. Para 2024 a suba salarial será do 2%, coa posibilidade de sumar o 0,5% se o IPC 22-24 harmonizado supera o incremento salarial previsto.

O acordo consolida ademais a taxa de reposición como mecanismo de xestión dos recursos humanos na función pública, impedindo que haxa persoal suficiente para prestar os servizos públicos con calidade, precarizando as condicións de traballo e favorecendo a creación de chiringuitos fóra do ámbito do público.

A Xunta non compensa os salarios

A CIG rexeita tamén a Lei de Orzamentos para 2023 da Xunta de Galiza, porque se limita a trasladar o acordo estatal sen garantir ningún complemento que compense nos salarios do persoal empregado público da administración galega o desmesurado incremento do IPC, nin permite a recuperación de dereitos laborais.

A central sindical seguirá mobilizándose en defensa duns servizos públicos de calidade e en demanda de condicións laborais, salariais e sociais dignas para o persoal que, quer na sanidade, quer no ensino, quer na administración, garanta o seu mellor funcionamento posíbel, como fixo en canto coñeceu os contidos destes acordos.