
O VIII Congreso da CIG renova a Executiva Confederal e reelixe a Paulo Carril como secretario xeral

O VIII Congreso da CIG, que tivo lugar o sábado 9 de outubro en Santiago, reelixiu a Paulo Carril como secretario xeral e renovou a Executiva que se encargará de dirixir a central nos vindeiros catro anos.
No encontro, o primeiro que se celebrou como central con máis representación en Galiza –xa o era en afiliación e en capacidade de mobilización– participaron máis de 500 delegados/as, que baixo o lema ‘Forza para Avanzar’ actualizaron o modelo de organización e definiron as liñas de acción sindical que guiarán o traballo a desenvolver.
A nova Executiva Confederal colleitou 477 votos a favor, 29 en branco e 3 nulos, mentres que a candidatura de Paulo Carril, a única que concorreu ao proceso, sumou 464 votos a favor, 35 en branco e 7 nulos. Deste xeito, o órgano de dirección queda conformado por Paulo Carril Vázquez, Susana Méndez Rodríguez, Paulo Rubido Bará, Francisco González Sío, Antonio Mera de La Fuente, Lucía Freire Ces, Miguel Malvido Cabirto, Nicolasa Castro Monteiro, Cristina Martínez Padín, Anxo Noceda Carballo, Renato Núñez Da Silva e Diana Rodríguez Regueira.
O VIII Congreso elixiu ademais a Comisión de Garantías, que foi referendada por 472 votos a favor, 40 brancos e 4 nulos e que fica integrada por Birino Marcos Baamonde, Marta Dacosta Alonso, María Mar Peteira Cabana, Nieves Somoza López, Luis Burgos Díaz e Xosé Ramón González Losada.
A xornada de debate comezou a primeira hora coa votación do Regulamento, a intervención do secretario comarcal da CIG de Santiago, Pepe Maio, e a proxección dun vídeo que resumía a acción sindical e a conflitividade máis salientábel dos últimos catro anos. Os delegados/as asistentes dedicaron ademais un minuto de silencio en memoria do que foi secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco.
Primeira forza sindical
A continuación sucedéronse as intervencións arredor dos textos de Organización e Acción Sindical, que fixan como obxectivo fortalecer o sindicato para consolidar a súa condición de primeira forza sindical do país e enfrontar a crise económica, laboral e social agravada pola pandemia. Tamén se aprobaron máis de 20 resolucións de apoio a distintas loitas e na defensa da sanidade e dos servizos públicos.
Antes do acto de clausura, Margarida Corral, até o de agora secretaria das Mulleres da CIG, e Fran Cartelle, secretario confederal de Emprego, recibían o aplauso unánime do Congreso en recoñecemento ao labor desenvolvido como membros da Executiva e un agasallo de mans do secretario xeral.
Interviñeron ademais, en representación das máis de 25 organizacións sindicais internacionais asistentes, a secretaria xeral de LAB, o secretario xeral da Intersindical catalá, o secretario xeral de ELA, o responsábel de Relacións Internacionais da CGTP, un membro do secretariado do sindicato palestino PGFTU e a responsábel de Relacións Internacionais do sindicato saharauí UGT-Sario.
Antes do Congreso celebrouse un Seminario Internacional co título ‘A defensa do traballo na era covid-19’ e unha homenaxe ao centenario das loitas da Patagonia Rebelde.
Paulo Carril, na súa condición de reelixido secretario xeral, pechou o Congreso cunha intervención na que repasou os principais obxectivos da CIG de cara aos próximos catro anos.