
O V Encontro Nacional de Delegadas debaterá sobre acción sindical en materia feminista

O vindeiro 10 de outubro celebrarase en Compostela o V Encontro Nacional de Delegadas da CIG co obxecto de debater as liñas de actuación sindical dos próximos meses, facer unha posta en común do papel da CIG como organización feminista capaz de xerar dinámica propia na Galiza e fortalecer a central como organización de referencia.
Na xuntanza, que en anos anteriores contou coa participación dunhas 300 delegadas, afondarase na necesidade de impulsar iniciativas sostidas no tempo, non vinculadas necesariamente á conmemoración de datas senlleiras, para que a problemática das mulleres estea presente en toda a acción sindical.
Así, avaliarase o impacto dos cambios lexislativos relacionados coas políticas de igualdade e debaterase sobre a necesidade de continuarmos coa campaña impulsada en xuño do ano pasado baixo o lema “Xa é hora de avanzar nos nosos dereitos”.
Unha iniciativa para identificar as distintas discriminacións que sofren as mulleres no mercado de traballo, levando ás empresas e á Administración a denuncia da discriminación salarial na clasificación profesional, as discriminacións relacionadas coa problemática da conciliación, as precarias condicións nas que se desenvolve o traballo do fogar e dos coidados das persoas dependentes, así como as alternativas que propón a central sindical.
Xunto a isto, no encontro abordarase a estratexia a seguir en 2020, tendo en conta que malia dúas xornadas históricas de folga de mulleres non houbo resposta dos gobernos ás nosas demandas.