
O sector do metal da Coruña, en folga por un convenio colectivo digno

Os traballadores e as traballadoras do metal da provincia da Coruña irán á folga os días 5, 12, 18 e 19 de maio en demanda dun convenio colectivo que garanta o poder adquisitivo dos salarios e recolla auténticas melloras laborais e sociais.
A convocatoria destas catro xornadas de folga é o resultado dun proceso de axitación que a CIG-Industria leva meses promovendo entre o persoal, coa convocatoria de numerosas asembleas e dúas manifestacións provinciais, no convencemento de que só será posíbel acadar un convenio digno a través da loita e da mobilización.
Pois, tras dous anos de negociación sen avances, a patronal lanza unha proposta “que é unha auténtica burla”, xa que pretende eliminar de golpe a revisión salarial ligada ao IPC para pasar a unha nova fórmula que suporía que cada traballador/a perdese máis de 8.000 euros ao final da vixencia do convenio.
A patronal fai esta proposta nun momento no que a carestía da vida medra imparábel, cando o IPC rematou o pasado ano no 6.5% e cando, a nivel galego, está próximo aos dous díxitos. E aínda quere dar un paso máis e aproveitar este convenio para introducir os peores aspectos da reforma laboral para flexibilizar máis a xornada de traballo e afondar na precarización do sector.
O voceiro CIG-Industria na mesa do convenio, Eduardo Caamaño, xa advertiu que “non imos consentir que a clase traballadora sexa a que novamente pague as consecuencias desta crise. Non imos asumir ningún convenio que non garanta, cando menos, o mantemento do poder adquisitivo dos soldos; e esta garantía pasa por incluír unha cláusula de revisión salarial anual referenciada no IPC real”.
Reclama, ademais, ampliar o dereito de subrogación para todo o persoal, un día máis de vacacións, a regulación dos pluses de penoso, tóxico e perigoso, así como as axudas de custo e viaxes, e limitar o uso das ETT.
Para poder conquistar estas lexítimas reivindicacións, a CIG chama a todo o persoal do siderometal da Coruña a secundar estas catro xornadas de folga e a pelexar con unidade e determinación “porque só a través da loita e da mobilización conseguiremos frear os abusos da patronal, mellorar os nosos dereitos e avanzar nas nosas condicións de vida”.