O persoal das actividades deportivas municipais adía as mobilizacións á espera de que o Concello da Coruña concrete unha solución

A decisión de suspender a contrata coa actual empresa, Amartya, a finais de mes suporía deixar na rúa e sen dereito á subrogación a 37 persoas
A Coruña - 17 Xun 2020

O persoal das Escolas Deportivas Municipais e das actividades do Servizo Municipal de Deportes acordou suspender as medidas de presión aprobadas en asemblea do venres 12,á espera de que o Goberno local da Coruña efectivice o compromiso trasladado na reunión mantida no día de onte coa representación social. Cómpre lembrar que o Concello comunicara o remate da contrata coa empresa que presta o servizo, Amartya SL, a partir do próximo 30 de xuño, o que suporía o despedimento de 37 traballadores/as, que ademais perderían o dereito á subrogación cando se adxudique a nova contrata ao romperse a relación laboral. Esta medida tamén implicaría deixan sen actividades deportivas a máis de 3.000 usuarios e usuarias.

Na reunión deste martes, o Goberno municipal comprometeuse a buscar unha fórmula legal que garanta o mantemento da relación laboral dos/as traballadores/as, ben sexa prorrogando a actual contrata ou ben sacando un contrato de urxencia até a nova licitación. Neste contexto, os delegados/as de persoal e a CIG-Ensino, emprazaron o concelleiro de Deportes e o xefe de Gabinete da Alcaldía a unha nova reunión (que quedou fixada para o martes 23 de xuño), na que concretar cal é solución finalmente adoptada polo Concello.

"Valoramos positivamente a apertura desta vía de diálogo, pero se ese día o Concello da Coruña non ofrece unha saída levaremos adiante as medidas de presión acordadas na asemblea de traballadores e traballadoras", advertiron Alberto Ferreiro, Javier Dosil e Ramiro Bravo, delegados/as de persoal, en rolda de prensa este mércores.

Ferreiro lembrou que a concesión rematou en decembro pasado, pero a Xunta de Goberno local aprobara no seu día prorrogar a contrata con Amartya por facturación até sacar a nova licitación.  Desta xeito, sinalou, "garantiríase non só a continuidade dos empregos e o dereito á subrogación do persoal, senón que se siga desenvolvendo un traballo esencial para a nosa sociedade".

Unhas actividades "máis necesarias ca nunca"

A este respecto, a representación do persoal demanda do Goberno local que retome as actividades deportivas, de ocio e tempo libre, xa que son un servizo moi demandado pola cidadanía e incluso "nos están chamando usuarios e usuarias pedindo que se volvan facer determinadas actividades". Javier Dosil subliñou que entre as súas funcións tamén hai servizos de rehabilitación e actuacións enfocadas á atención ás persoas con necesidades especiais que agora, "despois de tres meses de confinamento, son máis necesarias ca nunca. Para moitas persoas, o noso tamén é un traballo de socialización".

Abundando nesta cuestión, Ramiro Bravo lamentou a decisión do Concello da Coruña de suspender todas as actividades deportivas, cando a maioría delas, coa organización adecuada e as medidas de prevención pertinentes, poderíanse desenvolver de xeito presencial sen problema. De feito, lembrou que neste período de confinamento o persoal seguir elaborando programas e actividades en situación de teletraballo e que é agora cando hai que preparar e planificar a actividade do vindeiro curso.

Pero "semella que non hai interese por manter as actividades e que se busca un recorte substancial deste servizo aproveitando a crise sanitaria e o remate da concesión", denunciaron na comparecencia.

Ante a incerteza xerada, os traballadores e as traballadoras (16 indefinidos/as, 18 con contrato fixo-discontinuo e 3 temporais) agardan unha solución ponte por parte do Concello que evite o seu despedimento a 30 de xuño, así como urxen á pronta elaboración dos pregos do novo contrato "que dean seguridade laboral e nos que se recoñeza todo o traballo que facemos". Neste punto, o Concello abriu a porta a estudar as propostas e suxerencias trasladadas polos traballadores e as traballadoras para mellorar os pregos.