O persoal dos centros de Política Social protagoniza a 15ª xornada de mobilizacións

Desenvolveron concentracións diante das instalacións de todo o país esta mañá
Nacional - 08 Out 2020

Continúan as protestas nos centros de atención directa da Consellaría de Política Social en demanda da recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise en 2012 e para esixir uns servizos de atención ás persoas 100% públicos e de calidade. Hoxe tivo lugar a 15ª xornada de mobilizacións en todo o país, que unha vez máis consistiron en concentracións ás portas dos centros, a excepción do de Cabeza de Vaca, en Ourense, como consecuencia das restricións impostas polas autoridades sanitarias ante o aumento dos casos de covid na provincia.

As centrais convocantes -CIG, CCOO, CSIF e UGT- anunciaron que as accións reivindicativas manteranse todos os xoves do mes de outubro. Ao mesmo tempo, solicitaron xuntanzas cos tres grupos políticos con representación no Parlamento galego para abordar un conflito laboral que se prolonga dende hai xa catro meses.