
O persoal de Leche Celta, en loita por un convenio de empresa para rachar o marco estatal

Aínda que poida semellar paradoxal, os traballadores e as traballadoras da planta de Leche Celta en Pontedeume iniciaron unha loita en 2017 para acadar un convenio colectivo de empresa, como vía para rachar coa negociación de ámbito estatal do convenio de industrias lácteas e traer a negociación ao centro de traballo. Daquela tiveron que desenvolver varias xornadas de folga para chegar a un acordo que melloraba substancialmente os salarios e as condicións sociais recollidas no convenio sectorial.
Neste 2021, tiveron que volver á loita contra as pretensións da empresa de establecer un sistema retributivo inxusto e arbitrario, que penaliza a quen enferma ou colle un permiso e que liga os incrementos salariais a cuestións como a produtividade, que escapan ao control do persoal afectado.
O pasado 10 de xaneiro iniciaron un calendario de paros laborais que se intensificou coa convocatoria de folga parcial indefinida dende o luns 31 de xaneiro, en resposta ao inmobilismo patronal. Malia as prácticas de esquirolaxe da empresa, desviando produción a outras plantas e os intentos de intimidación, a folga é un éxito, rexistrando un seguimento do 100% en cada unha das quendas laborais. E as demandas tamén son claras: “un incremento económico que manteña o poder adquisitivo dos salarios, deteriorados pola inflación, e avances nas melloras sociais conseguidas durante estes anos”, sinala a presidenta do comité, María Xosé Vizoso (CIG).
Avances no convenio grazas á loita
Finalmente, tras 18 xornadas de folga e dunha reunión de mediación que se prolongou durante máis de seis horas, o pasado 8 de febreiro chegábase a un preacordo para o convenio que foi ratificado polas asembleas de traballadores/as.
O pacto acadado contempla un incremento salarial do IPC real no conxunto do convenio colectivo durante os anos de vixencia (2021-2024), cun tope do 4.5% máis as subas porcentuais correspondentes a cada exercicio. Deste xeito, explica Fran Cartelle, representante da CIG, conséguese a principal reivindicación do persoal a nivel económico: que se garanta o poder adquisitivo dos salarios.
Xunto a iso, lógranse melloras na retribución da nocturnidade, incrementar o prezo de todos os festivos traballados, reducir a xornada anual en oito horas e subir o abono dos festivos especiais (24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro) até os 120€, que terán cada ano o incremento correspondente ao convenio.
Así mesmo, equipáranse os permisos das parellas de feito cos de matrimonio e establécese por convenio que as licencias comecen a contar en día laborábel. Tamén se amplía a xornada de verán para o persoal administrativo e créase unha comisión para a reclasificación das categorías, o que suporá á súa vez un incremento nos salarios.