O persoal da refinería prosegue coas mobilizacións en contra do ERTE fraudulento presentado por Repsol

A Coruña - 23 Abr 2021

Traballadores e traballadoras da refinería de Repsol continuaron este venres co calendario de mobilizacións en rexeitamento ao ERTE que a empresa quere aplicar durante seis meses a 212 persoas, así como para demandar da petroleira que faga os investimentos necesarios para adaptar as instalacións ás novas esixencias da Lei de Transición Enerxética, garantindo así a súa viabilidade.

A protesta desenvolveuse ás portas da refinería e fíxose tras da reunión do período de consultas celebrada esta mañá, no que a sección sindical da CIG volveu manifestar a total oposición a unha medida que cualifica de "fraudulenta" e para a que non existen causas nin produtivas nin organizativas.

Así mesmo, a representación da CIG reclamou da empresa que, ao igual que xa anunciou para outros centros de traballo, presente un plan de investimentos para adaptar o complexo industrial da Coruña ao proceso de transición enerxética, garantindo así a viabilidade da actividade produtiva e o mantemento de todos os postos de traballo.

Manifestación este sábado

Para este sábado, 24 de abril, o comité ten convocada unha manifestación na Coruña que sairá ás 12 horas da Praza da Palloza e rematará na Praza de María Pita.