O naval vigués lanza o seu último SOS para evitar a súa desaparición definitiva

A CIG está a desenvolver unha intensa campaña de mobilizacións e a achegar propostas
Vigo - 04 Xun 2021

A liquidación de Vulcano e a crítica situación na que se atopa Barreras abocan o sector naval da Ría de Vigo a desaparecer ante a inacción das Administracións española e galega e a desidia dos sindicatos estatais. Cada vez queda menos tempo para atopar unha saída que permita a supervivencia dunha industria fundamental para a bisbarra e da que dependen historicamente milleiros de postos de traballo.

Diante disto, a CIG está a intensificar a súa campaña en defensa do sector, con mobilizacións na rúa e con propostas como a intervención pública directa das empresas para que a comarca conte cun estaleiro público ou semipúblico que funcione de motor da industria auxiliar. Mobilizacións como a celebrada o pasado 19 de maio, cando arredor dun milleiro de persoas se manifestaron na cidade “polo futuro industrial da comarca”. 

A central sindical aposta pola nacionalización de Barreras tras o fracaso da xestión privada

Máis semella que os plans gobernamentais van por outro lado: o Executivo ponse de perfil e a Xunta mira cara a outro lado, mentres as compañías agonizan e as auxiliares van camiño da desaparición afogadas polas débedas. E a Autoridade Portuaria de Vigo actúa de punta de lanza da estratexia para desmantelar o sector coa escusa de dotar de máis terreo portuario para o tráfico comercial de contedores, como está a acontecer con Vulcano.

No caso de Barreras, o maior estaleiro privado estatal, a nefasta xestión da dirección comprometeu a supervivencia dunha empresa que nin presentou o plan de viabilidade comprometido, para cuxa elaboración solicitaran varios millóns de euros públicos. Así o denunciou o CIG o 27 de maio durante a ocupación simbólica das instalacións do estaleiro.

Con esta protesta a central sindical foi quen de forzar unha xuntanza coa dirección de Barreras na que os xestores da compañía confirmaron que na actualidade non existe carga de traballo e semella que non a vaia haber a medio prazo, o que compromete o futuro da empresa e do propio sector no seu conxunto.

Por iso a CIG seguirá a mobilizarse e a petar en todas as portas que sexan necesarias para atopar unha solución que permita a supervivencia da empresa, que para a central sindical pasa pola súa nacionalización, unha vez que a xestión privada demostrou a súa incapacidade para facelo con garantías.