O metal responde cunha folga masiva ao bloqueo da negociación e ás ameazas da patronal
O paro continuará o mércores e o xoves, día no que está prevista unha mobilización con carácter provincial dende Oleiros á Coruña
A Coruña/Ferrol/Compostela - 09 Xun 2026
O sector do siderometal da provincia da Coruña encara este martes a primeira das tres xornadas de folga consecutivas na demanda dun convenio digno e con melloras reais nos dereitos laborais e sociais. A folga é un éxito tanto a nivel de seguimento do paro como na participación do persoal nos piquetes informativos e nas mobilizacións realizadas na Coruña, Ferrol e Compostela.
Unha resposta contundente fronte á actitude mantida pola parte empresarial que, lonxe de presentar propostas que permitan avanzar nun acordo, mantén bloqueada a negociación e ameaza con eliminar o carácter retroactivo do convenio.
“Hai moita conciencia de que este sector necesita un convenio, e iso é o que están a demandar as traballadoras e os traballadores con estes tres días de folga. Solicitámoslle á patronal que negocie e marque un calendario áxil de reunións, pero témolo que facer pola vía da folga, porque a día de hoxe non hai fixada ningunha reunión”, criticou Eduardo Caamaño, voceiro da CIG-Industria.
De feito, rexeitou, “o único que temos enriba da mesa é unha ameaza da patronal de que o convenio só terá aplicación dende o día que se asine e non a 1 de xaneiro, o cal significaría perder o carácter retroactivo que sempre tivo a negociación do convenio de siderometal. Estamos ante unha auténtica barbaridade e unha provocación por parte do empresariado, que non nos deixa outra alternativa que seguir na loita e incrementar a folga nos días que sexa preciso até conseguir que reaccionen”.
A este respecto Caamaño adiantou que, “se a patronal continúa sen achegar unha proposta digna de ser estudiada”, as asembleas de persoas traballadoras xa aprobaron catro días máis de folga para o 16, 17 e 30 de xuño e 2 de xullo. Porque, engadiu, “o persoal ten claro que non vai agardar todo o ano para ter un convenio mentres segue medrando a inflación e o custe da vida, perden capacidade adquisitiva e dereitos”.
Desprezo da patronal ao persoal
O representante da CIG denunciou que a patronal ten secuestrada a negociación colectiva e lamentou a súa persistente negativa a dialogar e avanzar. Lembrou que a parte social entregou hai catro meses a súa plataforma e na última reunión “a patronal díxonos que necesitaba tempo para estudiala. O desprezo é demasiado evidente e o persoal non vai consentir seguir nesta situación de maneira indefinida”.
A parte social, logo do éxito dos tres anteriores días de folga, apostou porque a semana pasada fora unha semana de negociación, “polo que lamentamos que a patronal teña suspendido unilateralmente as reunións previstas sen propoñer un novo calendario, a pesar das reiteradas peticións por parte da representación sindical”.
Ante este bloqueo, Caamaño apuntou que, se a patronal non reúne a mesa, “a parte social terá que tomar esa iniciativa e convocar unha xuntanza para comezar a negociar en serio e chegar a acordos que satisfagan as demandas do persoal”. Nesta liña incidiu en que os dous últimos convenios do siderometal da provincia da Coruña “foron dous convenios moi bos que se lograron grazas á loita, á mobilización e á unidade do persoal e ese é o camiño que temos que continuar”.
A folga repítese o mércores e o xoves
A folga terá continuidade no día de mañá, mércores 10 de xuño, no que tamén están previstas as seguintes mobilizacións:
Carballo : ás 12h, manifestación dende o polígono industrial até a Praza do Concello.
Compostela : ás 12h, manifestación desde o polígono do Tambre até o edificio da Xunta en San Caetano.
Ferrol : ás 12h, manifestación dende a porta principal de Navantia até o peirao.
Ademais para a xornada do xoves está programada unha manifestación provincial que sairá ás 12h da Avda. das Mariñas (Perillo, Oleiros), cruzará a Ponte Pasaxe, continuará por Alfonso Molina e a Vedra até rematar diante da sede da patronal na Praza de Luís Seoane.