
O impacto económico, social e laboral do proceso de concentración bancaria

A crise financeira, que tan graves consecuencias económicas, sociais e laborais tivo no noso país, levou a un proceso de “reestruturación” bancaria imposto pola UE que hoxe celebran os grandes grupos multinacionais propietarios dos principais paquetes de accións.
O proceso de concentración bancaria no Estado español, promovido polo Banco Central Europeo, laminou a competencia, provocou miles de despedimentos, nunha reconversión salvaxe, moitos aínda en curso nos distintos ERE presentados, permitiu encarecer servizos –de xeito pactado entre as distintas entidades–, impor á clientela restricións e proceder a un incesante peche de oficinas.
Con cada fusión son máis as vilas galegas que quedan á marxe dos servizos financeiros e menos as opcións para atopar unha entidade que ofreza mellores servizos e menos comisións. Entre o 31 de decembro de 2010 e o 31 de decembro de 2019 pecharon en Galiza 555 oficinas de bancos e 460 das antigas caixas. Máis de 1000 ás que se sumarán outras que xa teñen gravada a súa data de caducidade.
As entidades marxinan cada vez máis á clientela menos rendible. Ao tempo, forzan a transformación das persoas aforradoras en “investidoras” a quen poder colocar produtos financeiros cada vez máis complexos, traspasando o risco.
A banca expulsa ademais a clientela das oficinas, reducindo horarios de caixa ou mesmo cobrando por retirar cartos das propias contas para provocar a súa “dixitalización obrigatoria”, o que aboca á dependencia dixital ou directamente á exclusión do sistema financeiro das persoas maiores.
Para este proceso, o propio persoal dos bancos ten instrucións para instalar a aplicación correspondente no teléfono móbil da/o cliente na propia oficina e facer desde aí a operación. A partir dese momento, esa persoa pasa a constar para entidade como outro cliente dixitalizado máis e outro cliente de oficina menos.
Xustificar os ERE
Isto utilízano despois as propias entidades financeiras para xustificar os ERE, so pretexto de que sobra persoal, xunto coas supostas baixadas de beneficios –que non perdas– para as que alegan o período de pandemia. ERE que poderán aplicarse porque as reformas laborais non foron derrogadas, o que facilita a decisión unilateral de proceder a despidos masivos aos bancos e sitúa o persoal nun marco de negociación desfavorable, non só para o persoal despedido, senón tamén para o que quede, porque se lle poderán aplicar medidas lesivas en materia de horarios ou salarios.
No plano económico, os grandes bancos só serven para dar servizo ás grandes corporacións e empresas porque o proceso de reconversión fulminou as entidades financeiras propias deixando sen soporte o noso tecido de PEMES, persoas aforradoras, autónomas e minoristas, que viron restrinxido o seu acceso ao crédito.
Por iso a CIG vén denunciando e combatendo o modelo de sistema financeiro que se impón, mobilizándose contra os ERE, exixindo o mantemento das oficinas bancarias, para evitar que se siga expulsando á xente do rural e demandando a creación dun Banco Público Galego que actúe ao mesmo tempo como Axencia Financeira de Institucións Galegas, co obxectivo de reformular os instrumentos financeiros a disposición das familias e das nosas empresas.