
O grupo Inditex impón a dixitalización para recortar dereitos laborais e destruír postos de traballo

Aproveitando a pandemia da covid, o grupo Inditex pisou o acelerador do proceso de dixitalización, lanzando ao tempo unha ofensiva contra os dereitos das traballadoras e dos traballadores. Centraliza ademais a negociación colectiva co obxectivo de dificultar a participación das centrais máis reivindicativas, e valerse de CCOO e UGT para chegar a acordos que supoñen desmantelar os dereitos laborais no grupo. Pero este ataque ten a súa resposta nas mobilizacións e folgas que o persoal está realizando dende hai meses na defensa dos empregos e unhas condicións dignas, e que se estende tamén ás empresas que lle prestan servizos auxiliares.
Inditex ten en marcha un proceso de peches das tendas físicas que en Galiza suporá cerrar 24 establecementos. Pero estes peches non van acompañados dun plan de recolocacións con garantías de manter postos de traballo e condicións, senón que a empresa oferta vacantes en peores condicións, algunhas con xornadas ridículas de 9 horas, horarios que imposibilitan a conciliación e con traslados a outras provincias, polo que na práctica as traballadoras vense obrigadas a deixar o seu emprego.
“Parécenos ben que Inditex queira cambiar o seu modelo de negocio, pero non pode ser á conta dos nosos dereitos. Demandamos que a recolocación se faga nas mesmas condicións de ingresos, xornada, horarios e categoría e co mínimo traslado posíbel”, subliña Carmiña Naveiro, da executiva da CIG-Servizos e presidenta do comité de Zara da Coruña.
Este desmantelamento é similar ao da rede comercial de H&M pero, ao non formularse a través dun ERE, dificulta a resposta colectiva e ten un impacto mediático mínimo. Mais tamén provoca que non existan criterios de reparto de prazas obxectivos e igualitarios, senón que as vacantes se ofertan con base no mal acordo que CCOO e UGT lle asinaron en Madrid. Deste xeito, o persoal das tendas que pechan antes teñen máis posibilidades de coller unha praza en mellores condicións que as que marchan despois, con independencia da antigüidade, xornada ou salario que tivesen.
Para Naveiro, Inditex usa esta mudanza para deixar sen efecto os acordos sociais e retributivos que as traballadoras conseguiron a través da loita “e regresar aos anos 90, cando non había ningunha mellora para o persoal das tendas nin se cumpría sequera o convenio colectivo”.
Incide en que “levamos moito tempo denunciando que as dependentas somos a parte máis castigada da empresa. Inditex aproveita a pandemia para recortar os nosos dereitos e facer o que lle peta, ninguneando completamente a representación social, mentres soben as vendas e incrementa a súa rendibilidade aforrando salarios e alugueiros”.
Máis subcontratación
O responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, apunta que Inditex podería recolocar o persoal afectado nos novos postos que se van crear para a xestión da venda online “pero non llos ofrece porque non lles quere respectar as condicións polas que levan anos pelexando”. Critica que, en vez de estabilizar o emprego e ofrecer condicións dignas, o grupo “afonda na súa política de subcontratación salvaxe, xa que está externalizando todo os postos dos almacéns dixitais e dos procesos de reparto online”.
Estes axustes, engade Naveiro, aplícanse mentres Amancio Ortega embolsou case 650 millóns de euros e Inditex repartía entre os seus accionistas 1.090 millóns de euros. “Estamos falando dun reparto millonario de cartos en plena pandemia, mentres se recortan dereitos salariais, laborais e sociais ao persoal que fai posíbeis eses inxentes beneficios”, salienta.
Nesta liña, Pérez incide en que, segundo os datos da propia empresa, grazas á dixitalización Inditex está superando todos os records de vendas e neste primeiro trimestre obtivo un beneficio de 421 millóns de euros e unhas ventas de 4.942 millóns. Cifras que evidencian “que non existen motivos non organizativos, nin económicos para destruír empregos e empeorar as condicións de traballo nas tendas”.