
O Encontro Nacional de Mulleres da CIG acorda convocar Folga de Mulleres o 8 de Marzo

O VII Encontro Nacional de Mulleres celebrado o pasado decembro en Compostela, acordou convocar Folga de Mulleres de 24 horas para este 8 de Marzo. Para preparar a xornada de paro xeral e as mobilizacións do Día Internacional da Muller Traballadora, a central nacionalista celebrará durante as próximas semanas asembleas de afiliadas en todas as comarcas do país.
Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres da CIG, subliña que se nos anos anteriores había razóns sobradas para xustificar a folga de mulleres, “a precarización das condicións laborais, a perda de dereitos e a sobrecarga de traballo a consecuencia da pandemia fan que a convocatoria teña aínda máis sentido para este 8 de Marzo”.
As únicas políticas adoptadas polos gobernos foron dirixidas a reducir os salarios e a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar
Así, fai un chamamento a secundar a folga para denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema. Corral lembra que a pesar de terse convocado un Paro Internacional de Mulleres en 2018 e unha folga laboral e de coidados de mulleres de 24 horas en 2019, acompañadas das mobilizacións máis numerosas da historia recente, “o certo é que non houbo mudanzas salientábeis nin a nivel legal nin a nivel real”.
Neste senso, sinala que a pandemia amosou que os traballos feminizados son traballos esenciais para o desenvolvemento da sociedade, “mais as mulleres non fomos obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a nosa saúde, sobreexpoñéndonos ao virus, nin tampouco se nos recompensou o noso sobreesforzo cunha revalorización social e económica do noso traballo.
Todo o contrario, as únicas políticas adoptadas polos gobernos, tanto no Estado como na Xunta, foron dirixidas a reducir os nosos salarios e a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar”.