
O despropósito da conserva: negociar en Madrid o convenio dun sector estratéxico para Galiza

Exemplo desta desconexión absoluta que supón a negociación estatalizada é o convenio da conserva, sector no que aínda que o 80% dos centros de traballo e a da actividade se desenvolve en Galiza, o marco regulador de referencia é estatal. Por iso unha das reivindicacións históricas da CIG é conseguir un convenio galego da conserva de peixe.
A CIG foi a primeira central que convocou mobilizacións no sector ante as pretensións da patronal de recortar dereitos e perpetuar a fenda salarial que existe nunha actividade na que a maioría dos cadros de persoal están integrados por mulleres. A disposición das traballadoras e dos traballadores a pelexar por un convenio digno levou á convocatoria de tres días de folga en xaneiro e febreiro.
O seguimento dos paros foi medrando en cada unha das xornadas nunha contundente resposta á actitude patronal, que tentou presionar anulando primeiro a reunión do convenio e despois rachando a mesa de negociación.
O éxito das folgas, que paralizou a actividade nas principais empresas da industria conserveira galega, e das mobilizacións realizadas en vilas como Vigo, Vilagarcía, Boiro ou Viveiro, evidencia que as traballadoras e os traballadores non cesarán na loita por un convenio que garanta o poder adquisitivo, que supoña “dunha vez por todas” a igualdade retributiva de homes e mulleres e no que a fenda salarial “pase a formar parte da historia”.
A loita continúa
Un convenio que recolla, ademais, as garantías legais para que o establecemento da quenda de fin de semana “en ningún caso, absolutamente en ningún caso” supoña a modificación das actuais persoas traballadoras do sector e que sirva exclusivamente para a creación de emprego a través das empresas e non das ETT.
Despois destas tres xornadas de folga, a representación social reitera a dispoñibilidade para continuar co proceso de negociación do convenio canto antes, “pero tamén dende aquí dicimos alto e claro que a nosa disposición a negociar non implica vender os dereitos das persoas afectadas polo convenio das conservas de peixe”.
Por iso, dende a FGAMT-CIG xa adiantaron que a loita non rematou “e non rematará até conseguirmos un convenio digno para as persoas traballadoras do sector da conserva”.