
O comité de Povisa transmite as súas inquedanzas ao Sergas

O comité de empresa de Povisa vén de reunirse esta tarde con responsábeis da Consellaría de Sanidade na súa sede de Compostela para coñecer o estado das negociacións entre a Administración e dirección do hospital vigués, así como para transmitir as demandas do colectivo de traballadores/as.
[click para máis información]
Antonio Fernández Campa, xerente do Sergas, e Félix Ruibal, xerente da EOXI de Vigo, transmitiron a predisposición da Xunta para chegar a un acordo nas vindeiras datas que permita superar a situación creada tras a presentación do preconcurso de acredores. Indicaron, neste sentido, que o principal punto de debate continúa a ser o da adquisición de fármacos para pacientes ambulatorios.
Os representantes do comité, pola súa banda, entre os cales se atopaba María Xesús Neira (CIG), trasladaron a situación de inquietude do persoal e as demandas de tranquilidade e estabilidade laborais, rexeitando calquera instrumentalización do colectivo de traballadores/as. Reivindicaron, tamén, que no acordo ao que chegue Povisa co Sergas se recolla o pactado e asinado no concerto de 2006.
Recalcaron, asemade, que calquera pacto que se subscriba debe levar parella a mellora do convenio colectivo e avances nas condicións de traballo, entre elas, medidas para superar a situación de precariedade que padece o cadro de persoal.
Por outra parte, á axenda de contactos do comité para recabar apoio social súmase a do BNG, que será recibido no local sindical de Povisa este mércores 10 de outubro ás 9:45 da mañá.