Nova regulación do traballo a distancia: moitas eivas e moi poucas garantías

A lei non senta as bases para unhas condicións laborais dignas e exclúe a quen xa teletraballa
Nacional - 06 Out 2020

A CIG denuncia que a regulación do traballo a distancia que vén de aprobar o Goberno español perante a nova realidade laboral derivada da pandemia da covid contén moitas eivas e moi poucas garantías, entre elas as de non sentar as bases para unhas condicións laborais dignas, ademais de excluír as persoas que xa teletraballan e deixar unha ampla marxe para a fraude na súa aplicación.

O Real Decreto-lei 28/2020, do 22 de setembro, recolle o acordo asinado polo Ministerio de Traballo, os sindicatos e a patronal española, e tras seren publicado no BOE será validado no Congreso dos Deputados/as polo trámite de proxecto de lei. Trátase dunha normativa coa que se pretende superar a redacción do artigo 13 do Estatuto dos Traballadores/as diante da nova realidade laboral provocada pola pandemia da covid, que supuxo unha enorme expansión do traballo a distancia. Porén, as persoas que están a teletraballar a raíz da crise sanitaria fican excluídas da lei. 

A norma deixa unha ampla marxe para a fraude na súa aplicación

A disposición transitoria terceira establece que o decreto-lei non se lle vai aplicar, cando menos inicialmente, ás persoas que xa traballan a distancia como medida excepcional derivada da pandemia. Mentres non se levanten as medidas de contención sanitaria, a norma que lles afectará será a anterior, coas únicas salvidades de que a empresa deberá facerse cargo de medios, equipos, ferramentas e consumíbeis, así como da manutención necesaria.

Tampouco vai afectar ao emprego público, sexa persoal funcionario, estatutario ou laboral, que se rexerá pola súa normativa específica. Para o resto das persoas traballadoras a afectación será progresiva e demorada: d decreto-lei entra en vigor o próximo 13 de outubro, fixando un prazo de tres meses para que os acordos previos de teletraballo non vinculados á pandemia se adapten á norma; no caso de que exista regulación sobre o traballo a distancia no convenio colectivo, esta manterase até que perda a súa vixencia, ou durante un ano (prorrogábel até tres) no caso de que non teña data de remate.

Outro dos aspectos negativos da nova normativa ten que ver con que deixa unha ampla marxe para a fraude na súa aplicación. No texto defínese o teletraballo regular o que ocupa cando menos un 30% da xornada laboral durante tres meses. Porén, exclúe os contratos con menores ou de prácticas ou formación, que deberán contar cun mínimo do 50% de actividade presencial.

Este mínimo do 30% da xornada para aplicar a nova lexislación fixouse por esixencia da patronal e vai dar pé a que moitas empresas se beneficien de sistemas híbridos de traballo presencial e teletraballo sen teren que aplicar a lei naqueles aspectos en que contén algunha garantía adicional, como as relativos a desconexión dixital, protección de datos ou prevención de riscos. Tamén é previsíbel que se pretendan esquivar estas novas garantías mediante o recurso a falsos/as autónomos/as.

Defectos insalvábeis

Para a CIG a nova lei nace con dous defectos insalvábeis. Por unha banda, é unha norma de mínimos que non dignifica a prestación do traballo nesta modalidade nin resolve a actual situación laboral derivada da pandemia; e por outra, chega despois de terse interrompido o proxecto normativo que estaba en marcha, que foi paralizado no CES “de maneira inaudita e sen antecedentes” en favor do chamado diálogo social. Por iso critica que se obvien os trámites ordinarios e se menosprecen as institucións e organismos paritarios de representación.

O Goberno español abrira unha consulta pública para a elaboración da futura lei do teletraballo, na que a CIG presentou as súas achegas e consideracións. “Pero a tramitación da lei quedou suspendida de xeito insólito cando se atopaba no CES para pactar un acordo con UGT, CCOO e a patronal que non establece as bases para garantir unhas condicións dignas de teletraballo”.