Nova protesta do persoal do Príncipe Felipe para reclamar un protocolo covid adaptado ao centro

Desenvolveu unha concentración diante da Deputación de Pontevedra co apoio da CIG e CCOO
Pontevedra - 29 Set 2020

O persoal educativo do centro de acollida de menores Príncipe Felipe de Pontevedra volveu concentrarse esta mañá diante da Deputación Provincial co apoio da CIG e de CCOO para rexeitar a imposición sen negociación dun protocolo de medidas ante positivos de covid.

Os afectados/as denuncian que o protocolo cambia as funcións dalgunhas categorías laborais e non prevé un aumento de persoal, pero si de carga de traballo, polo que reclaman a elaboración dun protocolo negociado e adaptado ás necesidades do centro, “e non un xenérico”.

No caso de non obter ningunha solución volverán a concentrarse a próxima semana, nunha data aínda por confirmar.

Dende as organizacións sindicais seguen demandándolle á Deputación, entidade encargada da xestión do centro, que trate o tema nunha mesa de negociación na que o persoal poida dar a súa opinión, “xa que os traballadores/as son os que mellor coñecen o centro e os usuarios/as”.