
Na defensa do emprego e da industria: transición enerxética xusta para Galiza

Cando aínda non saímos da crise do 2008 e cun tecido social, económico e industrial aínda doente, Galiza está inmersa de cheo nunha crise industrial que afecta especialmente ao norte, tendo especial incidencia na industria electrointensiva, no naval e no sector enerxético, pero que tamén afecta e pode afectar a outros sectores económicos (telecomunicacións, automóbil, agrario, etc.).
A chamada descarbonización da economía está sendo máis un proceso de desmantelamento total que un proceso de transición. Compre lembrar que somos vítimas dun tecido económico e industrial deseñado polo grande capital español e internacional, resultado de anos dunha industria de enclave, altamente contaminante, que veu espoliar as nosas materias primas, e que non pecha nin completa os ciclos produtivos no noso país.
Presentásenos cun verniz de sustentabilidade, con mudanzas que son aparentes porque mantense para Galiza un papel dependente, no que se pretenden seguir espoliando as nosas materias primas, os recursos naturais, implantando un modelo que segue sendo imposto e ao servizo dos intereses das empresas eléctricas, que substitúen unha fonte de produción de enerxía por outra, pero sen asumir ningún tipo de responsabilidade social do dano causado nin estaren dispostas a ceder a súa posición de oligopolio, que acumula cada día máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen.
A verdadeira transición, para ser xusta e democrática, no social e no territorial, debe significar avanzar en soberanía para Galiza, en poder decidir sobre os nosos recursos e a decidir sobre o seu modelo económico e social.
Doutro xeito, será unha nova versión, actualizada, das reconversións brutais que vivimos cando aquel Mercado Común Europeo, hoxe UE, que foi, e é, unha ruína para o pobo galego.
As eleccións galegas do 5 de abril: poñer fin ao PP e ás súas políticas
O 5 de abril ábrese a posibilidade histórica de conseguir un cambio de Goberno en Galiza, e rematar co proxecto de País que ten deseñado un Partido Popular instalado en posturas ultraespañolistas e negadoras de Galiza, como diariamente demostra o presidente Feixóo, ante esta situación de emerxencia nacional e social que vivimos.
Un Feixóo entregado aos fondos de investimento, indolente e pasivo ante a destrución dos nosos sectores produtivos e industriais estratéxicos, participante nas políticas que nos fan perder poboación activa, vía emigración e avellentamento imparábel, e colaborador permanente no proceso de expulsión da poboación do rural mentres seguen sen aprobar unha lexislación que garanta uns prezos xustos para os produtos agrarios, ou a prestación de servizos básicos no rural.
O PP de Feixóo promove unha política suicida para a sociedade galega, que non crea emprego, consistente no macro-turismo, no Camiño de Santiago a grande escala, na eucaliptización do País en favor de grandes corporacións e que afonda na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e medioambientais.
LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS
-Ferrol:
Ofrenda floral ás 12.30h.
Manifestación ás 20h desde o local sindical da CIG (Avenida de Esteiro).
-Vigo:
Manifestación ás 18:30h desde a Dobrada.
-A Coruña:
Concentración ás 12h na Delegación do Goberno.
-Pontevedra:
Concentración ás 12h na Praza da Peregrina.
-Vilagarcía:
Concentración ás 12h diante do INEM.
-Compostela:
Manifestación ás 20h desde a Praza Roxa.
-Lugo:
Manifestación ás 20h desde o Edificio Sindical.
-Ourense:
Concentración ás 11h diante da Subdelegación do Goberno.