
Mobilizacións contra a política de Inditex de suplir o persoal por caixas de autocobro

A CIG leva varios anos demandando que Inditex incremente o persoal indefinido nas tendas Lefties, porque o que hai actualmente é insuficiente. Tal é así que nos sucesivos estudos psicosociais realizados entre as traballadoras/es, os resultados constatan que cada vez a situación é peor.
Este exceso de carga de traballo tanto física como psíquica repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal. Porén, lonxe de incrementar o número de traballadoras/es, a empresa implantou xa en Zara e Lefties de Marineda 14 caixas de autocobro nun intento de suplilas por máquinas. Por iso hai meses que a CIG-Servizos iniciou mobilizacións para combater este novo intento de utilizar a robotización para deteriorar as condicións laborais.
Carmiña Naveiro, da CIG-Servizos, explica que desde a dirección das tendas se coloca estratexicamente ás caixeiras nas caixas de pagamento convencional “co único fin de obrigar a clientela a pasar polas caixas de autocobro, suplindo así as traballadoras/es, autoembolsando, autodesalarmando e autocobrando as súas propias compras e aforrándolle a Inditex a contratación de máis persoal”.
A CIG-Servizos xa solicitou en reiteradas ocasións á dirección de Inditex a retirada destas caixas de autocobro e que, no seu lugar, se procedese á contratación do persoal necesario porque “non entendemos como unha empresa como Inditex utiliza a escusa das novas tecnoloxías co único fin de empeorar as nosas condicións”.