Mobilicémonos para recuperar salarios e frear a pobreza laboral

A CIG aposta polo conflito na negociación colectiva para conquistar dereitos
Nacional - 10 Feb 2020

As reformas permitiron ao poder económico instalar novas formas de explotación, incrementándose de maneira exponencial os traballos precarios, os contratos a tempo parcial e a pobreza laboral. Sabemos que non nos van regalar ningún dereito. A clase traballadora conseguiunos historicamente loitando por eles.

Por iso a CIG aposta pola mobilización na negociación colectiva para rematar co saqueo desta última década e recuperar os dereitos laborais e salariais que nos roubaron. Así o explica o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío.

Incrementos salariais do 3%

Para avanzar na recuperación salarial, a CIG defenderá incrementos superiores ao 3%; que quede reflectido nos convenios o carácter non absorbíbel dos complementos; a prohibición das duplas escalas salariais e a igualdade retributiva entre homes e mulleres.

Limitación de contratos a tempo parcial

Para loitar contra a precariedade e a pobreza salarial a central sindical centrarase moito no que ten que ver coas novas formas de explotación laboral xurdidas a raíz da reforma da negociación colectiva, que afectan, sobre todo, á mocidade e ás mulleres.

Por iso defenderase, na negociación de cada convenio, a introdución de cláusulas de limitación dos contratos a tempo parcial e a regulación do mínimo de fixos nos cadros de persoal, diante da alta taxa de eventualidade que hai.

Mesmas condicións para o persoal das contratas

Nos convenios de sector loitaremos por conseguir que se garanta que o persoal das contratas teña as mesmas condicións que os traballadores e traballadoras das empresas principais, ademais da prohibición das ETT.

Contra as empresas multiservizos

Perseguiremos as novas formas de precariedade chegadas da man das empresas multiservizos que, amparándose no marco estatal e na prevalencia dos convenios de sector, montan empresas cun convenio de empresa estatal mais entran en todos os sectores rebentando absolutamente as condicións laborais.

Igualdade de condicións nos Centros Especiais de Emprego

Nin a Xunta nin o Estado están exercendo o labor de control que deberían nos Centros Especiais de Emprego. Unha modalidade de empresas onde se contrata a persoas con capacidades distintas que, so pretexto de favorecer a súa inclusión, están explotadas laboralmente ao se lles aplicar as condicións mínimas mentres se lles exixe o mesmo que a calquera outro traballador ou traballadora. O secretario confederal de Negociación Colectiva denuncia que, aínda por riba, estas empresas reciben subvencións pola contratación deste persoal por iso “exixiremos que teñan as mesmas condicións que nas empresas principais”.