A CIG, ELA e a Intersindical convocan unha manifestación en Madrid pola derrogación das reformas laborais

A mobilización conxunta terá lugar o vindeiro 22 de xuño na capital española
Nacional - 04 Xun 2021

CIG, ELA e a Intersindical manifestaranse en Madrid o 22 de xuño para exixir a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva e demandar que se reforce a axenda social. Unha necesidade urxente na actual situación de pandemia e empobrecemento xeral da clase traballadora.

Camiñar cara a unha recuperación social e económica e que se xere emprego digno é imposíbel cando aínda seguen vixentes as reformas laborais de 2010 e 2012. Toda a ampliación dos acordos dos ERTE que se están a asinar sobre a base da vixencia destas reformas significa ERTE á carta para a patronal e unha caída de salarios.

Cada ERTE, ERE, despido, cada minoración dos salarios e das condicións laborais ten causa nesta reforma e ten responsábeis: quenes tendo medios e suficiente maioría parlamentar non tomban estas reformas.

O diálogo social está sendo a escusa perfecta para prolongar inxustificadamente a vixencia das reformas, outorgándolle á patronal medios ilimitados para recortar dereitos e empobrecer máis a clase traballadora. Non é críbel que organizacións que chaman de forma ocasional na rúa á derrogación da reforma laboral, senten nas mesas de diálogo social facendo o posíbel e servindo de pretexto para mantela en vigor.