
Inditex quere aproveitar o peche de tendas para recortarlles dereitos ás traballadoras

O grupo Inditex está inmerso nun proceso de peche de tendas que en Galiza suporá, cando menos, o fechamento de 23 establecementos até xaneiro de 2023. Porén, a multinacional négase a dar garantías de recolocación nas mesmas condicións e co mínimo traslado posíbel, o que pode suporlle ao persoal afectado ter que desprazarse a centros de quilómetros, unha redución de ingresos, cambios de horarios ou xornadas inasumíbeis “véndose na práctica as traballadoras obrigadas a ter que renunciar o seu emprego”.
Nas reunións mantidas coa empresa quedou patente “que a Inditex non lle interesa garantir os postos de traballo, senón aproveitar estes peches para recortar os dereitos que as traballadoras foron adquirindo ao longo destes anos a través dunha dura loita”.
Dende a CIG-Servizos sinalan que “nos parece moi ben que Inditex queira cambiar o seu modelo de negocio, pero non pode facelo á conta dos dereitos das traballadoras. Xa hai moito tempo que vimos denunciando que a precarización no grupo vai ligada ás tendas”.
Ante este novo ataque laboral e para esixir a negociación dun acordo de garantías, a CIG xa iniciou mobilizacións e convocou folga na tenda Uterqüe de Santiago, a primeira en pechar.
A central reivindica que se respecte a preferencia nos traslados do persoal dentro das tendas da cadea e que sexa na mesma cidade ou, de non ser posíbel, na localidade máis próxima; que se manteña a estrutura básica dos horarios e do calendario anual e as concrecións horarias por conciliación; así como que se establezan garantías do salario bruto cobrado en 2019 e conservar a categoría.