A CIG presenta unha batería de propostas para enfrontar a crise e a pobreza

Nacional - 26 Set 2022

Atravesamos unha crítica situación económica e social que semella non ter remate. Vivimos unha grave carestía da vida, xa presente antes da guerra pero agravada desde o seu inicio, e que está acelerando o aumento da pobreza da clase traballadora.

A inflación non para de subir, os prezos da electricidade e dos combustíbeis non baixan e moitos produtos de primeira necesidade están a prezos desorbitados.

Confírmanse –como xa advertiramos no seu día– a insuficiencia das medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e as graves consecuencias das nulas actuacións do Goberno galego, ás que se suma a aprobación dun duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas e fortes exixencias da UE e poder acceder a uns envelenados fondos europeos que nos están a hipotecar para o futuro.

Temos que xerar dinámicas mobilizadoras máis intensas e máis extensas para facer fronte a esta situación

Responder a unha situación como a que temos manténdose na disciplina neoliberal, fai aumentar a desigualdade social e a pobreza no conxunto da sociedade, ao tempo que hai máis acumulación de riqueza en menos mans, axudando así a crear as condicións para que a dereita e o fascismo medren.

Cómpre reaccionar e dar resposta, como a CIG vén facendo desde hai meses, fronte a quen pretende que a clase traballadora galega sexa quen pague, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores.

Non temos alternativa, temos que xerar dinámicas mobilizadoras máis intensas e máis extensas para facer fronte a esta situación.

Estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e central, para que nos próximos orzamentos se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos (financeiro, enerxético, etc.). Un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise.

Propostas para a recuperación económica

Estas 10 medidas urxentes que reclamamos dende a CIG, reafirman o paquete de propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra que a central nacionalista formulou no seu momento e trasladoulle ao Goberno español, á Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares. 

» Propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego

Tamén dan continuidade ás medidas que a CIG xa propuxo o pasado mes de marzo diante do incremento da carestía da vida e as consecuencias da guerra.

» Propostas fronte á carestía da vida e as consecuencias da guerra